«O teatro é o que di as verdades»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

Absoluto referente en Galicia, recibirá o domingo o premio Xograr de Outono do FIOT. Afirma Manuel Lourenzo: «Un pobo sen teatro é un pobo morto, calado»

18 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Lourenzo (Ferreira do Valadouro, 1943) está «teoricamente retirado». Non obstante, a súa muller dille con sorna que nunca traballou tanto coma dende que se retirou [ri]. Na tarde do domingo, este referente do teatro en Galicia, dramaturgo, director, actor e promotor teatral volverá a Carballo para recibir o galardón Xograr de Outono que outorga o FIOT.

-¿Como sente o ser Xograr?

-Ao ser un premio de Carballo é un premio especial. Alí tiven o meu mellor amigo por moitos anos, Xoán Manuel López Eirís, falecido hai pouco tempo. É unha vila que para min sempre vai ter ese recordo. Non vou esquecelo.

-Escribiu nunha ocasión: «Ninguén me obrigou nunca a ir a Carballo». Tantas veces ten vido...

-¡E máis que quixera! Teño bo carácter para todo o mundo e no caso de Carballo grande querenza. Fun moito, grazas a este amigo e á súa familia. É para min un lugar de referencia, e sobre todo nas festas, que non as perdía nunca.

-¿As de San Xoán?

-Si. Incluso daquela había teatro de barraca. Viñan compañías ambulantes e a min gústame moito: tráenme recordos dun pasado que tamén vivín na miña terra.

-Hoxe en día asociamos teatro con grandes auditorios, telóns...

-Si, con moitas cousas, pero en realidade hai algo popular, básico, que nos trae lembranzas da infancia.

-Veu a Carballo xornadas atrás.

-Fun moi feliz ese día. Inaugurouse a exposición de todo o que cedeu á vila Xoán Manuel López Eirís. Libros, obxectos e recordos que significaron moito na súa vida. A súa non era unha biblioteca calquera, era fantástica, sobre todo no aspecto teatral. Tiña de todo. É moi importante o que hoxe ten Carballo grazas a ese fillo seu.

-¿Que papel xogou? Semella que os escenógrafos, a veces, quedan algo máis na sombra.

-Foi un papel clave, sinxelo e humilde, os seus traballos como escenógrafo eran case sempre un pouquiño compartidos. Cando había que buscar unha referencia de época, buscábaa. Cando era preciso coñecer unhas cores ou saber como se podía tinguir un tecido, sabíao. Tiña, ademais, unha modista estupenda na casa, a súa irmá Carme: ten cosido moita roupa para a Escola Dramática Galega. Xan tiña, ademais, unha cultura teatral moi ampla, viaxaba moito. En Inglaterra ou Francia vía moito teatro. Tiña os coñecementos precisos, de música, de danza, ademais de facer maquetas espléndidas: a min regaloume seis que eu este día doei a Carballo. Agardo que veñan buscalas porque sería moi interesante que se vise ese aspecto do teatro que parece menor, pero que é moi importante.

-¿Que lle parece a traxectoria que acadou o FIOT carballés?

-É un motivo de felicidade. Ver como alí foi aparecendo un parque, un teatro, un Conservatorio... Hai moitos elementos que fixeron de Carballo unha vila a ter en conta. Creo que tamén tivo sorte cos seus rexedores. Souberon facer as cousas ben.

-¿Como diría vostede que está hoxe o teatro galego, Manuel?

-[Sopra]. O teatro, en todas partes, nunca estivo demasiado ben. Eu, aínda así, teño o convencemento de que se está moi ben, é que está mal. O teatro é a negación das cousas mal feitas. O teatro é o que di as verdades, o que ten que dicilas coma se fosen sacos enormes diante da xente. En Galicia tivemos moi pouca sorte: nunca se lle deu por parte das autoridades competentes a relevancia que tiña que ter. Un pobo sen teatro é un pobo morto, calado. Un pobo onde non se poidan dicir as cousas en voz alta, diante de todo o mundo, é un pobo moi pobre. Galicia, en certa maneira, está nesa situación. Fíxose excesivamente pouco. Vivimos un momento de parón: non vou dicir que o teatro estea morrendo, pero si nunha situación enfermiña. Agardamos que chegue unha xeración que alente de novo un impulso, e digo de novo, porque houbo un pequeno nos 60. Que faga do teatro algo que non se poida erradicar así facilmente, sen que pase nada, como pasou.

-Mentres, o audiovisual, segue chegando a un público maior.

-O audiovisual é máis fácil. Sentas, e que che manden as cousas. Non colaboras, consumes. É realmente un invento marabilloso, un avance enorme, mais déixate algo desarborado. A imaxe ten moitísima forza, con ela poden convencerte de que hai que facer unha guerra ou de que é mellor que te dediques a unhas vacacións nun país cálido. No teatro tes que estar sempre esperto, porque non hai mentira, hai un ti a ti cunha máscara de por medio chamada personaxe.

-¿Agardaba a repercusión que tivo o seu papel de Terito?

-Son cousas que pasan. Fas algo no audiovisual e resulta que é moito máis coñecida que calquera obra de teatro aínda que sexa de primeira fila. É importante, claro, pero iso dos fans e da fama, que en realidade é popularidade, tamén pasa, como a vida. O que importa é que poidamos ir construíndo un mundo un pouco máis soportábel, máis humano. Non sei se digo ben humano, porque é o animal que fai todas as barbaridades. Un mundo máis soportábel.

-¿Xoga aí algo o teatro?

-Si, é un diálogo en voz alta. Non te despistas. Nin se precisan decorados.