Carballo: «O Premio da Cultura Galega ao FIOT é un ánimo para poder seguir»
Presidente da asociación Telón e Aparte, Alberto Sueiro recollerá esta tarde o galardón en Montederramo. Non estará só
Carballo / La Voz
Os carballeses están de noraboa. O FIOT, o Festival Internacional Outono de Teatro, ten sido galardoado co Premio da Cultura Galega na categoría de artes escénicas, e hoxe é o día para a recollida do premio, un acto que terá lugar ás 12.00 no Mosteiro de Santa María de Montederramo, e no que tomará parte Alberto Sueiro, presidente de Telón e Aparte, entidade organizadora do festival. Non estará só.
-Un recoñecemento deste tipo non está nada mal.
-Non, non, ao contrario. Está extraordinariamente ben. Para nós recibir o Premio da Cultura Galega no ámbito das artes escénicas é unha honra que nos enche de alegría. Ninguén traballa pensando nos premios, pero tampouco a ninguén lle disgusta un recoñecemento así, e máis sendo como é a nivel galego. Levamos xa 27 edicións celebradas e nós estamos xa na 28 [traballando].
-Haberá quen pense que chega tarde, pero en todo caso é un premio a un labor do que xa temos falado, nada doado.
-Non, non o é, pero tampouco creo que chegue tarde. Hai moitísimas iniciativas e moitísimas persoas que merecen un recoñecemento polo traballo feito, nos distintos ámbitos da cultura galega. Para nós, penso, chega en tempo, e estamos agradecidísimos. Non é doado no sentido de que, en todas as iniciativas, o máis difícil é consolidalas. Que isto chegue aos case 30 anos significa un impulso novo e que algo que fixemos estivo ben. É un ánimo para poder seguir adiante, sobrevivindo.
-Do FIOT fala ben o público, as compañías, os actores. Ese premio xa se ten.
-Si, e aínda que un recoñecemento oficial nunca sobre, ao final o que precisas é o aprecio dos que ano a ano facemos isto: compañías, produción, actores e, en definitiva, o do público, que para o final é para o que estamos. Os carballeses e bergantiñáns son os que han de gozar do festival, telo en consideración, e penso que iso si é así. Despois de todos estes anos, cando se achega o FIOT, moita xente está pendente e acude ao teatro. Conseguimos que se puidesen ver obras ás que non se tiña acceso: con iso cumprimos a nosa misión. Que para os carballeses hoxe non sexan alleo Shakespeare, Lope, Calderón, Valle, Cándido Pazó ou Vidal Bolaño.
-Xa é parte do ADN.
-Si, dicía e ten escrito Laurence Olivier que, nunha gran cidade, o signo visible de cultura é que exista teatro. En Carballo, pois, podemos considerar que somos cidade de cultura.
-Que tivo en conta o xurado para valorar con tal atino?
-A proposta está feita en base á traxectoria, ao impulso ás artes escénicas desde unha vila ou un territorio periférico, non convencional para o teatro. Non estamos nunha gran cidade, nin nunha capital e entón o xurado valora todo ese traballo de promoción e difusión das artes escénicas. Non hai que esquecer que o FIOT abrangue desde nenos ata maiores, así como todas as disciplinas e incluso a propia produción ou creación de espectáculos. Estamos moi contentos das que se teñen feito e especialmente das que seguen vivas, como Fillos do sol. Naceu aquí.
-Traballan en algo especial de cara aos 30 anos? É unha desas cifras redondas.
-Si, teñen ese compoñente de número que parece que obrigan a celebrar máis. A nós tanto nos custa unha edición coma outra, e de momento estamos coa 28.ª. Partido a partido [ri].
-Un lugar simbólico para recibir o premio.
-Si, Montederramo, en Ourense. Estase a celebrar a consideración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial e dalgún xeito o que se pretende dende a Xunta é poñer en valor este fermosísimo espazo natural.
-Quen o acompañará?
-O alcalde de Carballo e o concelleiro de Cultura, así como o persoal do Pazo, ademais de Javier Varela, representante da Rúa dos Contos e do voluntariado. Non estou só porque este é un premio de todos, e sen dúbida eles son parte fundamental do FIOT. Botaremos de menos a Antón Rodríguez Guitoy, outro dos que debería estar, pero as obrigas laborais...
Comentarios