Miguel Ángel Fernández: «Cada un de nós ten os seus contactos e todos nos axudamos»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

SANTIAGO GARRIDO

Un total de 26 empresas da zona reúnense cada semana en Carballo para mellorar redes e negocios propios

23 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Miguel Ángel Fernández Pereiro, de 40 años, natural de Tines, é xestor administrativo. A súa empresa dende hai 11 anos, Gradempres Asesores, está na avenida Fisterra (a principal de Vimianzo). E é ademais o presidente do grupo BNI Dolmen. Trátase dunha agrupación que forma parte da organización mundial de Business Networking Internacional (BNI), con máis de 8.600 grupos en 73 países, dos que 259 están en España e vinte en Galicia. Na provincia están moi repartidos: catro en A Coruña, dous en Santiago, Cambre, Arteixo, Noia... Usan un método de traballo xa moi contrastado, que naceu en Estados Unidos, que se basea na confianza, na rede de contactos, en que todos son comerciais de todos para axudarse mutuamente e incrementar os respectivos negocios. Reúnense cada semana (os mércores, ás 7 da mañá, no balneario de Carballo) para analizar o que se fixo, e avalialo. Todo baixo un control moi estrito e profesional, e cunha aplicación móbil específica.

-¿Cantos empresarios forman parte do BNI Dolmen?

-Son 26 empresas, de 26 sectores. Cada unha, dun. Ou, se son do mesmo, teñen que complementarse. Por exemplo, se son informáticas, unha ten que dedicarse a unha área, e outra, a outra. Son sectores moi variados.

-E vostedes xúntanse en Carballo. ¿Qué territorio teñen?

-Temos empresas da Coruña ata Fisterra, pero se cadra máis nas comarcas de Soneira e Fisterra. Pero tamén poden vir de fóra, que non entren noutro grupo e veñan para o noso. O de estar en Carballo xurdiu así. Gustarianos ter máis empresas de aquí, porque o sector é moi amplo para abrirse, sobre todo no comercio.

-¿Quen entra en BNI?

-Dende un autónomo sen empregados ata a PSA en Vigo. O requisito dunha é que non interfira noutra. O que queremos é que haxa sinerxias, non prexuízos. E tamén hai que autorizar que entre, claro. Non é só querer.

-¿E como traballan?

-Facemos reunións de traballo, onde falamos dos negocios de cada un, para que todos os coñezan. É como ter comerciais gratuítos. Eles falan de min, eu deles, cada un ten as súas referencias, establécense contactos... Cada un ten os seus e todos nos axudamos. Cando ti vas falar con alguén que che recomendan, esa persoa xa está avisada, non acodes a unha porta fría. Hai un método de traballo, e funciona. BNI (temos unha cota anual) márcanos unhas pautas, e comproba que todo funciona ben. Hai que dedicarlle tempo, e tamén temos formación. O sistema é igual en todo o mundo, e calquera de nós pode acudir a calquera grupo en todo o mundo.

-¿Para entrar, como se fai?

-Ten que ser convidado por outro membro, e un comité avalía se é interesante ou non. Que teña unha calidade. Nós temos un grupo humano moi bo.

-¿E iso de reunirse ás 7.00?

-Hai que estar xa ás 6.45. Pero ás 8.30 ou 9.00 xa acabaches e quédache todo o día. O tema é que nese tempo estás traballando. É unha parte máis da túa empresa. A asistencia é obrigatoria, só podes faltar tres veces en seis meses, aínda que pode ir un substituto.

-¿Todo isto dá resultado?

-Si, a min e a todos. Cada semana exponse o que se fixo, o que se conseguiu. Lévase a conta de todo, compútase todo. Por semana pode haber facturacións de entre 20.000 e 25.00 euros globais. É sinxelo, se lle das aos demais, os demais vanche dar a ti. A credibilidade, a seriedade, son fundamental. E se hai algún que non funciona, pois non se lle renova ao ano.

-Isto aínda non se coñece moito.

-Pode ser. Nós estamos traballando dende agosto do ano pasado, pero xa levabamos varios meses preparando todo. Eu entendo que o das 07.00 da mañá chama a atención, e condiciona, pero funciona así. A clave de todo é vernos funcionar. Non somos unha entidade secreta nin nada diso, o que queira ver os que estamos entra na web de BIN Galicia e busca Dolmen e xa nos ve. Así se nos pode contactar. O que se busca é precisamente a visibilidade.

-Empresarias non hai moitas.

-Non, temos unha representación de mulleres aínda menos que noutros grupos, e hainos que están case á metade.

-Os negocios que se fan grazas a estes contactos, ¿inclúen comisións?

-Non. Están prohibidas. Todos nos axudamos a todos. E hai que ter en conta que isto non é chegar e encher. Hai que gañalo.

-¿Quédalle moito de presidente?

-Ata abril. Son grupos semestrais, e só se pode renovar unha vez. Xa fun secretario.