«Algúns falan da bipolaridade como unha forma de ser, mesmo un don»

F. Rodríguez / M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

Dolores Platas e Juan Carlos Díaz actuarán mañá na presentación do novo libro de Antonio Tizón, «Un home estraño»: na biblioteca Rego da Balsa, ás 18.00 horas

27 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O rostro enigmático dun vagabundo que adoitaba ver polos Cantóns coruñeses inspirou a nova novela do escritor e xornalista Antonio Tizón (A Coruña, 1960). Trátase da segunda entrega dunha pentaloxía enmarcada no xénero negro e protagonizada polo policía corrupto Xosé Sánchez. Contextualizadas en diferentes momentos da historia recente de España, en cada peza aborda aspectos relativos ás enfermidades mentais, un campo que Tizón coñece de cerca, posto que padece un trastorno de bipolaridade. De feito, emprega a súa propia experiencia para ilustrar unha realidade que, segundo di, está aínda chea de «estigmas», mitos e falsas concepcións.

A historia de Un home estraño, que presentará mañá na biblioteca Rego da Balsa, sucede nos tempos da transición, unha etapa histórica que o xornalista non dubida en cualificar como «violenta e perigosa, que milagrosamente acabou ben».

De todo isto falou onte Tizón en Radio Voz Bergantiños.

-Pouquiño tempo pasou entre «A antesala luminosa» e esta nova peza. Estaba xa no forno?

-É que esta novela leva no forno case corenta anos [ri], xa que comecei a escribila cando tiña 16 ou 17 anos. En realidade Un home estraño forma parte dunha serie de cinco novelas que teñen todas elas unha serie de puntos en común, pois ademais de estar escritas en clave de xénero negro, abordan dende diferentes perspectivas o tema da enfermidade mental. Todas se enmarcan nun tempo histórico concreto -estas dúas, na transición- pero todas teñen certas peculiaridades.

-Cales serían neste caso?

-Pois Un home estraño é unha novela curta, e tamén unha precuela, pois vai para atrás no tempo e explica os antecedentes do policía [protagonista] e que o leva a converterse no corrupto e vicioso que é ao longo da serie. Ademais ten un apéndice algo inaudito: un cancioneiro que creo que enriquece moito a novela, posto que axuda a perfilar á personaxe en cuestión.

-Isto de poñer banda sonora aos libros comeza a ser popular.

-De feito, na presentación de mañá en Carballo cantará Dolores Platas, que foi a vocalista do grupo Xocaloma, mítica banda de Galicia. É algo que procuro facer en todas as presentacións: contacto con algún cantautor da localidade para que me musique algún tema e, ademais, me graven algunha desas cancións. Algo que lle comentei ao editor foi que, en caso de haber unha segunda tirada do libro, se colocase un código QR para acceder a todas esas gravacións e poder darlle unha banda sonora real á novela.

-A enfermidade mental, como dicía, é un eixo condutor desa serie de novelas proxectadas.

-Penso que hai aínda moitos prexuízos ao respecto. O tema da loucura sempre se prestou a concepcións románticas e hai xente que non a denomina enfermidade mental. De feito, lin libros nos que ao trastorno bipolar se lle chama unha «forma de ser» ou mesmo un «don».

A primeira novela, A antesala luminosa, é unha especie de visión autobiográfica da enfermidade mental. Todo o que aí se conta é verdade; conto a miña experiencia no referido ao trastorno bipolar. Falo tanto das barbaridades que se fan na fase maníaca, como da fase depresiva.

Na segunda, porén, trato de desmitificar a concepción romántica da loucura. Fálase de creatividade, de que é algo positivo, mesmo de que a enfermidade mental aporta un valor engadido; pero a realidade é que é unha doenza que non só te fai sufrir a ti, senón aos que te rodean. Por suposto todas elas son tratables e hai tratamentos farmacolóxicos que ao mellor non as curan por completo, pero que si axudan a ilas tratando.

-Que temas aborda?

-Na terceira novela cuestiónome algo moi importante: que facer coas persoas que padecen enfermidades mentais. Na cuarta o que trato de abordar é esa confusión que se dá a miúdo entre o que é a doenza mental e a perversidade ou maldade. Hai xente que confunde estes dous termos. Fíxate: é moi frecuente cualificar de tolos a delincuentes, asasinos ou violadores. «Están tolos!», di algunha xente. O que se consigue con isto é estigmatizar ás persoas que verdadeiramente padecen enfermidades. Na quinta e última peza da pentaloxía abordo de que maneira afectan as fases económicas -de bonanza ou crise- á saúde mental das persoas.

Presentación. Mañá, en Carballo

Presentación. Antonio Tizón visitará mañá a biblioteca carballesa Rego da Balsa para presentar a súa nova novela curta «Un home estraño», de Edicións Xerais. Estará acompañado do psiquiatra Juan Carlos Díaz del Valle e pola vocalista Dolores Platas, que musicará algunha das pezas recollidas no cancioneiro final do libro. Será ás seis da tarde.