Un carballés que soñaba con ser músico

Javier Bardanca Castro

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

EN PRIMEIRA PERSOA | «Lembro cando estudaba naquel terceiro piso da Vázquez de Parga. Os veciños moito tiveron que aguantar!», explica Javier Bardanca, director musical da orquestra Trébol e profesor no Conservatorio

03 feb 2019 . Actualizado a las 21:12 h.

Cando penso que as raíces da miña familia paterna eran de madeiristas; e as maternas, de mariñeiros, non acabo de saber de onde me saíu a miña vocación pola música, aínda que é certo que a meu pai era algo que lle gustaba moito. A el dedicareille estas liñas, na súa memoria.

Seguramente moitos de vós lembraredes un salón de baile que había en Oza (Carballo) alá polos anos 1960 ? 1970, que se chamaba o Salón de Bardanca. Esa era a casa de meus avós, onde tocaban as mellores orquestras de Galicia por aqueles anos. De aí que meu pai coñecese a moitos músicos e tivese grandes amigos.

Lembro, durante a miña infancia, de cando me facían esa pregunta que se lle fai a tódolos cativos: «E ti, que queres ser de maior?». Eu sempre respondía que músico. Teño gravado na memoria cando os meus pais me levaban ás festas do San Xoán, a Carballo, e a miña paixón era escoitar aquelas grandes orquestras. Poñíanme diante do palco e nin pestanexaba.

O meu pai preguntoume un día se o meu desexo era de verdade estudar música. Eu contestei que si, polo que, tendo só 10 anos, levoume a xunto dun bo amigo seu, Jaime Vázquez, que se convertería no meu primeiro profesor. Con el comecei as miñas primeiras clases de solfeo e, ao pouco, mercamos unha batería, que por aquel entón era o instrumento que máis me gustaba.

Cando pasou un ano apunteime na Banda Municipal de Música de Carballo, que dirixía o profesor Vicente Planells. Preguntoume que instrumento me gustaría tocar na banda, pero, ao tratarse de percusión, xa non me facía tanta ilusión como se fose unha batería. El, entón, ensinoume unha trompeta noviña do paquete. Relucía só ao mirar para ela -parece que me dicía: «Lévame contigo!»- así que cambiei a miña opinión e fíxenme coa que sería a miña compañeira de profesión ata o día de hoxe.

A partir de aí, matriculeime no conservatorio cando este aínda estaba na Casa da Xuventude e tiñamos que ir examinarnos á Coruña. Tamén tomaba clases particulares os sábados pola mañá cun recoñecido trompetista do momento, Willy Marambio, cando eu aínda estaba no colexio. A vocación estaba clara!

Lembro cando estudaba naquel terceiro piso da Vázquez de Parga e os transeúntes levantaban a vista para ver de onde saían aquelas melodías de trompeta. Os veciños moito tiveron que aguantar!

Tendo 14 anos, e catro de estudos musicais, comecei no mundo da verbena da man da orquestra Coruña, que dirixía Jaime Vázquez, o meu primeiro mestre.

Unha colecta familiar

Segundo me profesionalizaba, os profesores recomendáronme mercar unha trompeta mellor, para profesionais, algo para o que tiven que facer unha colecta entre os meus pais, os avós de Oza e a tía Carmen. Estareilles sempre moi agradecido, pois na casa eramos cinco irmáns e mercar un instrumento novo era falar de moitos cartos, naquela época.

Con 17 anos pasei a formar parte dos Gemelos y su Orquesta, un lugar onde atoparía non só a unha nova compañeira de profesión, senón á persoa coa que chegaría a formar a miña familia, María Jesús Fraga.

Ao volver do servizo militar -unha época na que me vin obrigado a deixar de lado aquilo que máis me gustaba- continuei formándome da man do profesor Marcial Figueroa, ao mesmo tempo que acudía a clases particulares con xente da talla de José Somoza ou John Aigi Hurn.

Supoño que por escoitarme tocar a diario na casa, finalmente conseguín meterlle o gusanillo da trompeta ao meu irmán Carlos, que hoxe en día forma parte da gran orquestra Los Satélites. Con el fixen de profesor durante horas e horas, mesmo sen estar titulado. Foi, case con toda seguridade, o meu mellor alumno, e estou orgulloso de ter sido un referente para el.

No 1993 chámanme para formar parte dunha nova formación, á Trébol, unha orquestra coa que celebramos recentemente o seu 70 aniversario e á que lle levo dedicada máis de media vida, ata converterme no seu director musical, como hoxe en día son.

Aínda que incorporarme a esta agrupación xa supuxo un cambio moi grande na miña vida, non deixei de lado a miña formación, pois quería opositar e optar a unha praza de profesor de trompeta. Foi no 2001 cando tiven a oportunidade de presentarme e lograr o que para min foi o soño da miña vida. Dende entón formo parte da plantilla do Conservatorio Profesional de Música de Carballo, do que son subdirector e imparto as materias de linguaxe musical e trompeta, ademais de dirixir a big band de jazz.

Como curiosidade, un dos meus alumnos ten agora esa vella trompeta coa que eu comecei a tocar sendo aínda un rapaz. Cada vez que o vexo véñenme tantos recordos á cabeza...

Pois esta é a miña historia. A historia dun carballés que soñaba con ser músico e das moitas horas de sacrificio coas que conseguín os meus soños. Para vivir disto hai que ter, sen dúbida, moita vocación, pois detrás dun bo músico hai sempre moitísimas horas de dedicación.

Dende aquí convido a tódolos nenos que poidan que non deixen pasar a oportunidade de formarse musicalmente, xa que, aínda que o día de mañá non se dediquen profesionalmente a isto, a cultura axuda a desenvolver instintos e calidades que descoñecemos ata o momento no que estamos en contacto con esta arte.