«Libros e lectura son instrumentos de acceso ao coñecemento»

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

Carballo volve citarse coa súa semana de letras: do luns 8 ao venres 12 de marzo

03 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A 14.ª edición da Semana do Libro e a Lectura do Concello de Carballo xirará este ano en torno a «A revolución» e, escoitando as palabras de Carme Vilariño, ben pode entenderse por onde ha de vir ese cambio. A iniciativa da Asociación Socio-Pedagóxica Galega e do consistorio, presentada onte, xa é tradición neste municipio: «Unha iniciativa que pretende achegar o libro e a lectura, a promoción dos mesmos, á comunidade educativa: pais, alumnado e familias, que tan importantes son á hora de fomentar a ilusión no fogar pola lectura. Os libros e a lectura son instrumentos de acceso definitivo ao coñecemento (...). Hoxe a lectura faise en moitos soportes, todos válidos, o caso é ler», dixo Vilariño.

As actividades concentraranse entre o luns 8 de o venres 12 deste mes de abril, segundo abundou ela e tamén o edil de Cultura, Marcos Trigo, acompañados polo alcalde, Evencio Ferrero. Coincidiron todos en agradecer o patrocinio da cita, novamente, pola Fundación Luís Calvo Sanz, sempre presta a colaborar coa cultura, e mais tamén a implicación do profesorado dos centros de ensino de Carballo, para a elaboración de traballos nestes mes.

A biblioteca Rego da Balsa será o centro das distintas iniciativas -isto é novidade-, con obradoiros e actividades didácticas pola mañá, concertadas cos colexios, e con outras propostas abertas a todo o público pola tarde. Grandes referentes pasarán por Carballo.

Actividades concertadas con centros de ensino

De 09.30 a 14.30 horas. Biblioteca Rego da Balsa

Luns 8 de marzo

Para escolares de quinto de primaria. «O robot segueliña!», con M8factorial, e «Os contos contados», con Celso Fernández Sanmartín, todo un referente.

Martes 9 de marzo

Para escolares de infantil. «As parábolas de Pakolas», con Paco Cerdeira.

Mércores 10 de marzo

Para escolares de primeiro de primaria. «Saaabor!», con Félix Rodríguez e Fran Rei; e «Teatremos un pouco», con Lucecús Teatro. Unha sesión dobre.

Xoves 11 de marzo

Para escolares de infantil. «A ovella Engracia», espectáculo de AldaoLado.

Venres 12 de marzo

Para escolares de terceiro de primaria. «A revolución 3D», a cargo da empresa Ceo Aberto; e «Revolución. A volta a Galiza», neste caso co Mago Antón.

Ana Garcia

Actividades abertas a todo o público: «Tardes de contos, música e maxia»

De luns a venres, ás 18.00 horas. Recoméndase recoller convite na propia biblioteca Rego da Balsa.

Luns 8 de marzo

«Contos para escoitar mentres bailamos un valse», con Caxoto Contacontos.

Martes 9 de marzo

Pakolas en concerto.

Mércores 10 de marzo

«Lonxedetodo: un modelo de comunidade», a cargo da compañía Trinke Trinke.

Xoves 11 de marzo

«A máquina do tempo», con Teatro Ghazafelhos.

Venres 12 de marzo

«Maxia para soñar e voas», co Mago Antón. Dúas funcións: unha ás 18.00 horas e outra ás 19.00.

Exposicións permanentes

De 09.30 a 14.30 para centros de ensino. Polas tardes, para público en xeral.

Traballos de alumnos

Elaborados por estudantes dos centros de ensino de Carballo.

Libros

Obras cedidas polas editoriais Baía, Galaxia, Kalandraka, OQO Editora e Xerais.