Alfredo Brañas Menéndez e Enrique Labarta Pose

Xosé M. Varela A VOZ DO EXPERTO

CARBALLO MUNICIPIO

CEDIDA POR XOSÉ MANUEL VARELA

17 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora que Alfredo Brañas Menéndez volve a Carballo non estaría de máis recordar a relación que este carballés de orixe tivo co escritor de Baio Enrique Labarta Pose.

Ambos coincidiron na súa etapa biográfica de Santiago de Compostela durante as décadas dos 80 e 90 do século XIX. A súa relación sociocultural resultou tan intensa que se coñecían polo miúdo. Citemos tan só uns mínimos feitos dese vínculo.

Alfredo Brañas escribiulle a Labarta o extenso prólogo co que se abre o poemario bilingüe Bálsamo de Fierabrás. O carballés conta nel o amplo anecdotario e andanzas de Labarta durante a súa etapa como alumno universitario.

Na gran obra de Brañas, El Regionalismo, este destaca de maneira especial o autor de Baio. Califícao de poeta humorístico «de primer orden» e saliéntalle a súa fertilidade literaria: «¿Y quién no ha admirado la vena inagotable de Labarta, el poeta laureado en tantos certámenes literarios... y autor de tantas poesías que sería prolijo enumerar? Bien puesto está, y perfectamente le sienta, el honroso mote de Quevedo gallego con que algunos críticos le han bautizado».

Ademais, Brañas reclamáballe poemas a Labarta para que lese nas diversas xuntanzas culturais que mantiñan. Unha proba: «El señor Brañas, ayer, / me dijo de esta manera: / Haga usted un verso cualquiera / para mañana leer».

Por outra banda, Labarta abriu as portas das súas revistas literarias tanto á figura como á obra de Alfredo Brañas. O número 10 de Galicia Humorística comeza cunha longa biografía en verso de Brañas, escrita por Labarta, na que se despide con estas palabras: «Es joven todavía: en su carrera / aún más brillante porvenir le espera». E noutros números aparecen colaboracións de Brañas como ¡Quen soupera esquirbir!, El muñidor de elecciones, Un comisionado de apremios ou, entre outros, o poema costumista A víspora de San Xuan coa que o carballés fora premiado no Certame Literario de Pontevedra de agosto de 1886.

Mágoa que a prematura morte de Brañas e a marcha de Labarta para Pontevedra truncase unha das relacións culturais máis importantes do século XIX de dous autores nacidos na Costa da Morte!