«As oito horas en bus de Madrid a Galicia fágoas de moi boa gana»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

CEDIDA

SEGUNDA DIVISIÓN B | O carballés José Antonio Moreira cumpre a que é a súa terceira tempada no Unión Adarve, club polo que sente adoración

24 sep 2019 . Actualizado a las 20:17 h.

José Antonio Moreira Martínez (Carballo, 1989) mudou hai tres anos da súa casa na Gran Vía por un apartamento en Madrid. O motivo, nun inicio, foi de índole persoal. Pero o certo é que debido á súa longa e incesante traxectoria futbolística en clubs galegos, pronto recibiu a chamada da Agrupación Deportiva Unión Adarve, unha entidade moi recente do barrio do Pilar que, coa súa chegada, conseguiu o ascenso histórico á categoría de bronce do fútbol español, a Segunda División B.

Dúas campañas despois, e logo de conseguir unha permanencia máis que digna no seu debut (zona media da táboa), o carballés segue formando parte do plantel madrileño. Agora toca falar en clave de pasado e presente, e, incluso, de futuro. Aínda que está lonxe de Bergantiños, fai o posible por estar moi presente.

-¿Con qué idade e onde comezou a xogar ó fútbol?

-Empecei nas Escolas Luís Calvo con 7 anos, cando aínda non estaban federadas e faciamos adestramentos e competicións internas entre nós. Despois, sendo alevín e infantil, pasei polo Arteixo debido a que o meu pai era adestrador alí. E con 12 anos, regresei á canteira do Bergantiños, pero aínda non para quedarme, pois dende a etapa xuvenil e durante catro anos fun para o Atlético Montañeros Coruña, onde xoguei nos xuvenís de División de Honra e co primeiro equipo. Logo regresei a Carballo, xa co equipo sénior, onde estiven dous anos, marchei un para o Cerceda, o Celta B e o Pontevedra, ata regresar ao Bergantiños por dous anos para logo comezar no Unión Adarve, onde levo tres tempadas.

-¿Como deu ese paso de Galicia a Madrid?

-Primeiro vin por un tema persoal. Como estou sempre vinculado ó deporte ao ser profesor de Educación Física, vin facer un curso de adestrador de fútbol, e apareceume a oportunidade de fichar aquí debido á boa traxectoria en Galicia. Quería saír tamén un pouco da miña zona de confort e xa me asentei aquí.

-E tivo tan boa sorte, que nesa primeira tempada co equipo lograron un ascenso histórico.

-Foi un ascenso moi soado ao ser un club de barrio. Porque, aínda que estaba en crecemento, eramos un equipo moi humilde que competiamos contra outros que nos superaban moitísimo no orzamento. E o feito de lograr o ascenso contra un Malagueño que tiña unha plantilla profesional... E agora, en Segunda B dous anos.

-¿Esa campaña foi, tamén, para vostede, a primeira nesta categoría?

-Non, xa antes estivera co Montañeros. Pero, lograr un ascenso cun equipo de Terceira e permanecer foi algo histórico, tanto a nivel individual como para o club.

-Cumpre a terceira tempada no club e ten 29 anos. ¿Gustaríalle rematar a súa carreira como futbolista aí?

-A verdade é que estou moi cómodo aquí e non me plantexo aínda a hora de retirarme nin onde. Aínda que tamén recoñezo que hai momentos nos que Galicia bótase de menos, xunto coa familia e o fútbol galego. Pero, tamén teño a sorte de que no Grupo 1 no que estamos na competición, xogamos contra equipos galegos. Iso fai máis levadía a morriña. As 8 horas en bus fágoas de moi boa gana porque aproveito para ver a miña xente.

-A maiores desas viaxes obrigatorias, ¿adoita vir a Carballo a miúdo?

-Só en datas contadas. Por exemplo, estiven aí agora no Nadal unha semana, que foi a que tiven de vacacións. Porque no meu día a día, adestro polas mañás e, as tardes, dedícollas a miña paixón, a docencia. Estou de coordinador nun colexio e nun club de fútbol adxunto, e tamén de adestrador neste último.

-Cando fala de morriña, imaxino que a figura de Borja Facal está moi presente, xa que eran como un tándem.

-Fixemos unha escola de tecnificación na que el aínda se atopa, temos traxectorias paralelas, e coincidimos, tamén, en certo momento, xogando xuntos no Bergantiños. Somos dous apaixonados do fútbol, amigos que xa nos coñecemos de hai moito tempo e estamos en contacto case a diario falando de fútbol e da escola de tecnificación, facendo campus cando eu vou en verán, ou quedando para comer ou para tomar o café cando teño vacacións. Levámonos e entendémonos moi ben, e de aí esa relación tan bonita, que é das cousas do fútbol coas que te tes que quedar.

-A mudanza a Madrid tamén lle fixo mudar, en certo modo, a súa tradicional posición de medio centro. ¿Está cómodo na defensa?

-Vou alternando un pouco, pero si que é certo que aquí xoguei en moitas posicións. O ano pasado empecei máis retrasado porque a principio da tempada tiñamos problemas na liña de atrás entre lesións e sancións. Pero, a final de campaña e na presente, xa xoguei máis de centrocampista.

-Esta segunda liga en Segunda B parece que lles está custando máis sacala adiante. ¿A que se debe?

-Si, a nivel resultados levamos sete xornadas sen lograr a vitoria. Pero, a verdade é que resulta unha categoría moi difícil. Comezamos moi ben, incluso coqueteando cos postos medios altos da clasificación. Agora, pasamos por unha racha mala, pero sabendo en todo momento onde estamos, en playout, e cal é o obxectivo, a permanencia, de modo que tampouco estamos tan lonxe de logralo.

-¿Quedará asentado aí en Madrid para sempre?

-No fútbol nunca se sabe. Nestas categorías, soemos firmar a renovación ano a ano. Pero estou moi asentado no club, no ambiente do equipo, xa facendo aquí amigos, e co tema do colexio tamén estou moi cómodo e gustaríame seguir así. Encóntrome ben fisicamente. Agora mesmo non tanto, xa que estou lesionado. Estou, quizais, no mellor momento da miña carreira futbolística. Pero si que me estou formando continuamente, xa case teño todos os títulos de adestrador mais estou facendo un master de análise de xogo, para que cando chegue o momento de deixalo ou o fútbol me diga ata aquí, estea preparado para facer outras cousas.

-¿Que significa para vostede o Unión Adarve?

-Para min é unha familia. Dende o primeiro momento que cheguei aquí acolléronme incriblemente. Se che digo a verdade, estiven en moitos clubs e este ten algo especial: unha esencia familiar que engancha moito e da que eu me fixen partícipe. E non é porque teña unha gran masa social, senón polo trato que me brinda a entidade.