«A falta de man de obra é un dos problemas máis graves do sector»

La Voz

CARBALLO MUNICIPIO

28 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Na actualidade hai algo máis de carga de traballo, e máis diversa, con iniciativas industriais ou as derivadas do canon eólico.

-¿Hai persoal abondo? Tempo atrás falaba de que falta.

-Agora é un dos problemas máis graves que ten o sector, a falta de man de obra. Especializada, sobre todo. A xente que temos máis especializada estase retirando ou a punto de facelo, e a taxa de reposición é moi baixa.

-¿Por que?

-Dun tempo para aquí, o sector deixou de ser atractivo para a xente nova. Se cadra está moito máis formada e ve noutros ámbitos unha saída. E eu animo a que vexan a construción como un sitio onde formarse e desenvolver unha profesión. É un sector que cambiou moitísimo nas condicións laborais. A introdución de novos equipos de traballo, a profesionalización, as condicións laborais, fan que non teña esa carga tan forte física que había. As condicións son moito máis favorables.

-¿Como se fai esa formación?

-O polo de inserción debía estar na Fundación Laboral da Construción, que para iso se creou. E ten as instalacións adaptadas para iso. Nós, en Apecco, temos unha bolsa de traballo propia, para as nosas empresas, e chequeamos a persoal, teña a formación que teña. Nós tamén lla damos, por exemplo en riscos laborais, e formámolos profesionalmente. As empresas xogan un papel relevante, porque teñen que apostar por esta xente e iso necesita tempo. Ata agora non podían pola crise, pero agora é moi necesario.

-¿Funcionan esas bolsas? ¿Que xente se apunta?

-A bolsa da nosa empresa é de 200 traballadores, ou cento e pico. E é moi raro atopar un demandante de emprego de menos de 35 anos. E falo cos meus compañeiros, e é o mesmo. É algo xeracional. As novas xeracións non o ven atractivo, non sei se tamén pasa con outras de traballo físico. Hai moita demanda na actualidade. Non é un bum, pero hai traballo. E as empresas son menos, e os traballadores, tamén. É un dos principais problemas que temos. E o outro, o da rendibilidade.

-¿Volverán os tempos do bum?

-Non, non queremos un bum que provoque outra burbulla. Só que se regule ben e que o sector teña o rango que lle corresponde.

-Por certo ¿cando rematarán as obras da rúa do Sol?

-En novembro estará practicamente rematado.

-Xa levan moitas obras en Carballo. ¿Que supón iso?

-Un orgullo. Non renunciamos á nosa orixe, somos unha empresa eminentemente carballesa e iso promulgamos. Vives aquí, cohabitas cos veciños, e é satisfactorio ver o resultado do ben feito, dá gusto que nos valoren en toda Galicia e aquí.

«É moi raro atopar un demandante de emprego de menos 35 anos»