«Iphigenia en Vallecas» leva o Premio do Público no 27.º FIOT

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

A organización do festival teatral carballés fai balance da edición

04 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Tempo de facer balance por parte da organización do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT). Onte mesmo deuse a coñecer a obra merecedora do Premio do Público nesta 27.ª edición do encontro: resultou ser Iphigenia en Vallecas, de Serena Producciones, interpretada por María Hervás. Obtivo unha puntuación de 4,58 sobre 5. En segundo lugar quedou Fedra (4,54 sobre 5) e, en terceiro, Pss Pss (4,52). A de Lolita era unha das funcións máis agardadas, coas entradas esgotadas ás dúas horas de poñerse á venda. Pola súa banda, con Pss Pss chegou a Carballo da man compañía Baccalà unha mistura de clown moderno, teatro e circo.

BASILIO BELLO

No ciclo alternativo OTNI, o espectáculo mellor valorado resultou ser La tristeza de los ogros, do Théatre National de Wallonie-Bruxelles, en coprodución con Teatros del Canal y Teatro Lliure: obtivo 4,17 puntos. Seguindo coas valoracións, no certame de microteatro Metro Cadrado, A bonequiña, de Mucho Morro, conseguiu facerse co premio do público para o mellor espectáculo. A mellor interpretación, segundo os espectadores, correspondeulle a Diego M. Buceta, por As vacacións máis longas, unha obra que foi representada na galería Manolo Eirín.

BASILIO BELLO

A mellor acollida

Como cada ano, o FIOT pretende superar a edición anterior. Con 27 anos de traxectoria o festival está xa plenamente consolidado, sendo o maior de Galicia e o que ofrece, tamén, o maior número de actividades. Máis de 60 funcións e un cento de propostas complementarias que se verán clausuradas o vindeiro 11 de novembro coa final do certame de teatro lido Xosé Manuel Eirís. De alta calidade considerou o público esta edición, con 15 estreas (10 en Galicia en 5 absolutas), as mellores compañías de España e espectáculos de catro países.

A acollida resultou excelente, a xulgar polas seguintes cifras: esgotados os 200 bonos postos á venda e as entradas de 8 dos 10 espectáculos de sala. A ocupación foi do 98 % cun récord de participantes: 11.500, dos que 7.452 acudiron como espectadores nas funcións do Pazo da Cultura e da Rúa dos Contos.

Público mozo

Dende un comezo estaba claro un dos obxectivos do FIOT deste ano: atraer público mozo, millennial. Iso mesmo percibíase nalgunhas das obras programadas. Considera a organización que ese fin quedou cumprido, con presenza de máis espectadores novos nas butacas. É, afirman, o inicio dunha conexión na que seguirán afondado.

Merece destacarse, tamén, o éxito da Rúa dos Contos, o espazo ovella negra do FIOT. Cumpría nada menos que 20 anos e foi conmemorado cunha exposición e co chamado Paseo da fama da Rúa dos Contos, unha intervención artística na rúa Valle Inclán, entre outras, que durante moito tempo deixará plasmados os nomes dos artistas participantes ao logo de dous decenios (máis de 290, resaltan).

Unha ducia de programas integran o festival: o máis recente, o FioTEEN, destinado a adolescentes e chegado aos institutos. Latente no encontro teatral está a vontade de dinamizar Carballo e, nese sentido, cífranse en máis de 4.000 participantes os que estiveron implicados nas propostas para a creación e formación de novos públicos.

O Premio da Cultura Galega concedido pola Xunta de Galicia este ano, un dos galardóns culturais máis importantes da comunidade, veu asentar o FIOT como referente das artes escénicas galegas. A organización -asociación Telón e Aparte e Concello- agradece a espectadores, institucións, Deputación, Agadic, Inaem, Fundación Luís Calvo Sanz, locais de hostalería, medios de comunicación e comercios. Por eles, o FIOT foi realidade.