Os rapaces baixaron o pano do FIOT

Xosé Ameixeiras
a. lavandeira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Os Teatreiros do Monte Neme e Cardume gañaron o concurso de Teatro Lido

12 nov 2018 . Actualizado a las 14:33 h.

O alumnado dos colexios e institutos de Bergantiños baixaron onte o pano do Festival de Outono de Teatro (FIOT) de Carballo coas representacións e a entrega dos premios do concurso de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís. Os gañadores foron Os Teatreiros do Monte Neme, do IES Monte Neme de Carballo, na segunda categoría (ensino secundario), coa obra O ladrón, e Cardume, do CEIP Fogar e tamén carballés, na primeira, con Quero ser outro. Todas as obras emítense por Radio Voz.

Foi un peche con moito talento e diversión, nunha sesión dirixida por Caxoto, que centrou parte da súa animada actuación no outono e nos seus froitos. Os sete grupos finalistas interpretaron as súas obras, moi valoradas polo público, que tamén se divertiu coas representacións dos rapaces. Na primeira categoría, Os Teatreiros, do colexio Xesús San Luís Romero, de Carballo, comezaron as intervencións infantís coa interpretación de O galo Quirico, coa que obtiveron un dos accésits. Outro dos recoñecementos foi para o Grupo Mariñeiras, do CPI Cabo da Area, de Laxe, que sacaron ás táboas un tema moi da Costa da Morte, Maruxa mariñeira. Pobres animaliños, do CPR Artai, de Carballo, levou o segundo premio.

O grupo As sete mulleres do Anllóns, do CPI As Revoltas, de Cabana, coa obra As sete mulleres do Anllóns, coa que obtivo o segundo premio, foi o encargado de abrir as representacións na segunda categoría. A compañía Lendo Lendas, do Alfredo Brañas, de Carballo, actuou co espectáculo Puchiño vermello. Pero foron Os Teateiros do Monte Neme os que gañaron cunha comedia que divertiu aos espectadores e que o xurado valorou como merecente do máximo galardón.

Os premios foron patrocinados pola librería Brañas de Carballo. Encargáronse de entregar os galardóns o presidente de Telón e Aparte, Alberto Sueiro, as autoridades municipais Mar Eirís e Marcos Trigo, o delegado de Corporación Voz, e os membros do xurado, Maruxa Suárez, Fran Rodríguez e Santi Pazos. Xa rematado o acto, houbo unha chocolatada para nenos e acompañantes, algo que xa é tradición neste certame, que chegou este ano á 18.ª edición. O concurso formou parte, coma sempre, da programación do FIOT.

Nesta ocasión participaron 42 grupos de teatro de colexios e institutos de Bergantiños. Todos eles pasaron por Radio Voz para gravar e logo emitir o seu traballo. Interviñeron nesta ocasión case uns 300 escolares.

O espectáculo da final prolongouse por espazo de case dúas horas moi entretidas e foi unha das convocatorias de máis éxito do FIOT, co salón de actos ateigado de familiares dos intérpretes. Así rematou un gran festival, no que Iphigenia en Vallecas obtivo o premio do público.