O colexio Xesús San Luís Romero gaña outra vez o premio das Letras que convocou Política Lingüística

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Segunda victoria para o centro carballés, esta vez cun proxecto relativo á figura de Antonio Fraguas

14 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa é o segundo ano seguido. E esta vez co título Antonio Fraguas, con A de agarimo e F de folclore. O CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo gañou o premio do concurso-exposición Letras Galegas 2019 convocado pola secretaría xeral de Política Lingüística, da Consellería de Cultura, e a dirección xeral de Educación.

O recoñecemento corresponde á categoría de infantil e primaria, mentres que o de secundaria foille outorgado ao instituto Álvaro Cunqueiro de Vigo. Os dous centros premiados recibirán cadansúa cantidade en metálico, 2.000 euros, e mais unha certificación equivalente a 20 horas de formación, ou 30 no caso dos coordinadores, para o profesorado implicado. As dúas coleccións dos dez carteis seleccionados que integran cada unha das mostras e as súas correspondentes guías didácticas serán reproducidas e distribuídas en máis de 2.000 puntos de Galicia e do exterior. A idea é que a figura de Antonio Fraguas, homenaxeado ese ano no Día das Letras Galegas, que chegue a toda a sociedade, ao estudantado e á colectividade emigrante.

O xurado do premio, que está patrocinado por Feiraco, valorou a obra do San Luís por tratarse dun «harmonioso conxunto de carteis en que o coidado estético se combina co emprego das tecnoloxías da información e da comunicación». Así, logra ofrecer a un Antón Fraguas «estudoso e docente», ao tempo que bondadoso, xeneroso e amante da cultura e tradicións de Galicia.