Unha historia de Chapelas

En primeira persoa: Juan Félix Gende Díaz, deseñador gráfico | «Figúrome a eses rapaces novos escarranchados nas bancadas e escachando de risa [...] ao dicir: Ei! Mirade ese rubio de aí [Chapela, xogador do Deportivo], semella o noso Amadeo!»


Chamádeme Chape. Na nosa casa eramos catro irmáns e dende hai moitos anos somos coñecidos polos Chapela. Moita xente me ten preguntado con curiosidade por que somos dese xeito alcumados, así que intentarei contar aquí esa historia, con un pouco do que eu sei e con algo do que de rapaz me contaron.

Todo vén do noso tío Amadeo, irmán da miña nai e o noso Chapela xenuíno. Resulta que, a finais dos anos 60, militaba no Deportivo da Coruña un futbolista de Tolosa coñecido como Chapela. Amadeo tamén era moi bo xogador e parece ser que era cuspidiño a ese dianteiro e dicíase que incluso tiña un aire con el na forma de xogar. Descoñezo se por aqueles anos os partidos do Depor eran televisados, así que vou imaxinar que, por algún motivo, Chapela veu xogar a Carballo, que Amadeo e os seus amigos acudiron ao antigo campo de Pedras Brancas a ver o partido e que alí naceu este conto. Figúrome a eses rapaces novos escarranchados nas bancadas e escachándose da risa despois de que o máis aguzoso deles atinara a dicir mentres o dianteiro corría veloz a banda:

-Ei! Mirade ese rubio de aí, semella o noso Amadeo!

Figúrome tamén a meu tío replicando, bastante alporizado, despois de sufrir as risas dos seus camaradas:

-Calade a boca vós, que non tedes nin idea! -para rematar el tamén entre risas asumindo con deportividade o indubidable parecido. Se a tropa de amigos de Amadeo era como a miña de hoxe, a chanza tivo que ser monumental.

E así comezou a carallada de chamarlle Chapela, e Chapela quedoulle dende entón.

Contaxio de Chapelas

Pero non morreu aí o conto, aínda que os anos foran pasando. Moi caralláns debían ser estes colegas que empezaron a estender o sobrenome entre o resto da nosa familia como se de un virus se tratara. Os primeiros afectados foron os irmás de Amadeo, todos máis novos que el e, curiosamente, todos do xénero masculino. De feito, miña nai, Alicia, e miña tía, Susana, parecen estar inmunizadas ao contaxio, quizais sexan portadoras, como pasa coa hemofilia, pero iso, quen o sabe?

Total, que Xesús, Xosé Ramón e Luís pasaron tamén a ser Chapelas. Houbo, porén, unha excepción co defunto Felisindo, que conseguiu salvarse porque estaba emigrado en Suíza nesa época e non me consta que algunha vez lle chamaran Chapela.

Os seguintes en ser portadores do chapelismo fomos os sobriños, xa na época en que nacín eu. Era o ano 1970 e o meu finado pai, Félix, traballaba entón para Fenosa na hidroeléctrica do salto de Frieira, preto de Ribadavia, onde vivía coa miña nai. Mentres tanto, meu irmán maior, Xurxo, pasaba longas tempadas en Carballo cos avós maternos, Elvira e Basilio. Os meus tíos, antes citados, adoitaban sacar de paseo ao xardín ao pequeno Xurxiño e deduzo que alardearían de sobriño ante os seus amigos, os cales empezaron a chamarlle Chapeliña a ese pequecho que debía ter daquela catro ou cinco anos. E digo que deduzo porque, cando eu vin para Carballo, sucedeume a min o mesmo, xa que aínda recordo a algún colega dos meus tíos preguntándome:

-Chapeliña, de que equipo es, do Madrid ou do Barça? Chapeliña, vas ser futbolista?

E claro, con tanto Chapeliña para aquí, Chapeliña para alá, cando comecei no colexio, xa todo se sabía. Nas Escolas do Xardín eu era un Chapela xeneticamente puro e unha boa parte da rapazada coñecíame por Chape.

O mesmo ocorreríalle despois a Alberto, meu querido irmán Alberto, quen tanto me aprendeu e ao que tanto botamos en falta. Xa máis adiante, a Diego, o máis novo dos irmáns e non por iso menos propenso a librarse do apelativo.

O meu próximo gato

Estes feitos ocorreron hai máis de corenta anos e non descarto que houbera algunha imprecisión na forma de relatalos, pero, exactos ou non, o certo é que dende entón, fomos sempre os Chapela.

O curioso e que, nin os fillos de Amadeo, nin os meus outros curmáns, herdaron ese alcume. Aínda que non semella que os xenes do chapelismo se transmita vía paternofilial, sospeito que Xurxiño, Aroa e Álex tamén portan estes xenes, igual que a miña tía política Piluchi, nai destes dous últimos, quen ten gañada esa condición por tanto que nos ten aturado.

Xa vedes que aceptamos con humor este cariñoso alcume e penso que a ningún nunca nos molestou. Ao próximo gatiño que adopte chamareille tamén Chape.

¿Quen é Juan Félix Gende Díaz?

Nacido en Ribadavia no 1970, Juan Félix é deseñador gráfico. Fundou un estudo en Carballo hai anos xunto co seu irmán, Alberto, agora falecido, e das súas mans saíron os carteis do Festival Internacional Outono de Teatro. Cada ano cunha maior esixencia, máis cunha resposta cada vez mellor. Obra de Gende foi tamén o famoso cartel do Rockin’ (2017) que fusionou con gran atino a cabeleira de Jimi Hendrix coa copa dun carballo; ou a imaxe gráfica do entroido 2016, no que tamén empregou simboloxía moi dispar: a saga Star Wars, a través da princesa Leia, e David Bowie.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

Unha historia de Chapelas