«O cómic sempre me chamou a atención»

Melissa Rodríguez
MELISSA RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

Este carballés acaba de publicar o libro «Ulf de Jakobsland. Os viquingos en Galicia» no que, a través de viñetas, divulga acontecementos históricos pouco coñecidos

03 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Alberto Varela Ferreiro (1963) vive en Santiago de Compostela debido ao seu traballo, o de deseñador gráfico na Televisión de Galicia. Pero vén a Carballo, a súa localidade natal, case todas as fins de semana para gozar do tempo libre. Ratos, que emprega, ademais de para pasar coa familia, para facer libros de banda deseñada. O último que veu a luz, da man de Edicións Xerais, foi Ulf de Jakobsland. Os viquingos en Galicia, un volume de 80 páxinas no que, mediante viñetas, divulga acontecementos históricos pouco coñecidos.

-¿De que trata este libro?

-Versa sobre as invasións viquingas en Galicia. Imos da man da personaxe que foi o derradeiro viquingo que estivo na comunidade no século XI, dende o 1.028 ata o 1.048: Ulv Galiciefarer, ó que eu chamo Ulf de Jakobsland, xa que este último termo era como se coñecía Galicia, no norte, a partir da Idade Media.

-¿Como xurdiu a idea?

-A raíz dunha publicación de National Geographic, a finais do 2017, que dicía que un arqueólogo danés descubrira a tumba deste caudillo. E tamén, despois de facer unha viaxe a Dublín onde, vendo o Museo Nacional de Irlanda, me decatei de que esta fora a cidade na que se fundaran os viquingos. Entón, empecei a investigar e pareceume un tema interesante para tratar a nivel de cómic, xa que polo momento só había algún título pequeno. Ademais, considereino bastante adaptado aos nenos, porque a mitoloxía é algo que sempre lles gusta, e a min tamén dende que era cativo. Pero, en xeral, é para todos os públicos, porque empezas a ler e descobres cousas que interesan polas poucas referencias que temos de que os viquingos estiveran en Galicia.

-O seu traballo leva o seu tempo, ¿non?

-Si. Este volume fíxeno aproximadamente nun ano. A maneira de traballar é a seguinte: fago as páxinas a lapis en tamaño A3, escanéoo, dixitalízoo, e o resto do proceso xa segue no ordenador. Primeiro, fago un intintado no que vén sendo perfilar negro sobre branco e, despois, doulle a cor, póñolle o texto e acabo de maquetar e de facer o libro.

-¿Como lle naceu esta paixón por contar a través do debuxo?

-Supoño que como moitos nenos. Empecei a debuxar na escola Fogar, onde participei na revista que levaba ese nome. Despois, no instituto tiñamos outra que se chamaba Idoiro, e na que eu tamén estaba. Pero non só debuxando, senón tamén escribindo artigos. Sempre foron dúas cousas que me gustaron, por iso o cómic sempre me chamou a atención. A raíz diso, empecei a debuxar. Vin que non se me daba de todo mal e empecei coa revista mítica de Carballo, que se chamaba A Ameixa Cacofónica e era un fancine. E á hora de estudar, decanteime por Belas Artes, en Barcelona, época na que colaborei noutras publicacións. E máis recentemente, na revista de Golfiño, de Edicións Xerais. Desde que traballo de deseñador gráfico, de vez en cando, dende o 1999, dedícome a facer libros infantís de ilustracións. O primeiro foi Anamarciana, de ciencia ficción. E como tivo bastante éxito e, incluso, un premio outorgado polas bibliotecas, seguín ata agora.

-¿E o interese pola divulgación?

-A historia sempre me interesou. E o cómic, paréceme que é un xeito moi interesante de dar a coñecer unha serie de acontecementos históricos que non se coñecen moito a nivel xeral. Neste sentido, é unha boa ferramenta para introducir a calquera lector. E tamén, digamos que a única maneira de publicar algo de ilustración é dedicándose ao público infantil. Hai poucas opcións. Agora, por exemplo, Edicións Xerais estase abrindo un pouco ó cómic. De feito, a colección na que está integrada este libro está, precisamente, orientada ás escolas. Por iso na parte final leva un glosario explicando determinados termos e un pouco de historia dos viquingos.

-Van case 40 anos de profesión. ¿Para este novo ano ten algún propósito?

-Por suposto. Teño algúns proxectos, pero chegar a publicar é complicado. Hai moita xente que quere, e a industria editorial tampouco pasa por un momento moi bo. E ás veces, tamén o que falta é tempo. No meu caso, dedícollo nos ratos libres, moi de vez en cando.