«O propio FIOT é 'millennial', quere estar conectado»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

«Preparádevos para o mellor FIOT da historia», díxose onte na presentación do festival teatral carballés

14 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis de 100 actividades e 41 espectáculos -10 estreas en Galicia e 5 estreas absolutas- son algunhas das cifras da 27.ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), presentado onte no escenario do Pazo da Cultura. «Preparádevos, vai ser o mellor FIOT da historia», avanzou Alberto Sueiro, presidente da asociación cultural Telón e Aparte: «Será o festival máis grande que se fixo nunca en Carballo, por número de artistas e de actividades. O máis ambicioso».

A igualdade e o empoderamento da muller, o concepto de ocio e a incorporación dos mozos ao mundo do teatro serán os tres eixes desta nova entrega: «Os 26 anos téñennos levado a unha profunda reflexión sobre o que ten que ser o FIOT. Este ano, por vez primeira, xa hai maiores de idade que só viviron no século XXI. Temos que intentar conectar con eles, adaptarnos a esta nova realidade e sociedade. O propio FIOT é un millennial. Outros 27 anos só poderán ser posibles na medida en que se incorporen propostas para este novo público», abundou Sueiro. Un público pegado ás pantallas, hiperconectado, usuario dunha nova linguaxe, dunha forma de entender a vida, como así o acreditaron alumnos da Aula Municipal de Teatro cun pequeno sketch antes das palabras de presentación. «O FIOT quere estar conectado. Non ten que ser un festival só para mozos, pero si lles ten que dar cabida», díxose onte no Pazo.

Espazo de ocio

O presidente de Telón e Aparte explicou diante dos moitos presentes, convertido o escenario nun pequeno auditorio, que o festival teatral carballés ten que superar a concepción de cita coas artes escénicas para converterse nun «espazo de ocio» que vaia dende o auditorio aos bares ou dende a biblioteca ás librarías. Corazón do teatro de Galicia, como reza un dos slogans deste ano, Carballo tamén será pois o corazón do teatro este outono.

O cartel, obra de Juan Gende, incorpora tamén esta idea de conectar cos millennial. Deseñouse un programa «inabarcable», no que calquera gusto particular poida ter cabida, e continúase cos apartados xa asentados: dende o programa de sala á Rúa dos Contos ou o Fiotiño, sen esquecer propostas de recente creación como o certame Metro Cadrado. Figura como novidade a categoría Fioteen, nese afán por achegarse aos novos públicos, teenagers. Nada menos que vinte anos cumpre a Rúa dos Contos, desta volta co mantra Noites de rúa chea: máis espectáculos e máis locais ca nunca e, por vez primeira, presenza internacional. O OTNI, porta aberta á innovación hai uns anos, terá este ano un punto de inflexión, coa presenza da función La tristeza de los ogros, dirixida polo «neno prodixio do teatro europeo». Polo que custa un bono para todo o festival «poderíanse ver só tres obras en Madrid», dixo Sueiro, que volveu a incidir nunha necesidade que xa se leva vendo anos: «Precisamos outro espazo de teatro para Carballo». A demanda para ver a Carlos Blanco e Touriñán, por exemplo, fai quedar o auditorio do Pazo pequeno.

Profesionalidade

«Que o FIOT leve 27 anos non é casual. É unha alianza entre os organizadores, os artistas e o público», afirmou pola súa banda Jacobo Sutil, director da Agadic. Destacou o carácter pioneiro deste festival e dixo que, con el, Carballo será durante máis dun mes o epicentro cultural no ámbito escénico de Galicia. Froito da traxectoria de profesionalidade de case tres decenios, recibe o encontro dende a Xunta 50.000 euros. Quixo Sutil felicitar a Manuel Lourenzo, Xograr de Outono deste ano. Tamén o fixo Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación e responsable da área de Cultura: «Unha figura do teatro independente do noso país. Activista, sempre cun espírito novo», describiu del.

Manter un festival que dura máis dun mes, e conseguir mantelo no tempo con calidade, son para Sanmartín algúns dos logros feitos en Carballo, así como ese afán de mellora e reflexión acerca dos públicos novos. «Carballo é un referente cultural en todos os ámbitos», dixo aludindo, por exemplo, ao Carballo Interplay. A única mágoa desta edición, confesou, será que xa o Diario Cultural non poida facerse eco dela.

«O FIOT transcende o teatro e a cultura. O Carballo actual non se interpretaría do mesmo xeito se non tiveramos o FIOT», expresou o alcalde, Evencio Ferrero. Consciente dun espazo limitado que tamén é millennial, coincidiu en que hai que ir máis alá. Agradeceu a colaboración de institucións, como a Fundación Luís Calvo, e dixo que este festival ha de ser algo do que sentirse orgullosos.

Teatro de rúa

Dende o 28 de setembro

Empeza con La Trócola Circ (Valencia): Emportats (28 de setembro). Ese mesmo día, A musicleta, con Pulpiño Viascón (Galicia). Segue con Erori, de Cair Circo (País Vasco e Galicia), o día 6 de outubro; con Ekilibuá, de Maintomano (Castela e León), o 12; e con Camaré Sonambulante, de Antón Coucheiro (Galicia), o día 14.  

MONICA IRAGO

Extra

30 de setembro

Unha única función neste apartado, o 30 de setembro: Somos criminais, con Carlos Blanco e Xosé Touriñán.

Programa de sala

Do 7 ao 21 de outubro

Pasarán por Carballo as seguintes obras: Future Lovers, de La Tristura (Madrid), o 7 de outubro; Crimen y telón, de Ron Lalá (Madrid), o 11 de outubro; Playoff, de La Joven Compañía (Madrid), o día 12; Fedra, de Pentación Espectáculos (Madrid), o sábado 13; Pss Pss, da Compagnia Baccala (Suiza), o 19 de outubro; Iphigenia en Vallecas, de Serena Producciones (Madrid), o 20; Commedia, de Contraproducións (Galicia), o 21; El tratamiento, de La_Abducción e Buxman Producciones (Madrid), o 27; Un enemigo del pueblo-Ágora, del El Pavón Teatro Kamikaze (Madrid), o 28; e La Valentía, de Lazona (Madrid), o 31.

ANA GARCIA

Otni

Do 14 ao 26 de outubro

Integran o programa do apartado OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) as seguintes funcións: La tristeza de los ojos (14 de outubro), produción de Théatre National de Wallonie-Bruxelles, Teatro Lliure e Teatros del Canal (Bélxica, Cataluña-Madrid); Salvador (19 de outubro), de Borja Fernández (Galicia); Wasted (26 de outubro), de Íntims Producciones (Cataluña).

BASILIO BELLO

Rúa dos contos

28 setembro-13 outubro

Visitarán Carballo Avelino González e Marcos Pereiro (28 de setembro); Peter Punk, Manoliño Nguema e Víctor Grande (29 de setembro); Lupe Blanco e Bieito Lobariñas (30 de setembro); Lois Pérez e Cándido Pazó (5 de outubro), Sutottos e Las Antonias (6 de outubro), Chanson Mormón (7 de outubro); Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei (11 de outubro); David Amor (12 de outubro); e Monoulious Dop (13 de outubro).

JOSE MANUEL CASAL

E ademais

Un mundo para escoller

Escola do Espectador; Café con...; obradoiros; Certame de Microteatro Metro Cadrado; Fiotiño (Noite Branca, certame de teatro lido); Fioteen (con Aldaolado); Zoom FIOT; Dálle un bocado ao FIOT (polos bares); entrega do Xograr de Outono...