A capital das artes escénicas recibiu en Montedorramo o premio da Cultura

Alberto Sueiro, presidente de Telón e Aparte, convidou aos presentes ó corazón do teatro en Galicia, Carballo


Carballo / La voz

A presentadora do acto de entrega dos Premios da Cultura Galega 2018, Belén Xestal, cualificou a Carballo como a capital das artes escénicas antes de que o presidente de Telón e Aparte, Alberto Sueiro, recibise o galardón de mans da conselleira de Educación, Carmen Pomar Tojo. Unha ampla representación de persoas relacionadas co Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, incluídos o alcalde, Evencio Ferrero, e o edil de Cultura, Marcos Trigo, desprazáronse este venres 11 de xaneiro ata a Ribeira Sacra para asistir á entrega deste recoñecemento oficial por parte da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Lembrou o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijoo, que o festival carballés, que botou a andar no ano 1992, foi situado polo observatorio da Cultura de España entre os dez proxectos culturais máis importantes da comunidade. Durante este cuarto de século pasaron polo FIOT máis de 275 compañías, algunhas delas referentes mundiais de éxito e calidade contrastada.

Alberto Sueiro Pastoriza, ao que Núñez Feijoo lle agradeceu o seu discurso tan teatral, amosouse agradecido («grazas, moitas grazas, moitísimas grazas», dixo) polo aprecio de consideralos dignos de formar parte «deste elenco de ilustres».

Afirmou recoller o premio no «nome e representación» do Concello de Carballo e dos máis de cen socios da entidade Telón e Aparte, así como «dunha manchea de persoas, organismos e institucións», que onte fixeron posible estar presente nese podio dos mellores da cultura galega.

Tamén fixo referencia Sueiro aos inicios, no ano 92: «Só tiñamos un soño, ir ó teatro». E, dende entón, en Carballo hóuboo «moito e moi bo», grazas ao apoio do Concello, institucións e empresas, «pero, sobre todo de máis de 3.000 espectadores» que cada ano dan vida ao festival.

Parafraseando ao dramaturgo rumano Eugène Ionesco, dixo o presidente de Telón e Aparte que o FIOT e o teatro son indispensables. Como tamén o son «o empeño, o sacrificio e a franca amizade» dos voluntarios que cada ano poñen en pé o festival. Para Sueiro son «os protagonistas, as primeiras figuras desta gran obra». Rematou Alberto Sueiro, dende a carballesía, convidando aos presentes, premiados e autoridades a ser tamén «fioteiros, a ser xograres do outono, a troulear pola rúa dos contos, en fin, a compartir o latexo do corazón do teatro en Galicia».

Como os demais premiados, o representante do FIOT bergantiñán recibiu unha escultura de Acisclo Novo creada para a ocasión.

Moita satisfacción entre o voluntarios e colaboradores que acudiron á Ribeira Sacra

Ademais do alcalde e do concelleiro de Cultura, acudiron ao acto de Montedorramo, na Ribeira Sacra, un nutrido grupo de colaboradores e voluntarios do festival de Carballo. Os asistentes manifestaron unha gran satisfacción polo premio. Algún deles chegou a considerar o recoñecemento como unha medalla de ouro nas olimpíadas. Entre os presentes estaban a responsable técnica do departamento de Cultura, Carmen Castro.

Todos eles desenvolven dende hai moitos anos unha intensa actividade para que o FIOT se leve a cabo e acade grandes niveis de éxito. «A chegada do outono converte Carballo na capital das artes escénicas do país», pon o texto de presentación do premio. É unha manifestación cultural que ten o respaldo dun amplo abano de axentes políticos, sociais, económicos e, sobre todo, culturais.

Carballo foi protagonista nun dos acontecementos culturais máis importantes do ano en Galicia. E os responsables xa traballan nunha nova edición, a 28.ª, sen pensar na proximidade do 30.º aniversario. Como dicía Sueiro onte en Radio Voz, «hai que ir partido a partido». Á fin e ao cabo, «no teatro está a vida, o resto só é realidade, e a realidade..., non irán comparar!», remataba el mesmo o seu discurso.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

A capital das artes escénicas recibiu en Montedorramo o premio da Cultura