«O barrio da Milagrosa precisa un empuxón na organización das festas»

José Luís Barca Añón, Luitino, encabeza con ilusión unha entidade cultural e deportiva que veñen de impulsar


Carballo / la voz

José Luís Barca Añón (1961) non precisa presentación en Carballo. O seu rostro é ben coñecido, en gran medida polos anos de traballo como xerente do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento. Non obstante, Luitino, como así lle chaman case todos, volveu ás páxinas do xornal nestes días por outro motivo: ser o presidente da nova comisión de festas do barrio carballés da Milagrosa. Falou diso para Radio Voz.

-¿Como afronta a nova etapa?

-Penso que, coma case sempre que se empeza unha etapa, con moita ilusión e con moitas ganas. O barrio da Milagrosa precisa, ou así o pensamos, un pequeno empuxón na organización de festas e demais. Todo apunta a que nos últimos anos non foron todo o pracenteiras que o barrio quixera ou que o barrio demanda. Imos ver se lle damos un pequeno pulo e tamén un novo aire.

-¿Por que decidiron dar o paso da comisión de festas?

-Un grupo bastante numeroso de veciños da Milagrosa e tamén de xente que, aínda que non estamos agora alí, sentímolo como propio, viñámonos xuntando para facer algunha comida, xogar un partidiño de fútbol, ter algunha reunión... Aí foi xurdindo xente con inquedanzas sobre como se estaban a desenvolver os acontecementos. Encargáronme a min que lle dese forma legal a unha pequena asociación. Preparei e rexistrei os estatutos e estamos agora á espera da notificación de que está todo en regra. Creamos unha asociación cultural e deportiva, A Milagrosa, como así se chamará e que no seu día se presentará. Dela formamos parte xente que tamén xa hai anos foramos os creadores do club de fútbol Atlético A Milagrosa. Temos inquedanzas por este tema do asociacionismo e andamos metidos en diversos ámbitos. Destas pequenas reunións saíu o tema da comisión: parece que as festas da Milagrosa non pasaban por un bo momento e alguén amosou interese en dar un paso ao fronte, poñernos de cara con ese tema. E aí estamos. A min tocoume presidila, porque os meus compañeiros así o quixeron, e indubidablemente non podo negarme, porque eles depositaron toda a súa confianza en min e eu téñoa toda neles. Non obstante, aínda que eu figure como presidente, o que somos nós é un grupo de amigos onde todos temos o mesmo peso e decisión.

-Entendemos que desta futura asociación cultural poden saír moitos outros proxectos.

-É a nosa idea. Como somos mentes inquedas, e aínda que non sabemos que nos deparará o futuro, dixemos: «Pois mira, unha entidade cultural e deportiva». Porque seguramente nos embarcaremos en máis cousas unha vez que xa demos este paso, así que quixemos deixar a porta aberta a facer outras actividades. Parte das persoas que integran este novo grupo que acabamos de crear forman tamén parte da directiva da asociación de comerciantes, unha entidade que ten asimesmo moitas inquedanzas. Nestes próximos días, precisamente, reunirémonos unha comisión de cada lado para ver de enfocar unha serie de cuestións que poden afectar ao barrio. Trátase de ir cóbado con cóbado, empuxando e facendo cousiñas.

-¿Que lle piden aos veciños nesta nova etapa?

-Penso que non hai moito que pedirlles: ata onde eu sei son colaboradores, afables, xente amistosa que seguramente nos vai prestar todo o seu apoio. O barrio da Milagrosa -e dígoo porque alí vivín o tema deportivo, pasei a miña xuventude e a miña infancia-, e sen ánimo de querer invadilos, que ninguén o malinterprete, tamén é o barrio da Casilla, As Labradas, parte de A Brea, Ponte Rosende... Todo ese ámbito sempre xirou en torno á Milagrosa e, como diciamos cando eramos rapaces, «somos os do outro lado do río». Nós imos de cara, non pretendemos ser os salvadores de nada, senón dinamizar algo o barrio. Unha das cousas será a comisión de festas, recuperando as tradicións da nosa celebración, ese grao de importancia que cremos que debe ter.

-Percíbese ilusión.

-Moita. Claro que non deixa de ser unha pequena responsabilidade para todos, pero xa digo, non nos pon medo, porque vimos do mundo do asociacionismo, eu e outros compañeiros. A nosa é unha comisión aberta, onde todo o mundo pode participar e, en calquera momento, pararnos na rúa e propoñernos cousas. O que fai falta é un chorreo constante de ideas, aínda que logo o don diñeiro levaranos ata onde poidamos chegar.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«O barrio da Milagrosa precisa un empuxón na organización das festas»