O entroido carballés vén cargado de festa e peta na porta de todos

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

O programa de actividades xa botou a andar: este ano soben os premios do concurso ata os 8.500 euros

15 feb 2019 . Actualizado a las 22:48 h.

Unha filloa (ou follado) e dúas orellas convidan a vivir o entroido en Carballo. Fan intuír un rostro ben coñecido na portada do programa, que botou a andar este venres e que se prolongará ata o 23 de mazo. Xusto no día de arranque foi dada a coñecer a programación por parte do alcalde, Evencio Ferrero, e do edil de Cultura, Marcos Trigo: «A organización do Entroido 2019 implicou, un ano máis, a coordinación de varios departamentos do Concello, non só o de Cultura, senón tamén o de Terceira Idade, e a colaboración doutras áreas, como a de Seguridade Cidadá, así como a de asociacións culturais, xuvenís e veciñais. Tamén Protección Civil, Policía Local e Brigada de Obras», dixo o concelleiro.

Quedou sobre a mesa unha mensaxe clara, o desexo de que todos participen, de que se cree un ambiente festivo na rúa, algo ao que axudarán concertos, charangas, concursos, desfiles e unha variada sorte de actividades máis. «O entroido é unha festa de rúa, para desfrutar e transgredir e darlle a volta á realidade», dixo pola súa banda o rexedor. El incidiu no convite a que os carballeses non vivan esta celebración como simples espectadores, senón que se animen a ser entroideiros e se convertan en protagonistas dela. «É un programa que chega a moitos currunchos do concello, porque o entroido sempre estivo en todos os lugares. Este ano o martes de entroido non puido ser declarado festivo, como viña sendo tradicional, porque os días 24 e 25 de xuño son os que marcan a prioridade. Pero que isto non reste participación e espectacularidade á celebración», abundou Ferrero.

O concurso e os premios

O día grande será o domingo 3 de marzo, cun concurso no que este ano sobe a cantidade dos premios ata os 8.500 euros, dos cales 4.000 irán para gratificacións por participar. As inscricións das comparsas han de facerse no Pazo entre o 20 e o 28 deste mes; o resto poderán anotarse o propio día, ata unha hora antes. O presentador será da casa, o mago Álex.

A programación, en detalle

ONTE MESMO, VENRES 15

Oza: taller de disfraces. Continúa o día 22, no centro social. Entrada libre con inscrición previa. Organiza a Escola do Alprende: 18.30 horas.

Xoves 28 de febreiro

Obradoiro en Rus. Ás 16.15 horas, cun prezo de 5 euros e reserva previa no colexio Canosa-Rus. Organiza a ANPA do centro, A Braña.

Venres 1 de marzo

Concerto do trompetista Manuel Blanco, acompañado do violinista Eduardo Coma. O 1 de marzo visitará o Pazo da Cultura Manuel Blanco, mestre na prestixiosa Escola Superior de Música Reina Sofía e profesor na Universidade Alfonso X, ademais de primeiro trompetista na Orquestra Nacional de España. Faro para impartir unha masterclass ao alumnado de trompeta do Conservatorio, ás 19.00 horas. Ao remate da clase (20.00 horas), Blanco ofrecerá un concerto, acompañado polo profesor de violín Eduardo Coma.

José Manuel Casal

Sábado 1 de marzo

Foliada en Oza. Ás 20.00 horas, no local social de Oza, e coa organización de A Torre Vixía e A Escola do Alprende, haberá unha foliada de entroido e unha Corrida do Galo.

Festa en Berdillo. No local social, baixo a organización de distintas entidades desta parroquia: 20.00.

E en Sísamo. Concurso de disfraces infantil e de adultos, así como actuacións de Playmakers e DJ David están incluídas na festa de entroido prevista no local social de Sísamo, para as 17.00 horas. Organiza a asociación de veciños Santiago Apóstolo.

Domingo 3 de marzo: !!

Charanga Mekánika. Animará dende as 17.00 as rúas e a Praza do Concello de Carballo. É o día grande.

Concurso e desfile de disfraces, comparsas e carrozas. Dende as 18.00, na Praza do Concello, presentado polo Mago Álex, carballés. Hai máis de 8.000 euros en premios.

Baile de disfraces coa orquestra Trébol. Toda unha tradición: ás 20.30.

Ana Garcia

Luns 4 de marzo

«O entroido xa vén». Obradoiro de creación de instrumentos musicais para formar unha comparsa. Para nenos de 4 a 12 anos. Na biblioteca.

Martes 5 de marzo

Baile para a terceira idade. No Pazo, ás 18.00 horas, co dúo Sintonía.

Charanga Santa Compaña. Dende as 18.30, na Praza e nas rúas.

Enterro da sardiña. Saída ás 21.00 horas da Praza do Concello, ata o Parque do Anllóns. Coordina a Aula de Teatro Municipal de Carballo.

Sábado 9 de marzo

Cocido en Ardaña. Ás 14.00 horas, no centro social, coa asociación Santa María. Inclúe sorteo, premios e baile.

Festa en Artes. Dende as 17.30, coa entidade Aquelarre. Haberá concurso infantil e de adultos e tamén doces.

«Cotillón en el corral de la palleira»: Cances. Tómano con humor. Dende as 20.30, chocolatada e agasallos para quen leve doces caseiros de entroido. Organiza San Campio.

Sábado 23 de marzo

Festa en Sofán. Cocido, concurso, vermú e baile de entroido: Alba Show e CDC. Ás 14.00, con San Salvador.