«É moi bonito que a vila de Carballo considere a Brañas patrimonio local»

O presidente da Real Academia Galega di que sería posible dedicarlle as Letras Galegas a Alfredo Brañas, pero que hai procedementos a seguir


Carballo / La Voz

O Padroado Alfredo Brañas, en colaboración co Concello de Carballo, ten programados para mañá unha serie de actos para conmemorar o 160 aniversario do nacemento de Alfredo Brañas. Nesta ocasión, e coincidindo con tan sinalada cifra, convidouse a representantes da Real Academia Galega para, ademais de asistir e firmar no libro de honra do Concello, participar nunha conferencia-coloquio en relación á figura do autor carballés. Cóntao Víctor Fernández Freixanes, presidente da RAG: «Faremos unha glosa da figura de Brañas e a significación na cultura galega dun home que foi contemporáneo de Murguía e de Rosalía de Castro. A asociación quere facer unha lembranza especial e alí estaremos».

-Non podía ser doutro xeito.

-Claro. Non tanto polos seus valores literarios, como polos seus valores culturais e políticos. Xunto con Murguía foron as dúas cabezas do galeguismo rexionalista. É unha figura importante, e que tivo unha gran proxección -sobre todo en Cataluña- co seu libro O rexionalismo.

-Hai en Carballo unha corrente cidadá para a súa posta en valor.

-Viñeron a visitarnos á Academia, e encantado de recibilos. Querían, efectivamente, recuperar a figura de Alfredo Brañas, e mesmo co horizonte de que algún día se lle puidera dedicar o Día das Letras Galegas. Unha iniciativa moi lexítima, e que no seu día terían que valorar todos os académicos, xa que hai uns certos procedementos a seguir.

Iso de que ninguén é profeta na súa terra... Pois no caso de Brañas é moi bonito que a súa vila se ocupe del e o considere un patrimonio local. É algo que honra á xente que pon en marcha esta iniciativa.

-É a dedicación das Letras Galegas unha posibilidade real?

-Claro que o é. O que pasa que hoxe en día, afortunadamente, hai unha gran riqueza literaria e hai un gran debate tanto dentro da propia institución como coas asociacións e entidades externas que se dirixen á academia con propostas. Hai pouco estivemos, por exemplo, no Barco de Valdeorras arredor da figura de Florencio Delgado Gurriarán.

Nestes casos considérase a figura e a significación cultural da persoa que se vai elixir e a súa obra, pero tamén a didáctica social que poida representar a contribución que ese autor fai.

-Diría que cada ano se volve máis complicado elixir?

-Si, pero repito que afortunadamente, porque hai moitas posibilidades, e iso proba a riqueza cultural deste país. O único condicionamento que pon a academia é que pasen 10 anos do falecemento do candidato. Aínda así, o importante e primeiro paso a tomar é que a xente comprenda o alcance da figura en cuestión, neste caso a de Alfredo Brañas.

-Tamén lles chegaría a petición de Labarta Pose.

-Si, claro, pero cada ano hai como dez ou doce que nos chegan. Despois a Academia ten un regulamento e uns pasos a seguir.

-Na súa conferencia falarán da «memoria viva» do carballés.

-Si, falaremos un pouco diso, pero máis que unha conferencia gustaríame que fose un coloquio entre as persoas que imos participar e a xente que ata alí se achegue. Algo terán que dicir!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«É moi bonito que a vila de Carballo considere a Brañas patrimonio local»