Vinte anos do Instituto de Estudos Bergantiñáns

Xan Fernández Carrera

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

A entidade celebra dous decenios de funcionamento, tras esa primeira Xunta Xestora presidida polo crego Pumar Gándara

26 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Se crear unha asociación cultural resulta un acto de atrevemento e valentía, que esta perdure máis de dous decenios convértese nunha proeza. Atrevemento foi o dun grupo de carballeses vinculados ao Centro Social San Xoán Bautista de Carballo, que decidiron constituír a Comisión Xestora que deu orixe a esta asociación cultural bergantiñá a finais do 1998, e a proeza consistiu en permanecer todos eses anos mantendo un ritmo de actividade non moi intenso, pero constante.

O Instituto de Estudos Bergantiñáns (IEB) creouse coa finalidade de «estudar e dar a coñecer a historia, xeografía, etnografía, socioloxía, lingua, arte e cultura de Bergantiños», tal como recolle a súa acta fundacional. Este obxectivo mantívose vivo ao longo da súa traxectoria. Despois de ser rexistrado o IEB en xaneiro do ano seguinte, constituíuse en marzo a súa Xunta Xestora, presidida polo crego Xosé Pumar Gándara, bo coñecedor da historia e cultura bergantiñá, ao que acompañarán un grupo de persoas interesadas tamén polo patrimonio histórico e cultural da comarca.

[...] Nun principio propúxose distribuír o traballo en varias áreas: literatura, toponimia, etnoloxía, historia, xeografía, foro de debate, bibliografía e o programa Andando por Bergantiños, coordinadas cada unha delas por un experto en cada un dos anteriores eidos. Mais este ambicioso plan non chegou a materializarse pola falta de recursos económicos e pola escaseza de tempo [...]. A partir de entón o traballo dos membros da directiva da entidade centrarase sobre todo no estudo e divulgación do patrimonio histórico, cultural e arquitectónico de Bergantiños. [...] O IEB tamén se encamiñou cara a outras actividades culturais relacionadas coa da cultura da comarca. Realizáronse así conferencias ou charlas sobre diferentes temas: historia local, lingua, toponimia, lendas ou arte relixiosa e leváronse a cabo presentacións de libros de autores da bisbarra ou de contidos relacionados con ela.

Outro eido de actuación da nosa entidade foi a participación na defensa do patrimonio histórico e natural de Bergantiños e Costa da Morte naqueles momentos nos que este se viu ameazado, como foi o caso do proxecto de instalación dunha mini central hidroeléctrica no lugar da Férveda de San Paio de Entrecruces, que de chegarse a materializar alteraría notablemente un dos espazos naturais de maior valor da bisbarra[...] ou, máis recentemente, cando unha compañía mineira tentou explotar de novo a mina de ouro de Corcoesto a través dun arriscado proxecto que supoñía un grave perigo para o medio natural da zona e dos seus habitantes.

As viaxes do IEB

Mais se por algo se coñece o IEB é polas rutas e viaxes que organiza pola comarca, por Galicia e por fóra da nosa comunidade. Os primeiros roteiros naceron a raíz da publicación dos caderniños Andando por Bergantiños, cos que se pretendía coñecer o territorio bergantiñán parroquia a parroquia. [...] O primeiro editouse no 2000 e estivo dedicado a San Pedro de Soandres (A Laracha). [...] Ao longo destes vinte anos de historia lévanse publicados 19 cadernos, dedicados a unhas 40 parroquias da comarca. O último foi sobre as localidades pontecesás de Xornes e Langueirón, editado no pasado ano.

Pero ademais deste programa de rutas pola comarca, o IEB puxo en marcha outros dous proxectos de viaxes culturais. O de Andando por Galicia, que ten por obxectivo coñecer aqueles sitios da nosa comunidade que conservan un maior patrimonio histórico ou natural. Esta sección principiou no ano 2004, cunha primeira visita aos penedos do Piñeo (Carantoña-Vimianzo) e á desembocadura do río do Porto. [...] Lévanse feitas 30 rutas, que facilitaron aos asistentes o coñecemento das cidades galegas e da maioría das vilas históricas.

Desde o ano 2012 iniciouse tamén o programa de viaxes culturais a lugares próximos á nosa comunidade autónoma tanto españois como portugueses. Viaxes que se realizan durante unha fin de semana de maio ou xuño. A comarca do Bierzo, as cidades de León e Astorga, a cidade de Porto, Oviedo e a cunca mineira asturiana, Zamora e Puebla de Sanabria, ou as cidades portuguesas de Braga, Viana do Castelo, Chaves e Vila Real, foron os destinos dos participantes destas excursións culturais.

Con motivo do aniversario destes dous decenios de vida da asociación, neste 2019, ademais de continuar coa programación habitual, realizaremos a presentación da nosa páxina web, na que se poñerán a disposición dos visitantes todas as publicacións que o IEB leva feitas. Temos tamén intención de publicar un estudo integral sobre o río Anllóns, proxecto no que varios membros da asociación levan tempo traballando coa pretensión de dar a coñecer e conservar a arteria principal de Bergantiños.

BASILIO BELLO

Presentación da nova páxina web e avance das máis próximas actividades

Na asemblea celebrada este pasado venres no Pazo da Cultura de Carballo, ademais de presentar a nova páxina web do Instituto de Estudos Bergantiñáns (IEB) e as contas e balance de actividades do pasado ano, a directiva do IEB tamén presentou aos socios algunhas das actividades próximas que están por vir, como o roteiro por Canduas e Laxe que se celebrará o próximo 9 de marzo, cunha visita urbana por Laxe que guiará Luis Giadás. Tamén farán un tramo do Camiño de Santiago e haberá varias presentacións de libros, informa Xan FernándezCarrera. Informaron, ademais, de como vai o monográfico sobre o río Anllóns no que están a traballar.