Santi Canedo: «Agora mesmo, ¿a quen non lle gustaría estar no Bergantiños?»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

O meta do Laracha militou no Ínter de Madrid, rival de Copa do club roxiño hoxe nas Eiroas (20.00 horas)

10 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta tempada está a ser para o meta carballés Santi Canedo (1996) a primeira militando nun equipo de fútbol sénior da súa zona, o Laracha. Empezou nas Escolas Luís Calvo Sanz con 11 anos e alí formouse ata finalizar a etapa de cadete de primeiro ano. Logo foise para a canteira do Deportivo, ata que xusto cando lle tocaba dar o salto á categoría sénior, o Atlético de Madrid C petou na súa porta. Os seus tíos vivían na capital, de modo que non o pensou dúas veces.

Esa mesma tempada debutou en Segunda B, co segundo equipo, e na campaña seguinte repetiu experiencia co Sevilla C e o Sevilla Atlético. Con este último viviu, mesmo, o ascenso a Segunda División, aínda que el só xogou algúns partidos, e nunca como titular. Nos anos 2016-2017, regresou a Galicia da man do Pontevedra na categoría de bronce, pero Madrid volveuno reclamar. Esta vez, para o Internacional, conxunto novo co que logrou o ascenso histórico a Segunda B, e que mañá será o rival do Bergantiños en As Eiroas (20.00 horas) na ida de oitavos de final da Copa Federación.

-¿Considera un paso atrás na súa carreira futbolística o feito de regresar a Galicia e a un club da zona?

-Para estar en Segunda B sen xogar moitos partidos, igual é mellor baixar a Terceira e intentar xogar. E polo resto, considero a Galicia como unha das comunidades máis fortes de España no ámbito do fútbol. De modo que máis que un paso atrás, un paso máis.

-¿Como está vivindo esta campaña de cambios simbólicos para vostede?

-A nivel persoal, ó principio custoume un pouco polo tema de pasar de estar independizado a volver a vivir con meus pais. Algunha rifa xa tiven [ri], pero á fin e ó cabo, como na casa, en ningún sitio. Tampouco teño problema en volver a marchar para fóra se me aparecen novas oportunidades, pois xa estou acostumado. E a nivel futbolístico, cando acabei a etapa no Ínter, xa tiña pensado regresar a Galicia. De feito, tiña apalabrado xogar no Somozas, pero despois houbo uns malentendidos e decidín non firmar. Entón, a finais de agosto estaba sen equipo e apareceume a oportunidade perfecta do Laracha, onde estou moi contento. Compaxino isto coa carreira de INEF á distancia. Algún día gustaríame ser adestrador de porteiros.

-Está a formar parte, ademais, do mellor Laracha dos últimos anos, que pasou de estar a punto de descender na pasada tempada a codearse, na presente, cos mellores.

-Sempre que estou fóra, gústame seguir a liga galega de Terceira e o grupo 1 de Segunda B. Entón, xa sabía que estivo en apuros. Pero na presente, as cousas estanse facendo moi ben. E aínda que levamos sete xornadas sen gañar, creo que iso non se reflexa no campo. Con isto quero dicir que, coidando pequenos detalles, creo que podemos conseguir pronto eses tres puntos ansiados e estar, incluso, en posicións máis altas. Pero todo con traballo.

-O rival da próxima fin de semana de regreso á competición, o Porriño, último clasificado, pode significar ese punto e final da mala racha de resultados, ¿non?

-En Terceira, a clasificación, ó final, é moi enganosa. Nunca sabes o que che pode pasar. Aínda recordo que o Bergantiños, na saída que tivo a Lourambal, pasou apuros para gañar 1-2. Ademais, ese tipo de equipos seguro que para a segunda volta se reforzan para intentar loitar ó 100 por cento pola salvación, obrigándoche a non relaxarte en ningún momento.

-No Laracha intercámbiase moi a miúdo con Richi. ¿Como leva isto?

-É un pouco complicado porque o porteiro adoita ter unha continuidade que é a que lle dá un bo rendemento. Pero, ó final hai que estar concienciado de que vou ter a miña oportunidade. Mais o importante é adestrar ó 100 por cento durante a semana para estar perfectamente preparado cando chegue ese momento.

-Como exogador do Internacional de Madrid, ¿que consello lle dá ó Bergantiños para o partido de hoxe?

-Cando eu estiven no equipo, fixemos os deberes antes de tempo ó quedar primeiros na liga e firmar o ascenso directo. Agora, o equipo está moi cambiado ao reforzarse debido á categoría. Coñezo a 4 ou 5 xogadores, de modo que só podo desexarlles que gañen. Non o poderei ver porque me coincide co adestramento.

-O feito de tirar para a casa, imaxino que se debe a que seu pai está na directiva carballesa. ¿Baralla a posibilidade de acabar, algún día, no club no que despegou como xogador?

-Agora mesmo, ¿a quen non lle gustaría estar no Bergantiños? ¡Está á altura do Racing de Ferrol, o Compostela, o Arousa e a UD Ourense! E máis aínda, sendo de Carballo, como é o meu caso.

BERGANTIÑOS-INTERNACIONAL DE MADRID

O adestrador do Bergantiños, Miguel Figueira, asegurou onte que, a maiores, de Agulló, non hai ningún xogador máis lesionado para o encontro. Dará a oportunidade de debutar co primeiro equipo a novos xuvenís, e é moi probable que poña ós sancionados Christopher, Borja Facal, Cano e Marcos Rodríguez. Os prezos das entradas son a 8 euros para o público en xeral, a 5 para os socios e gratis para os menores de 18 anos.