«Nestes tempos o maior logro do traballo pola lingua é non retroceder»

Verónica Couto / Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Jose Manuel Casal

O que foi normalizador lingüístico do Concello de Carballo durante 15 anos, Nel Vidal, cre que a situación no municipio bergantiñán non é das peores. Esta semana despediuse do seu posto tras acadar praza como docente nun instituto de Oleiros

14 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Hoxe pechei a porta pola que entrei cada día dende hai case 15 anos». Así se despedía o mércores a través das súas canles sociais o que durante decenio e medio foi normalizador lingüístico do Concello de Carballo, Nel Vidal. Nacido en Artes (Ribeira) en 1980, foi traballador incansable a prol da utilización da lingua galega e baixo a súa supervisión naceron proxectos como o certame Youtubeir@s ou o programa Apego.

«Oxalá que servise de algo [o feito nos últimos anos] e oxalá que o traballo comezado teña continuidade», expresaba Vidal nun comunicado que enseguida se encheu de verbas de cariño de centos de usuarios, como as que el mesmo dedicaba a Xosé Regueira no seu texto: «Político exemplar. Fixo que o traballo se chegase a converter en amizade.

Deixa Nel o posto para dedicarse á docencia no IES María Casares de Oleiros, aínda que confesa que a normalización lingüística dende a Administración «é o que máis me ilusiona». Pouco antes de dicir adeus ao posto entraba en directo no programa Voces de Bergantiños para despedirse dos oíntes e facer balance de tantos anos de incansable labor:

-Esta foi a súa derradeira semana á fronte deste departamento.

-Non sei se a derradeira, pero polo menos si a última desta etapa, e o último día, o mércores.

-Canto tempo levaba?

-Dende o 2003, a puntiño de facer 15 anos, que non é pouco.

-De todo o logrado neste decenio e medio, con que queda?

-O certo é que, nestes tempos en que estamos, no referido ao traballo en lingua o maior logro é intentar que non haxa retrocesos, ou polo menos que sexan os menos posibles. Retrocesos na transmisión da lingua: que os nenos e as nenas sigan falando galego con normalidade, pois pode observarse unha liña descendente, unha perda no uso habitual da lingua galega por parte das xeracións máis novas. Oxalá traballásemos nunha liña ascendente, pero a realidade é outra.

-Como anda de saúde o idioma?

-Pois en relación con outros lugares, con vilas e cidades máis grandes, aquí en Carballo non hai queixa, como se acostuma dicir. Non atravesamos unha situación ideal, pero tampouco é a peor.

-É practicamente un dos pais do programa «Apego­», de normalización na infancia. Terá agora continuidade en Carballo?

-Agora, trala miña marcha, haberá unha parada no servizo de normalización lingüística, pero imaxino que terá continuidade nos próximos meses coa incorporación dun novo técnico, ou coa convocatoria do posto de traballo de maneira definitiva. O ideal é que o traballo feito teña continuidade, pois eu creo que se levaron a cabo ao longo destes anos proxectos moi interesantes, e moitos deles impulsados dende o propio Concello de Carballo en colaboración con outros municipios. Apego pode que sexa o máis visible e quizais o mellor acollido, polo volume de familias participantes. Pero hai moitos máis, como o Youtubeir@s, a Praza dos Libros, o Enreguéifate ou o Gústame o galego no seu momento. A miña ilusión é que tivesen aquí continuidade.

-Imaxinaban ter resultados tan positivos con «Apego»?

-Cada vez que lanzamos un proxecto ou unha campaña dedicámoslle previamente moito tempo a pensar de que maneira facer que á xente lle interese: como lograr a participación cidadá. En Apego foi case ao contrario: as prazas de moitas das actividades incluídas esgotábanse ao momento. E o seu éxito mídese tamén na cantidade de familias implicadas, non só en canto á participación, senón á cantidade de propostas que nos chegan. Hai un grande interese.

-Botará de menos Carballo?

-Segurísimo que si [ri], e ademais moito. Foron moitos anos traballando aquí, onde tiven boa sintonía con moita xente, e ademais foron moitos os proxectos iniciados dende cero, dos que por suposto dá moita mágoa desvincularse. Pero, vaia, comeza a partir de agora unha nova etapa, e moi ilusionante.