«No franquismo, as mulleres tiñamos un papel meramente reprodutor»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

«Non tiñamos sequera dereito ao orgasmo», di a activista Tensi Álvarez, que onte estivo en Carballo

05 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Un repaso ao pasado, presente e futuro do movemento feminista foi o que fixo Tensi Álvarez (A Coruña, 1952) na súa participación na asemblea do Círculo Feminista de Carballo, celebrado onte no Casino. Funcionaria da Administración Pública, estivo sempre ligada ao activismo en prol dos dereitos da muller e tivo unha fonda vinculación co sindicalismo, estando ao fronte da Secretaría da Muller de CCOO e acadando logros tan importantes como a consecución de prazas para mulleres para a condución de buses urbanos no Concello de Vigo.

-¿Como foron os seus inicios no movemento feminista?

-Comecei, como moitas mozas da miña época, porque na transición nos organizamos en contra do réxime franquista. Eu fíxeno a través do movemento sindical, sendo CCOO aínda clandestino. Naquel momento as mulleres caemos na conta de que non había ningún movemento que denunciase a discriminación e a opresión ao noso colectivo. Necesitábamos organizarnos.

-¿Houbo melloras nos últimos corenta anos? ¿Ou seguimos, en esencia, reclamando os mesmos dereitos que hai catro decenios?

-É moi difícil, dende a perspectiva dunha moza nova, ver o que era o franquismo. A muller tiña unha función pouco menos que reprodutora e de satisfacer as necesidades sexuais masculinas. A miña xeración educouse na obediencia, non tiñamos nin sequera dereito ao orgasmo nin ao pracer. Vendo o mundo que temos agora, a situación cambiou moitísimo. A muller ten agora acceso a información sexual e anti conceptiva, pero a mudanza máis importante que houbo nos últimos trinta anos foi a incorporación masiva ao mercado laboral.

-Falta analizar con perspectiva.

-Creo que unha das cousas que sucedeu ultimamente foi que certos dereitos que tiñamos xa conquistados foron revisados. É o caso do aborto: o Partido Popular, con Gallardón á cabeza, decidiron darlle marcha atrás. Iso activou un mar consciente entre as mulleres deste país.

-En dereitos laborais queda aínda un mar de desigualdade.

-É certo que na gran banca non hai mulleres, nin tampouco nos postos de poder, pero naquelas prazas nas que a competencia se fai por coñecementos (administración pública) as mulleres están a incorporarse masivamente. Xa na empresa privada, cando entran en consideración os aspectos económicos, aí segue a haber prexuízos. Creo que cando consigamos que as baixas por paternidade sexan equiparables avanzaremos de maneira importante.

-¿Lembra represalias sufridas nos inicios do movemento?

-Lembro unha campaña que tivera moitísima repercusión: «Eu abortei» ou «Eu participei nun aborto». Houbera detencións de moitas mulleres.

-¿Como ve a loita no 2018?

-Home, o 8 de marzo foi un golpe enriba da mesa. Dixemos: «Ata aquí chegamos na perda de dereitos». Foi importantísimo. Efectivamente hai unha nova ola reivindicativa e unha gran cantidade de xente moza, sobre todo nas universidades, que se está alzando fronte á desigualdade.

-O Círculo Feminista carballés é bo exemplo desa nova ola.

-Cousas que alegran, dende logo. Eu, particularmente, estou encantada de que aparezan novos grupos de mulleres dispostas a traballar colectivamente. Iso demostra que hai unha renovación xeracional, que é moi necesaria.

-¿Cal cre que é o aspecto no que é máis necesario traballar?

-A educación. Sempre. Educación en igualdade, en bos tratos e en sexualidade. Xa dende a escola hai que incorporar a perspectiva de xénero. Falta moita didáctica para que nenos e nenas se eduquen en valores comúns.

-Abruma o volume de denuncias por agresións sexuais. ¿Aumentaron as agresións ou as denuncias?

-Ata fai pouco aguantábase o que fose, sobre todo pola dependencia económica que había da parella e porque a muller estaba disposta a aguantar todo polo ben dos fillos. Ás veces falta tamén apoio por parte da familia.