«Dóeme que a xente nova non teña nin idea do que foi a Transición»

ENTREVISTA | Dende este xoves pode verse en Carballo unha exposición na que o artista Siro López repasa os 40 anos da Constitución


Carballo / LA Voz

O Pazo da Cultura de Carballo acolle dende este xoves unha exposición na que o artista ferrolán Siro López lembra, a través de 117 caricaturas, algúns dos episodios máis destacables da Transición española. A mostra, organizada pola Deputación da Coruña e que xa puido verse en Cee, estará na capital bergantiñá ata o día 3 de febreiro.

-Máis de cen pezas nas que repasa os corenta anos da Constitución española.

-Forma parte dunha serie máis ampla que eu fixen e publiquei en La Voz de Galicia, chamada «Imaxes da Transición», na que eu comecei a lembrar todo ese proceso dende a morte de Franco ata chegar a ese momento no que o PSOE gaña as primeiras eleccións. Aí considerei que era tempo de dar por rematada a serie, pero ao cumprirse estes corenta anos pareceume moi oportuno lembrar o difícil camiño que supuxo chegar a ter unha Constitución democrática, e fíxeno escolmando parte deses debuxos e facendo outros. Todos tiñan como finalidade que os lectores máis novos se fixesen unha idea do que foi ese tránsito da ditadura á democracia. A xente nova non ten nin idea da Transición, de feito saben moito máis do que foi a Reconquista que do cambio á democracia. E iso dóeme.

-Unha perspectiva ben didáctica.

-Efectivamente. Ata aí o labor que eu podía facer: o outro é o que poden facer os mestres levando os rapaces a visitala.

Eu creo que é un episodio moi importante da historia de España, pero por suposto hai que respectar aos teñen a postura contraria, aos que opinan que foi unha fraude, pero non comparto en absoluto esta opinión. Creo que a inmensa maioría que considera que foi unha fraude é xente nova que non viviu aquilo; e os maiores que teñen esa postura é probablemente porque non houbo vinganza. Pero, unha de dúas: ou iamos a outra Guerra Civil ou se levaba a cabo esta amnistía, que foi o que máis gustou en Europa. Isto non quere dicir que non haxa xente que se sinta defraudada porque certos individuos que foron esbirros da ditadura, ou que tiveron un comportamento detestable, puideron seguir vivindo tan tranquilamente, sen pasar polo cárcere.

-Máis dun cento de pezas compoñen esta exposición.

-Efectivamente. Temos outra máis pequena para salas nas que non caben as 117, pero, en calquera caso, creo que ambas as dúas permiten facerse unha idea bastante acertada deste proceso.

-Como foi o proceso de creación destes debuxos?

-Pois foi unha obriga que eu sentín, de deixar feita esa lección dunha maneira doada de estudar. Agora eu estou contando o duro que foi aquel proceso, e pode que ata lle quite a alguén a gana de meterlle o dente a este capítulo da nosa historia. Polo tanto, o que quixen facer foi presentalo da maneira máis atractiva posible, e a caricatura -unha fórmula milagreira que ten a arte- sempre atrae. Os textos que as acompañan tamén son moi sinxelos de ler, moi doados.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Dóeme que a xente nova non teña nin idea do que foi a Transición»