Carballo nas fotografías de Plácido e José Vidal

«José Vidal. Unha vida dedicada á fotografía» | Xan Fernández Carrera presentarao mañá, no Casino de Carballo, ás 20.00 horas. Intervirán tamén Álex Ávila, bisneto de José Vidal; e Xan Fraga Rodríguez, historiador.


Carballo tivo a sorte de contar cunha familia local de fotógrafos, a dos Gervasio Varela, e a través das súas fotografías tivemos a oportunidade de coñecer como era a nosa vila nas primeiras décadas do século pasado. Desde os inicios daqueles anos dispoñemos de imaxes dos lugares e edificios máis emblemáticos da capital bergantiñá: balneario, ponte de Isabel II, antiga igrexa de San Xoán, praza da Liberdade, casino, casa do concello, ou das primeiras rúas coma a da Braña ou a do Camiño Novo.

Pero ademais das valiosas fotos desta familia de reporteiros carballeses, houbo outros fotógrafos que por aquela época se achegaron a Carballo e realizaron reportaxes desta localidade. Un deles foi o muxián Ramón Caamaño, que sendo mozo, fixo unha reportaxe durante o verán de 1925, coincidindo coa súa estancia no balneario carballés. Isto permitiunos posuír imaxes dos Baños Vellos, da casa da Condesa, ou da celebración da festa de Corpus dese ano.

Outros fotógrafos que se achegaron aquí por aquel tempo foron Plácido Vidal Díaz e o seu fillo José Vidal García, oriúndos de Laxe. Plácido era avogado e con frecuencia acudía ao xulgado carballés para defender aos seus clientes. Entre eles estaba Antonio del Moral, deputado do partido Liberal, casado con Clotilde Sanjurjo Flórez, filla dos IX condes de Torre Penela, donos dos baños de Carballo. Mais Plácido Vidal, ademais de xurista, era un gran afeccionado á fotografía, arte que lle ensinou o coruñés José Villar, propietario da coñecida droguería que levou ese nome, e que era a que subministraba os produtos fotográficos á maioría dos que se dedicaban a este oficio.

Plácido e o seu fillo, José, quen chegou a ser un dos grandes fotógrafos da Costa da Morte, aproveitaron algunhas das súas visitas a Carballo para tirar fotos do seu núcleo. Estas imaxes que se conservan no arquivo do Fondo Vidal, no concello de Laxe, na súa grande parte son descoñecidas para a maioría dos carballeses xa que nunca foran publicadas. Incluso algunha que se publicou aparece sen nome, polo descoñecemento do autor.

En conxunto deixáronnos máis de vinte imaxes da nosa localidade, correspondentes ás tres primeiras décadas do século pasado, verdadeiras xoias documentais para coñecer como era a capital bergantiñá no primeiro terzo do século XX.

Pola falta de datación, resulta difícil adiviñar se foron tiradas por Vidal pai ou por Vidal fillo. As máis antigas, as das dúas primeiras décadas, pódenselle atribuír ao primeiro, e as realizadas despois, teñen máis probabilidade de ser da autoría do fillo. Algunhas delas foron sacadas nas beiras do Anllóns, na zona do San Martiño, e vese ao fondo a antiga igrexa en construción, e no centro varios persoeiros. Outro grupo está dedicado á ponte de Isabel II e á estrada AC 552, que cruzaba por ela. Vémola flanqueada de grandes árbores. Outras amósanos as obras de construción do concello e da antiga igrexa carballesa, estas resultan máis doadas de datar porque o primeiro levantouse entre 1907 e 1813, e a segunda, entre 1899 e 1924.

O conxunto máis numeroso está dedicado á praza da Liberdade, que era o centro urbano, e ás rúas máis achegadas. A praza móstrase desde diferentes ángulos o que permite observar como eran os edificios que a rodeaban. Unha delas foi feita un día de mercado. As rúas contiguas que aparecen son as do Camiño Novo, a Braña (actual Vázquez de Parga), Desiderio Varela e a do Sol. Ademais dos edificios xa citados, os Vidal tamén recollen nas imaxes o convento e capela da Milagrosa, o Cárcere e o Casino.

A familia Vidal, mantivo e segue a manter unha estreita relación con Carballo. A filla do fotógrafo José Vidal, Elba Vidal Eiroa, falecida no ano 2006, e o seu marido, o industrial Vicente Álvarez Rodríguez, tamén falecido, fixaron a súa residencia nesta vila e parte dos seus descendentes seguen a residir na capital bergantiñá.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Carballo nas fotografías de Plácido e José Vidal