«Toda persoa ten algo que ofrecer a nivel artístico, hai que perder o medo»

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

O polifacético artista carballés Diego Lou impulsa o espazo Micro-Aberto no Casino 1889

29 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de 15 anos na estrada como músico de orquestra, unha etapa da que non se arrepinte, pero que decidiu deixar atrás, o polifacético artista Diego Lou (Carballo, 1977) está inmerso en varios proxectos musicais e sigue actuando e escribindo. Son outras das súas grandes paixóns, pero agora mesmo a súa figura está de actualidade polo espazo de expresión Micro-Aberto, que impulsa no Casino 1889 de Carballo e que esta semana viviu un animada segunda sesión, con todo cheo e case tres horas de espectáculo.

«Pensei en axudalos de algunha maneira e o que se me ocorreu foi isto, porque non hai un lugar onde ti te poidas expresar como artista coma este, no que vén xente moi profesional como Néstor Pardo, Alejandro de Los Árboles ou Santiago Pazos, pero que está aberto a calquera persoa. De feito eu penso que toda persoa ten algo que ofrecer a nivel artístico, o que hai é que perder o medo ao público e soltarse», resume.

Describe o ambiente que se crea como «moi especial, porque non hai amplificación, todo o mundo está en silencio e mesmo se algunha persoa, que nunca pasou, ve que non pode estar calada invítase a saír e non pasa nada». Incluso advirten de que se hai xente que pode acudir con nenos pequenos e entender que algún contido non lle parece adecuado para os cativos, xa que a liberdade expresiva é total, pode marchar e sen máis.

Non se cobra entrada. De feito a súa labor, que inclúe promover o espectáculo nas redes e convocar á xente «porque un cartel pegado nun cristal non chega» é completamente altruísta. Si se pide a vontade dúas veces na noite, «pero dun xeito especial, porque a vontade ten que ser a vontade, sen que te sintas obrigado a poñer. O que quere poñer pon e o que non, non». O que se xunta -que ás veces tamén é algunha botella de viño ou un empanada de establecementos colaboradores para pór de pincho no descanso- divídese a partes iguais entre os artistas e súmase un. «Por exemplo, se somos 10 divídese entre 11 e esa parte, máis ben simbólica, é para o Casino, porque hai que pagar a luz...», detalla.

Pensaron incluso en que a xente puidese votar aos artistas pero descartárono de inmediato, porque isto está «en contra do ambiente competitivo, é un ambiente de amor e respecto», que busca amplificar e democratizar os espazos de expresión cultural en Carballo. Un panorama que Diego non se atreve a xulgar. «Todo ten un proceso e non sabería dicir se, por exemplo, Carballo agora pode estar non nivel máis baixo a nivel musical. De ser así nin sequera ten por que ser algo malo, porque moitas veces os artistas reclúense a crear e pode ser que agora mesmo haxa unha morea deles facendo cousas que van saír», reflexiona.

No seu caso concreto, deixou as orquestras, nas que destaca que aprendeu «moitísimo, con músicos incribles», polo que, para nada, está en contra dese mundo no que hai xente que «fai traballos extraordinarios». Pero si recoñece que «hai unha porcentaxe moi grande de puro negocio», que leva por exemplo a «concertos de catro horas» e a «cousas moi salvaxes». Aínda que para nada quere xulgar as decisións de cada un, porque «ás veces a vida é moi complicada», si pon de manifesto que «todos acabamos facendo cousas moi animais por cartos» e hai que saber atopar un equilibrio entre iso en entre «alimentar a alma».

Compara unha parte dese traballo coa diferenza entre «facer un moble artesán todo torneado ou montar mobles de IKEA». De aí que agora se sinta especialmente realizado co trío acústico que forma con David, un londinense afincado en Carballo, e o percusionista uruguaio Sebas, co que fan o que denomina «versións elegantes» de temas nacionais e estranxeiros. Actividade que combina co baixo noutro grupo e coa súa actividade escrita ou a de youtuber que se pode seguir na canle Diego Lou.