«A rúa do Sol ten que volver a ser a unión do centro coa Milagrosa»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

O arquitecto carballés Fernando Añón é o responsable do cambio da vía, e tamén dos centros sociais de Cances ou Ardaña, entre outros moitos proxectos

19 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

José Fernando Añón Pose, arquitecto carballés de 48 años, medrou e viviu na rúa Coruña dende os 7 anos (antes estivo na Coruña). Medrou no número 13 e traballou xusto ao lado, no 15, entrando xa o actual século. E leva xa un tempo máis abaixo, na Rúa do Sol, nun novo edificio da súa autoría, cuxo espazo seguramente podía ver dende a súa antiga casa. Esta rúa, unha das máis importantes de Carballo (a entrada dende A Milagrosa, a conexión co sur da provincia) está en obras, e sufrirá unha gran transformación: plataforma única, árbores, novos espazos e servizos... Fernando é o deseñador e director de execución desta actuación, unha máis que engadir á súa xa ampla carteira de proxectos, tanto públicos como privados. En Carballo, entre outros lugares, encargouse das reformas do consistorio, en colaboración coa oficina técnica; o entorno da igrexa de Nétoma, unha ampliación do cemiterio municipal, o pavillón da Cristina, reparacións e mantementos, a segunda fase do centro social de Sofán, as oficinas do Padroado, vestiarios, o centro social de Cances, o de Ardaña, a reforma do pavillón do San Luís Romero, e en breve a do Museo Bergantiños.

-¿Como se sente sendo responsable do cambio dunha arteria tan relevante, sendo ademais veciño dela?

-É unha gran responsabilidade. Queiras que non, fas algo onde vas vivir. Inténtase facer sempre o mellor que se pode.

-¿Pesa máis o que vostede quere facer, ou mandan as directrices do Concello?

-Hai unhas directrices, de estándares de continuidade do que está feito, pero en canto a outros detalles de deseño, disposición de diversos elementos, pois presentas propostas... Por exemplo, o adoquín da zona de rodadura chega ata o cruce da Gran Vía, sendo en formigón ata a rotonda, debido o seu maior tránsito. As beirarrúas son de pedra.

-Aínda que non sexa competencia súa, ¿que sentido de circulación lle gustaría que tivese?

-O sentido é como está [de entrada a Carballo, non de saída]. Estaba funcionando ben.

-¿Como será finalmente? Bulevar, área de paseo, outra cousa...

-Realmente a rúa do Sol ten que recuperar aquilo que tiña no pasado, a unión entre o centro e a Milagrosa. É a rúa central de Carballo. A función de unir faina moi ben esa rúa. É achegar o Concello máis cara alá, prolonga. E vai ter árbores, si.

-¿Cre que hai que apostar polo verde nas novas obras?

-Si. Aínda que só sexa pola regulación de temperatura. Ten que haber sombras. En calquera sitio saes cando fai bo tempo, e iso é o que buscas, a pesar das complicacións que poida haber (caídas de follas, de pólas...).

-¿Cre que en Carballo pode haber problemas de tráfico porque cada vez teñen menos espazo?

-Carballo é moi pequeno. En dez minutos estás na outra punta. Non o creo. Cando vas mesmo a un centro comercial grande e deixas o coche nunha praza lonxe case andas medio Carballo, e ninguén protesta. Vas á Marina e ves xente de fóra que aparca moi lonxe.

-Por certo, non é moi habitual ver a arquitectos deseñando rúas.

-Si que é, si. Ves propostas de rúas por aí adiante, nas cidades, de arquitectos. Se cadra aquí pénsase na rúa no sentido de non pararse tanto no deseño, de estar como máis preconcibido. Pero si que hai moitos, en actuacións moi amplas.

-¿Como ve a evolución de Carballo en obra pública?

-Véxoa ben. Pero quizais o que mellor vexo é que se fai moito en mantemento, en sostibilidade. Non é todo facer máis, máis, máis. Optimizando o que hai, investir, non abandonar. E iso faise. Biomasa, paneis solares... En canto ao que se ve, aínda que os cambios son fastidiados, estou vendo paralelismos con outras cidades. Ocorre en Ferrol agora, por exemplo. Se cadra agora mesmo en Carballo, xente que no seu día non estaba dacordo con determinadas actuacións, como lla reverta a situación igual tampouco o estaría.

-Falemos da obra privada. ¿Hai movemento, como se comenta?

-Si, algo hai, pero hai xa moita vivenda en Carballo. Vexo obras, fanse sobre todo unifamiliares, pero non é a loucura do 2006. Aquel bum non creo que volva. As formas de construír daquel momento, que agora dan algún problema nalgunhas partes, xa non son as mesmas. Coa nova lei da vivenda, moito máis estrita, non volverán a pasar. Ni ao mesmo ritmo. Os requisitos de agora non son os de antes. E a xente aínda compra pisos usados, de cinco anos ou máis, que están ben, non é como hai 30 anos. Para vivir valen. ¿Que pode vir algunha promoción non esaxeradamente grande, ben feita, etcétera? Pode ser.

-Como curiosidade: ¿Que faría vostede co edificio abandonado de Riotorto?

-É un problema grande. Para min, a única saída que ten é acabalo. Non sei como está, pero a estrutura xa a tes, tabicado xa está. Máis caro sería facer todo de novo. Arranxas e podes vender.