Valores catastrais, con ánimo de polemizar

José Antonio Viña Patiño

CARBALLO MUNICIPIO

03 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A polémica, no bo sentido da palabra, é boa para aclarar conceptos. Sempre defendín a xustiza tributaria, que pague todo o mundo e que pague o que lle corresponde. De aí que defendese, sendo concelleiro de Facenda, a actualización da ponencia de valores que non se axustaba á realidade inmobiliaria.

Para argumentar que os valores catastrais de Carballo son baixos compáranse cos de outros concellos e queren completar o argumento coa evidencia de que o valor da vivenda en Carballo, o valor de mercado, é baixo. Aceptamos todos que o valor catastral dun inmoble en Carballo debe ser próximo á metade do valor de mercado en Carballo, non en Oleiros ou Malpica, por exemplo.

Por outro lado estase dicindo que a crise non afectou ós valores da vivenda, que representa a maioría dos bens obxecto de valoración. Moitos cremos que si. Os valores vixentes seguro que eran os axustados no ano 2008, pero non o son hoxe. Proba diso é que non existe promoción de vivenda colectiva. Algo pasará co mercado.

Pero como nin eu nin a maioría dos lectores somos expertos no mercado propoño o seguinte exercicio, agora que todos temos o recibo do IBI quentiño na man. Busquen o valor catastral e multiplíqueno por dous, ou por un con sete, e pensen, ou pregunten, se poderían vender ese ben por ese valor. Sexa sincero consigo e valore se ese inmoble sufriu deterioros ou melloras significativos. Saberá se a valoración é ou non xusta.

En todo, caso estaría ben que o Concello de Carballo fixera a proposta á Dirección Xeral do Catastro de modificación xeral dos valores segundo o artigo 32 do Texto Refundido da Lei Xeral do Catastro Inmobiliario.

Xa decidirá o Catastro se o acepta e que coeficiente corrector aplica.