«Ir no globo é como ir nunha burbulla»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

Antonio Veiras, da empresa Iniciativas Turísticas, di que sería moi bonito volver ver 15 ou 20 artefactos voando sobre Carballo. Estes días non dan feito coas subidas da campaña de promoción do comercio local

04 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Antonio Veiras García (Carral, 1970) lembra aínda aquel seu primeiro voo en globo en Valladolid. Entende por iso a sensación que nenos e adultos están a ter estes días en Carballo, xa que poden subirse a un dentro da campaña municipal de promoción do comercio local. Aínda co frío que facía, moitos agardaron onte quenda nunha longa ringleira para poder gozar dun voo controlado: a tarde alongouse, e houbo esperas, pero como di Veiras, que sobe e baixa seguido, «á xente que leva dende as catro e media da tarde agardando non lle podes dicir que se vaia, hai que facer o posible por atendelos». Os globos centran a actividade da empresa Iniciativas Turísticas, con sede na Coruña: «Voamos este globo e tamén outros, pero isto ata agora facíase máis ben fóra, en sitios como Madrid ou Segovia. O que pretendemos agora é traelo a esta zona, porque ten moito que ofrecer tamén. Hai sitios moi bonitos para ver dende o aire», considera Antonio.

ANA GARCIA

-¿Coñecía Carballo?

-Coñecía, si, e ademais aquí no seu día houbo unha especie de festival de globos [foi hai 16 anos, o Campionato de España de Aerostación]. Sería moi bonito que iso volvese ocorrer aquí.

-¿Miran esa posibilidade?

-Se frutificase, e houbese interese ao respecto, a verdade é que sería unha marabilla ver 15 ou 20 globos sobre Carballo.

-¿Como é a vila dende o aire?

-Pouco puiden ver [ri] porque teño que estar atento a atender á xente e á mecánica do globo. De todas formas, un voo libre é o que permite a lectura da paisaxe, pero estes voos controlados permiten máis ben que a xente teña esa sensación de ver como se eleva e como flota sobre o aire.

ANA GARCIA

-¿Que lle din ao elevarse?

-Que é unha experiencia nunca vivida, algo extraordinario que queren volver probar. É unha sensación distinta a outras actividades como poden ser subir nunha noria ou noutro tipo de atracción. Aquí notas como simplemente te levantas co aire quente.

-¿Ten ciencia o voar o globo?

-Tena, non se pode facer sen unha titulación e sen unha experiencia. Hai que ter un carné parecido ao dun avión, porque ao final é unha aeronave e hai que aterse ás normas de aviación civil.

-¿Cando empezaron cos voos?

-No 2002 empecei eu a voar e a partir de aí fomos facendo distintas cousas. Incluso voamos algún dirixible. Nesta zona pouco, porque tamén vemos que o tempo non é tan propicio como noutros sitios: esta semana estamos tendo moita sorte con días seguidos de calma case total. Non é habitual nun mes de xaneiro.

ANA GARCIA

-¿Que lugares lle resultarían atractivos ver dende o aire?

-Sobre Carballo teño voado xa en avión, ou cara Santiago. Pero o voo en globo é distinto, porque é coma se foses nunha burbulla, dentro do propio aire. Dáche tempo a irte fixando, porque vai con moita calma. O avión vai a través do aire, ten que ir impulsado, pero o globo unha vez que ascende non vai a través del, vai dentro. Por iso digo que é coma unha burbulla, algo totalmente estable que ademais sempre se fai nas mellores condicións. Isto con tormenta ou chuvia non se pode levar a cabo. ¿Lugares? Diría que o acueduto de Segovia ou a muralla de Lugo. Paraxes con historia.

-¿Como valora a inclusión dun globo na campaña carballesa?

-Eu creo que foi un acerto por parte da corporación. Non é habitual ver isto todos os días, pero a maiores está o feito de que é algo interactivo: a xente participa, ve como é a mecánica, como sobe e como baixa... É un aliciente. Poden preguntar por que fai isto ou o outro. Ves que gusta, e tanto a nenos como a adultos. Esperaba que houbese expectación, pero co que vimos estes días constatamos aínda máis crecemento sobre o que nós agardabamos.

-¿Vería posible ter máis propostas deste tipo de cara á primavera ou mesmo ao verán? ¿Falouse?

-A ver como acaba isto agora, pero penso que se quedan contentos, que me parece que de momento si, non haberá problemas en plantexar outras actividades.

Cando e onde. Hoxe, no parque do San Martiño, de 11.00 a 13.00 e de 17.00 a 19.00. Mañá (de 10.00 a 14.00) e pasado (de 16.00 a 20.00) no parque do Rego da Balsa. Só é preciso presentar un tique de compra nalgún comercio de Carballo posterior ao 14 de decembro e por un importe mínimo de 5 euros. A subida vai por orde de fila.