O Casino es ti!

Víctor Lorenzo

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

O presidente da entidade carballesa, Víctor Lorenzo, reflexiona neste artigo de opinión sobre a situación que vive a entidade. Este mércores, nova reunion.

28 ago 2018 . Actualizado a las 21:24 h.

Bo dia veciños!! Quero compartir con vós unha reflexión a raíz dos acontecementos  que estamos a vivir arredor da situación do Casino. Asistimos, coma espectadores de luxo, a unha movilización social que parecia esquecida polo mor do imparable avance do individualismo fronte á axuda mútua e o traballo voluntario polo ben común  que tecía as relacións sociais ate a chegada da revolución industrial.

Lembro unhas palabras de Miguel Anxo Abraira na altura na que comezaba eu con éstas leas do activismo social, dicindo que cómpre voltar ós tempos da malla. A malla do trigo era aquela labor agraria compartida por tódolos veciños do lugar que ían de casa en casa ate completar a tarefa de tódolos fogares do lugar. Tamén na presentación da rede de Decrecemento Galicia-Eo-Navia en Carballo falou él mesmo, como de neno, á súa familia de sete irmáns, aconteceulle a desgracia da morte da única vaca que daba sustento á familia e como os veciños fixeron unha colecta para acabar mercándolles, non unha, senon duas vacas.

Outros exemplos de traballo colectivo polo ben común máis actuais, son as rogas que veñen organizando a comunidade de montes de Froxan (en Lousame) e Verdegaia pola recuperación do monte autóctono eliminado acacias e eucaliptos para o cal xentes de toda Galicia nos desplazamos a traballar de xeito desinteresado a prol dun monte libre de árbores invasoras conseguindo ser un dos dous montes do Estado e o terceiro en toda  Europa recoñecidos pola ONU co rexistro ICCA- territorios e áreas conservadas por comunidades locales- do programa das Nación Unidas para o Medioambiente que entre outras iniciativas lanzaron unha campaña de micromecenado que recadou 10.000 € que permitiron mercar 13.000 árbores autóctonas para restaurar 10 hectáreas de monte invadido de eucaliptos e acacias grazas ás achegas cidadáns.

Ben, pois exemplo disto é o que están a dar os veciños de Carballo nestes días coas achegas para salvar o vello Casino. A recadación acadada en só catro días é verdadeiramente rechamante por abultada. Pero falta un último empurrón. Orellas e rabo da segunda vaca. E isto témolo que facer nós. A xente do común collendo a vaca polos cornos.

As reaccións que saen da casa do Concello polo posible derrubo do penúltimo edificio histórico carballés son CERO. Nin goberno nin oposición teñen nada que dicir (mais aló dunha tibia e esquecida declaración nun pleno) canto ó ataque especulativo que sofre o casino. Eles saberán por qué e agardo que teñan a ben dicírnolo nalgún momento se nada llo impide, aínda que será tarde demáis. Sentímonos abandonados nas mans da especulación que extende a lei do silencio entre empresarios e diferentes axentes sociais para negarlle o pan ó Casino. ¿Onde van aquelas fotos do alcalde facendo rolda entre os empresarios para buscar unha solución económica para o Bergantiños FC?,  (unha institución, que por certo, naceu no casino de Carballo aló polo 1924).

Pero abandonaron non ós socios do Casino, senon a todo aquel que cree no valor do patrimonio histórico, a cultura e o asociacionismo na bisbarra. Coma tantas outras veces é o pobo o que ten que tirar as castañas do lume e estamos convencidos de que respostará porque ademáis será desta maneira unha vitoria que lle saberá moito mellor, porque non deberemos ningún favor a ninguén e mandaremos unha mensaxe clara de que Carballo aprendeu a lección das pasadas décadas do século XX ós especuladores. Presentes e futuros. Ate aquí!!!!!! Por iso facemos un chamamento a tódolos veciños e veciñas que queiran facer parte desta xesta a vir hoxe mércores ás 21:00 no Casino para dar ese último empurrón que nos falta para que a historia non se repita. O Casino es ti!!!! O Casino somos tod@s!!!!