«Calquera dos que resulte gañador será un digno campión»

melissa rodríguez, pablo penedo CARBALLO, AROUSA / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

«O Ribadumia é un dos conxuntos que mellor fútbol practica da categoría. Está facendo as cousas moi ben», di o técnico do Bergantiños, Miguel Figueira, sobre a final da Copa Federación que disputan hoxe

10 oct 2018 . Actualizado a las 21:42 h.

O Bergantiños ten hoxe, por diante, unha importante cita en San Lázaro ás 20.15 contra o Ribadumia. Xoga a final da fase autonómica da Copa Federación Española, de modo que pode regresar a Carballo co que sería o seu primeiro título nesta competición. Nunca antes chegou tan lonxe, pois tampouco participou en demasiadas ocasións, e cando o fixo, caeu eliminado nas primeiras roldas. Agora pasa polo seu mellor momento na liga. Porén, o adestrador Miguel Figueira (Mazaricos, 1974) revelou onte diversos puntos a ter en conta para estar a última deste gran acontecemento.

-¿Como ve ao rival?

-Creo que é un equipo que leva dous anos co mesmo adestrador, con Luís Carro, e que é un dos conxuntos que mellor fútbol practica da categoría [Terceira División]. Quizais, o máis vistoso, de toque. E creo que é un rival importante, que este ano está facendo as cousas moi ben na liga [vai sexto na clasificación con dúas derrotas, un empate e catro triunfos, o último contra o Laracha].

-Entón, pese a posición de liderato que defenden na liga, ¿non se ven como favoritos?

-Non, porque non creo que para o partido de mañá teña nada que ver a competición de liga. Nós contemplamos a final como un premio ao traballo que vimos facendo dende a pretemporada. Demos prioridade ao partido do pasado sábado contra o Racing Vilalbés e o próximo domingo temos unha cita importante co Arousa. Entón, creo que calquera dos que resulte gañador será un digno campión e un bo representante, despois, da Federación Galega na fase española.

-¿Por onde lles pode facer máis dano o Ribadumia? ¿Hai algún xogador destacado?

-O seu forte está no colectivo, aínda que teñen xogadores importantes como os dianteiros e goleadores Soto e Aarón Paredes. Se eles teñen o balón, nos fan correr e nós non somos capaces de contrarrestar o seu xogo, terán a súa vantaxe, e iso supoño que será a súa arma. Non é un equipo que se axuste ao que fan os rivais, senón que buscan ser eles os protagonistas. O que si, o campo de San Lázaro vainos ben ós dous conxuntos.

-¿Con que idea van vostedes ó encontro?

-Cambios vai haber, porque hai xogadores que veñen de xogar todo na liga e non están preparados fisicamente para aguantar tres partidos nunha semana. O único que podo confirmar, xa que aínda adestramos hoxe [por onte], é que Bugy será o porteiro titular. Xa o foi en todos os choques de Copa e, tamén, un dos principais protagonistas para chegar a esta final, pois salvounos na quenda de penaltis da eliminatoria previa contra o Silva no seu campo [0-0; 7-8] e, tamén, contra o Arenteiro cando iamos gañando 1-0 [resultado final].

-¿Hai algún xogador lesionado ou con molestias?

-Non, salvo Agulló, que ten para meses. Tampouco somos unha plantilla moi extensa, 18 neste momento, de modo que só quedarán dous fóra. O que si é certo é que o máis lóxico é que os xogadores que o outro día estaban no banquiño [Álex Diéguez, Toni, Ekedi e Granada] pasen ó equipo inicial. Pero o conxunto vai ser igualmente forte e competitivo, porque é unha final e a todos nos gusta gañalas; non imos ó compás.

-Debido a estes cambios no 11 inicial, ¿vai modificar o seu habitual 4-4-2?

-Non imos variar o que estamos facendo na liga. De feito, creo que ten que ser unha continuación do traballado ata agora, independentemente de que muden algúns xogadores ou de que sexa unha competición distinta.

MONICA IRAGO

«Gañar unha final é bonito, pero tamén hai que ser xustos coa xente que ten menos minutos»

O adestrador do Ribadumia, Luís Carro (Vilanova de Arousa, 1977), levará convocados ós seus 19 xogadores dispoñibles. Todos os do plantel, agás os lesionados Cerqueiras, Eloy e Fran Fandiño; os dous primeiros, inda inéditos na presente liga.

A intención do míster, ao igual que a de Miguel Figueira, tamén é a de apostar polos xogadores con menos minutos do plantel. «Gañar unha final é bonito. Pero tamén hai que ser xustos coa xente que ten menos minutos contando con que estamos en dúas competicións», comentou onte. Non adianta o once, coa excepción da portería, na que confirma a entrada do cambadés Roberto Pazos polo gardameta titular na liga, Ángel Expósito. Ademais, é moi probable que reserve ó capitán Miguel Vázquez, xefe da defensa no centro da zaga, e mais ó seu goleador Aarón Paredes, ambos os dous con molestias físicas.

Sobre o Bergantiños, comentou: «É moi bo equipo. Vinlle os dous últimos partidos de liga e, sen ser superior, mesmo sen ser merecente de gañar, ten tanta dinamita arriba, que non precisa moito para facer gol. Moi equilibrado en todas as liñas, e máis combinativo co ano pasado, xoga cómodo nas dúas áreas».

Respecto ó campo, Luís Carro tamén amosou a mesma opinión que o técnico do Bergantiños: «É o ideal para a final; o mellor campo da categoría, e a nós vainos moi ben polos espazos».

«A ver se traemos a primeira Copa Federación e os 3.000 euros de premio»

Noutros termos, os ligados ó seu labor no club, manifestouse o secretario do Bergantiños, Luís Cendán. Comentou que aínda quedan unhas prazas vacantes no bus que esta tarde sairá de Carballo en dirección a Compostela para apoiar ó equipo roxiño, de modo que os interesados poden chamar ás oficinas de As Eiroas. Do mesmo xeito, asegurou que moita xente irá en coches particulares e que as instalacións de San Lázaro son «bárbaras» tanto para xogar como para ver o choque.