O adolescente que aparece ó final, no visionado da película, semella unha metáfora do Sentido Común (o famosísimo S.C.), ó que fai moito tempo que o malpocado guionista, pareceu renunciar. A parede do fondo, quedou baleira de cousas. A historia está a piques de rematar.
Malia que para súa plena comprensión, requírese uns certos coñecementos do facer neste mundo do espectáculo, a peza resultou un exercicio intelixente e agradable de ver. Parabéns, por tan ben acabado traballo.
Ó teatro asistimos a escoitar unha historia que esperte a nosa curiosidade; a contemplar unha posta en escena atraente e bonita; a deixarnos engaiolar polas interpretacións dos intérpretes; a admirar a atmosfera que o empapa; a emocionarnos con algúns dos trucos que arman para nós. E cando iso e aínda máis, dáse de forma harmoniosa, entón é cando nos invade unha satisfacción pracenteira. Entón é cando a nosa alma se conmove e dicimos aquilo de: iso estivo ben.