A viva universidade da tradición

Álex Insua Baldomir

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

EN PRIMEIRA PERSOA | Álex Insua, profesor de música tradicional: «Tiñamos uns medios moi rudimentarios. Anotabamos os puntos en papel e gravabamos as melodías cun radiocasete a pilas»

21 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi no ano 1982, tiña eu 9 anos, e celebrábase a festa das Flores en Arteixo, a miña terra nai, cando vin bailar por primeira vez ao grupo Xiradela. Lembro que estaba coas miñas irmás na explanada do balneario, que estaba decorada con decenas de bombillas de distintas cores. Saímos de alí abraiados coa beleza dos bailes e dos traxes tradicionais.

Poucos meses despois, cando empezou o novo curso, xa formabamos parte da escola de baile da agrupación, converténdose na nosa paixón, botabamos toda a semana esperando que chegase o sábado para poder acudir á clase. Alí coñecemos aos que serían os nosos novos amigos e cos que compartiriamos aventuras nos anos sucesivos.

Poucos anos despois fixen as miñas primeiras «recollidas» co grupo Xiradela: Maruja de Leal, da Pedreira de Arteixo, ou ás xentes da Imende de Carballo (das que tanto aprendemos), con medios moi rudimentarios, anotando os puntos en papel, xa que no ano 85 non era habitual ter acceso a unha cámara de vídeo, e gravando as melodías cun radiocasete a pilas, porque non dispoñiamos de gravadoras pequenas. Tamén foi esa unha época especial, porque foi cando a miña avoa Oliva me aprendeu os cantos que botaba o seu pai.

Empecei a bailar en Xacarandaina da Coruña no ano 88, e tamén a impartir as miñas primeiras clases de pandeireta na Asociación Adro de Baio, e pouco despois tamén na Asociación As Neves de Buxantes e incluso na propia Xacarandaina, e así empecei a ensinar e poñer en práctica todo o que aprendía dos nosos maiores nas recollidas que facía.

Foi tamén en Xacarandaina onde fixen grandes amigos que tantos anos despois seguen formando parte da miña vida. Foi unha época moi feliz, na que viaxabamos moitísimo co grupo e demos a coñecer a nosa cultura por moitos países de Europa. Un de estes amigos é o grandísimo Xabier Díaz (que non precisa presentación) e con el fixen case todas as recollidas que teño dos anos 90. Foron quilómetros e quilómetros de estradas, pistas e corredoiras, e tamén de cintas de vídeo e de casete. Percorremos toda Galiza, e incluso saímos das fronteiras para gravar no Bierzo leonés, que practicamente estaba virxe no que a gravacións se refire. Foi tamén nesa década cando formamos o grupo Rumbadeira, que tantos bos momentos nos deu, e que nos permitiu levar a música tradicional no seu estado máis puro a escenarios nos que ata ese momento non tiñan cabida os grupos de música tradicional.

E xa na década do 2000, novas clases, e algunhas en agrupacións tan importantes como Nemeth de Carballo, ou Cantigas e Agarimos de Compostela. Foi en Cantigas onde fixen os meus últimos piniños como bailador, aparte de dirixir ao grupo de pandereteiras. E tamén novas recollidas, cada vez máis difíciles porque a xente maior vainos deixando, pero, porén, fun abrindo novos horizontes, porque a beleza non ten fronteiras. Así é que gravei en aldeas de León, Zamora e Asturias. E máis recentemente en Salamanca e en Ávila. Un folclore totalmente distinto ao noso, pero dunha beleza indiscutible.

Foi toda unha vida dedicada á cultura galega, que me permitiu colaborar con grandes artistas como Amancio Prada, Carlos Núñez, Kepa Junquera, Xabier Díaz, Davide Salvado, ou grandes bandas como Berrogüetto, Oîma, Radio Cos, Samarúas, e incluso coa Real Filarmonía de Galiza e a Banda Municipal de Santiago de Compostela.

E aí seguimos traballando para que non se esqueza o noso legado, a nosa identidade, tratando de transmitir a nosa cultura nas escolas de música e baile á xente de tódalas idades. Como bo exemplo venme á cabeza as «Abaladeiras» de Muxía, onde aprenden dende rapaciños de 5 anos ata mozos e mozas de mais de 60 anos. ¿A quen non lle pon a pel de pita o son da gaita ou un canto fermoso da nosa terra? Calquera idade é boa para aprender algo bonito. ¡Non deixedes que se esqueza!