«O titor dunha persoa incapaz non ten carta branca, está moi controlado»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

O letrado Pedro Luis Fernández Pombo inaugurou a Semana do Alzhéimer de Afaber falando da incapacitación legal

18 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O avogado Pedro Luis Fernández Pombo (Carballo, 1967) falou onte da incapacitación legal dos enfermos de alzhéimer para inaugurar a semana de actos que Afaber programou en torno ao día mundial desta doenza. Falou, entre outras cousas, das responsabilidades que adquire un titor ou da fundación pública Funga, para a tutela de persoas adultas.

-Falou onte en Carballo da incapacitación xudicial.

-Así é. Dado que as persoas que padecen alzhéimer eventualmente perden a súa capacidade plena de decisión é necesario e seguro incapacitalos xudicialmente. Expliquei cales son os trámites, as opcións que hai, os dereitos e obrigas que ten un titor no momento de ser nomeado, en qué consisten os informes anuais que hai que presentar no xulgado... Todo o proceso, en definitiva.

-¿Que implica?

-Unha vez que un enfermo perde a súa conciencia hai que nomear a alguén que administre tanto os seus bens como a súa propia persoa. Nalgúns casos, en función do grao de incapacidade do usuario, pode perder mesmo o dereito a voto. Cada caso é distinto e particular, pero en definitiva é unha circunstancia similar á dos menores de idade.

-¿Non existe o risco de que o titor administre de xeito fraudulento os bens da persoa incapaz?

-Non hai ningunha lei perfecta, iso está claro, pero neste caso eu creo que está bastante ben regulada. Un titor non ten carta branca. Por exemplo, para poder vender un ben da persoa incapacitada hai que pedir unha autorización xudicial e xustificar debidamente por qué se necesita (non por qué se quere) vendelo, porque enténdese que debe ser por unha necesidade.

Hai uns anos pode que non houbese un control tan exhaustivo, pero hoxe en día si que o hai, e o administrador ten que presentar un informe anual do estado persoal e dos bens do incapaz.

Non é doado, máis é posible. De todas maneiras, eu creo que estes casos nos que alguén se aproveita dunha persoa que perdeu a súa conciencia se dan, precisamente, cando non se solicitou a incapacitación. Cando nun contrato de compravenda figura a sinatura dun incapaz, legalmente deixa de ser válido. Porén, se esa persoa non está incapacitada xudicialmente é máis «doado» aproveitarse.

-¿Un titor deberá responder, ademais, de posibles irresponsabilidades ou infraccións que cometa o seu administrado?

-Só en caso de que se detectase un mal control ou unha neglixencia por parte do administrador, este podería ter que asumir as consecuencias.

-¿Qué máis perfís se deberían incapacitar xudicialmente?

-O Código Civil fala de persoas que padezan doenzas físicas ou psíquicas, pero en realidade un tetrapléxico pode ser plenamente consciente dos seus actos, por exemplo, polo que non sería o caso. En xeral aplícase a persoas con doenzas de tipo psíquico.

Ademais, existe a figura do pródigo. Son persoas que non teñen control do gasto e despilfarran o seu patrimonio. Neses casos non están incapacitados, pero si limitados por unha persoa que administra os seus gastos.

-¿E qué hai de persoas que teñan algún tipo de adición?

-Se non teñen control dos seus actos, tamén. Hai que ter en conta que, pese a que se trata dunha cuestión xurídica, basearase sempre en parámetros médicos. Necesariamente ten que haber informes médicos que certifiquen o índice de incapacitación da persoa. Non debe confundirse, e isto é importante, co grado de dependencia que certifica a Xunta. Son dúas figuras distintas.