Bello Pallas: «Estou moi desilusionado e decepcionado con este goberno»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

CANDIDATO Á ALCALDÍA DE CARBALLO POR TERRA GALEGA | Foi de número dous hai 4 anos e agora sube un posto. Di que ten un programa realista e vese alcalde

17 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

José Bello Pallas será o cabeza de lista de Terra Galega en Carballo nas vindeiras eleccións. Pasa de ser número dous tras Manuel Andrade, hai catro anos, a número un. Nacido hai 68 anos en Campos de Bolón (Sofán), contratista e promotor, vinculado sempre á construción, participou doce anos na política municipal co PP (aínda que os dous últimos non foron moi amistosos), estivo outros doce retirado, e agora encara o seu segundo mandato consecutivo.

-¿Por que decidiu presentarse?

-É algo normal, estou moi desilusionado e decepcionado con este goberno, que está fóra da realidade de Carballo. Teñen a maioría absoluta e non fan nada. Lémbrome cando en todas as feiras poñían pancartas para todo, que se autovía gratuíta, que a vía rápida e o carril bici a Razo... Nada, agora xa nin manifestación nin pancartas, pero tampouco xestións. Evencio leva 40 anos no Concello, 16 de alcalde, e o que fai non se corresponde coas necesidades.

-¿Nada?

-¿Onde está a xestión? Nin con maioría absoluta fan o necesario, sobre todo en urbanismo. Nin sequera informan dos plans especiais que afectarán a toda a costa, porque non lles interesa informar.

-¿E o seu grupo que quere facer?

-Temos un programa perfectamente axeitado, sen obstáculos, realista e executable. O BNG dicía que o PXOM era imprescindible, pero en tres anos non fixo ningunha xestión. Hai temas urxentes, sobre todo das vías de sistemas xerais: prolongar a Vila de Negreira, a Gravador Facal, avenida de Bergantiños, a estrada de Razo ao polígono, a circunvalación... Non desenvolveron un só polígono urbanístico. Moito falar de mobilidade, de premios e tal, pero do importante non fan nada. Nós si que o imos facer.

-Desas medidas urxentes que cita, ¿algunha en concreto?

-Son varias. Pero, por exemplo, hai máis de 500.000 euros reservados para este ano para a reforma do campo de fútbol das Eiroas. Eu non quero que se faga, quero que con eses cartos se merquen terreos para construír unha cidade deportiva máis cerca do casco urbano. Falarei coa directiva do Bergantiños para explicarllo. O sitio que ten agora non é o axeitado. E tamén quero facer un proxecto integral para cambiar as tuberías da auga que non fan máis ca romper.

-¿Algo máis?

-Son moitos temas. Arranxar o tema do edificio da escola da Milagrosa e da cámara agraria, e tirar dunha vez o edificio mercado na beira do Anllóns. Hai que mellorar a zona da Cristina, e acabar co imposto revolucionario [pagan a metade] que se lle pon ás parroquias para mercar terreos de uso público. E tampouco se pode permitir que se desmantele o edificio abandonado de Riotorto, que ía ter 85 vivendas.

-¿Que foi de aquel enorme cartel de hai catro anos coa súa cara alí entre a rúa do Sol e a Vila de Negreira, que tanto dera que falar? ¿Volverá a poñelo?

-Non sei onde está, por aí anda, algo escoitei de a onde puido chegar, pero non sei.

-¿Teñen xa a lista feita?

-Estamos niso. Será a mellor lista posible, moi renovada, con moita xente nova.

-¿Que tal se leva cos seus excompañeiros de TeGa, que encabezaba Manuel Andrade?

-Ben, teño boas relacións con eles.