Carballo colle forzas para o 2019 cos «Venres Cool Turais»

Exposicións, música, humor e teatro para nenos e adultos integran este ciclo que chegará ata marzo


Carballo / La Voz

O Concello de Carballo, da man da concellaría de Cultura, tivo unha boa maneira de combater o blue monday. Non hai mal que algo de cultura non cure e así foi que Marcos Trigo, edil, e Evencio Ferrero, alcalde, deron a coñecer unha nova edición dos Venres «Cool Turais». Son os Venres Culturais de sempre, pero desta volta cunha chiscadela á portada do programa de man, ben cool. En total, incluíndo as exposicións, serán 18 propostas ben diversas que se estenderán entre este vindeiro domingo, 27 de xaneiro, e finais de marzo. Tres meses para gozar de «espectáculos infantís, de adultos, de música, cine, teatro...», tal e como manifestou o concelleiro Trigo: «Carballo segue sendo o escenario cultural da comarca», abundou, mencionado o apoio da Rede Galega de Teatros e Auditorios e da Deputación. No ciclo do ano pasado contabilizáronse máis de 1.700 espectadores, mostras á parte.

Referentes

Está en marcha na capital de Bergantiños, ademais, o ciclo de cine euroárabe Amal en Ruta. Empezou con moi bo pé e, de feito, quixo o rexedor destacar «a altísima resposta de público». Incidiu Ferrero en que se pon en evidencia «a importancia da actividade cultural no noso Concello», sendo o Pazo da Cultura, escenario dos distintos espectáculos, e tamén a biblioteca Rego da Balsa, onde teñen lugar algunhas das proxeccións, «referentes para toda a programación». Cabe destacar a dobre parada da Aula de Teatro Municipal carballesa, os días 16 e 17 de marzo, cunha versión libre da obra «Suspéndese a función», de Fernando Lalana. É a primeira montaxe para público infantil.

O programa, en detalle

Domingo 27 de xaneiro. 

«Rubicundo, con Teatro dos Ghazafelhos». 18.00 horas. Entradas a 3 e 2 euros.?Actores, monicreques, música, baile, acrobacias e sorpresas baseadas na historia escrita por María Canosa.

Venres 1 de febreiro

«Jazz», con Nani García Trío. 21.00 horas. Entradas a 3 e 2 euros. Nani García encabeza este trío de «indie jazz», estilo novo, refrescante, contemporáneo e apetecible, din. 

Venres 8 de febreiro

Mofa e Befa: «Cranios privilexiados». 21.00 horas. Entradas a 4 e 3 euros. Sobre o escenario, Josito Porto e Víctor Mosqueira. É o 25.º aniversario do dúo cómico: «E agora que?», pregúntanse. 

Domingo 10 de febreiro

«Pum, pum!», con Baobab Teatro. 18.00 horas. Entradas a 3 e 2 euros. Un espectáculo tenro e divertido que trata con suma sensibilidade un tema cru, os abusos durante a infancia. 

Venres 15 de febreiro

«Hope», con Escuchando Elefantes. 21.00. Entradas a 4 e 3 euros.?Grupo de folk-rock integrado por Silvia Rábade e Carlos Tajes. Este é o seu terceiro traballo, cun son máis eléctrico.

Venres 22 de febreiro

«Dúas donas que bailan», con Teatro do Atlántico. 21.00 horas. Entradas a 4 e 3 euros. Teatro do Atlántico é unha das compañías galegas máis sólidas. Soños e fracasos de dúas mulleres fortes. 

Domingo 24 de febreiro

«Frankenstein: no soy un monstruo». 18.00 horas. Entradas a 4 e 3 euros. Comedia enxeñosa da premiada compañía malagueña Pata Teatro. Versión libre do clásico de Mary Shelley. 

Venres 15 de marzo

«Vida de cans, con Talía Teatro». 21.00 horas. Entradas a 3 e 2 euros. A última montaxe de Talía Teatro, escrita e dirixida por Cándido Pazó. Actúan Toño Casais, Artur Trillo e Dani Trillo. 

Sábado 16 e domingo 17 de marzo

«Vida de cans», con Talía Teatro. 18.00. Entrada gratuíta. A princesa Maricarmen é a protagonista desta historia da Aula de Teatro Municipal de Carballo. Dous días. Dirixe Artur Trillo.

Venres 29 de marzo

«A leituga», de Eme2 Producións. 21.00 horas. Entradas a 5 e 3,5 euros. Un conflito familiar ben común tratado en clave de humor. Dereitos á vida e á morte están presentes.  

SÁBADO 30 DE MARZO

«Viva Galicia!», con Troyanos Compostela. 20.30. Gratuíto. Música popular das tunas compostelás e autores galegos de finais do XIX e comezos do XX. Sobre o escenario, Troyanos de Compostela.

DOMINGO 31 DE MARZO

«Nube nube sol», de Teatro ó Cubo. 18.00 horas. Entradas a 5 e 4 euros (inclúe unha entrada de bebé e outra de adulto). Corpo, xestualidade, canto e música. Os ciclos da natureza.

Mostra de cine euroárabe Amal

Xa van fóra dúas das proxeccións. As desta semana serán «Of fathers and sons» (xoves, 20.30 horas, biblioteca Rego da Balsa), «Sheikh Jackson» (venres, 20.30 horas, Pazo da Cultura) e «O Cairo Confidencial» (sábado, 20.30, Pazo da Cultura).

Ata seis exposicións para visitar

No Pazo carballés poden verse xa as exposicións Familias completas, familias incompletas, de Sergi Cámara, e O camiño á constitución, con caricaturas de Siro López. Do 6 de febreiro ao 6 de marzo estará instalada a do 15.º Certame de Artes Plásticas Díaz Pardo. Do 7 ao 19 de febreiro, a do 11.º Premio de Arte Gráfica Jesús Núñez. Do 21 de febreiro ao 13 de marzo, Miradas de marfil, de Marcos Rodríguez. Finalmente, do 16 de marzo ao 12 de abril amosarase un compendio dos 20 anos do certame fotográfico Xosé Manuel Eirís.

Lugares, datas e posibilidade de bonos

Venda anticipada: www.ticketea.com ou no 902 044 226. Iniciada xa a venda o 18 de xaneiro.

Billeteira: Venda de bonos e entradas o mesmo día da función, na billeteiras do Pazo, dende 90 minutos antes da actuación.

Custe das entradas: O especificado en cada función, sempre cunha opción reducida.

Os gratuítos, con convite: A recoller dende 15 días antes, no Pazo.

Bonos: Hai un de 20 euros (reducido, 16) para os espectáculos dos días 1, 8, 15 e 22 de febreiro, así como 15 e 29 de marzo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Carballo colle forzas para o 2019 cos «Venres Cool Turais»