Volve o teatro lido a Radio Voz Carballo

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

As emisións comezan hoxe co grupo Os Troleiros, do CEIP Canosa-Rus. É unha das actividades incluídas no FIOT

18 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación cultural Telón e Aparte, Radio Voz Carballo e Libraría Brañas volven colaborar este ano para unha nova edición -a 18.ª, maioría de idade- do Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís. É unha das actividades incluídas dentro da sección Fiotiño, o espazo para os máis novos do Festival Internacional Outono de Teatro, o FIOT de Carballo. Os Troleiros, un dos cinco grupos que chegarán dende o centro Canosa-Rus, será o encargado de estrear as emisións este ano: hoxe mesmo, en torno ás 10.35, coa obra chamada O lobo sentado no banquiño.

Este veterano certame ten como obxectivo promover a interpretación oral entre os máis pequenos, visibilizando ao mesmo tempo a potencialidade dramática da radio. Rapaces de colexios e institutos da comarca farán chegar o teatro, a través das súas voces, a toda a Costa da Morte.

Deste xeito, ademais do Canosa-Rus, irán pasando polos estudos de Radio Voz nenos do Fogar (Carballo), do Colexio Rural Agrupado Ponte da Pedra (Carballo), do CPI As Revoltas (Cabana), do Alcalde Xosé Pichel (Coristanco), do instituto Monte Neme (Carballo), do Eduardo Pondal (Ponteceso), do IES Alfredo Brañas (Carballo), do CEIP Bergantiños (Carballo), do Xesús San Luís Romero (Carballo), do CPI Cabo da Area (Laxe), do CEIP Alfredo Brañas (A Laracha), do CRA Os Remuíños (Cabana), do CPR Artai (Carballo) e, tamén, do CEIP Bormoio (A Agualada). En total, quince centros. A maiores da experiencia, poderán os grupos aspirar a distintos premios, por valor de 850 euros: a final será o 11 de novembro.