«O segredo destes vinte anos facendo a festa é traballar desinteresadamente»

Serviranse mañá en Baldaio mil quilos de berberecho: ao vapor, en salsa e en empanada. Cóntao José Antonio Vilariño, presidente dende hai máis de vinte anos da asociación organizadora

.
Fran Rodríguez
Carballo / La voz

Dicía onte José Antonio Vilariño en Radio Voz Bergantiños que «o que funciona non debe cambiarse», de aí que nos máis de vinte anos de historia da Festa do Berberecho de Baldaio se servise o produto cociñado de tres xeitos: ao vapor, en salsa e en empanada. «Demándase moito vapor, pero tamén hai moita xente á que lle gusta en salsa» engadía o presidente da comisión organizadora no Voces de Bergantiños.

A cita está programada para mañá, cunha previsión climatolóxica favorable e cuns precedentes máis que prometedores. «Estamos volvendo a eses anos de bonanza -anteriores á crise-, nos que se consumía unha tonelada de produto. O ano pasado foi fóra de serie: a mediodía non había por onde andar sequera», dicía onte Vilariño.

-Moita música acompañará este ano á celebración.

-Ademais da comilona temos sesión vermú coa orquestra Enigma, e pola noite están outra vez os de Enigma e máis o dúo Kiko e Noelia. A idea é que se prolongue dende a unha e pico, cando servimos os primeiros berberechos, ata as dúas ou tres da mañá.

-¿Cantos quilos prepararán?

-Esperamos ter mil quilos, se os conseguimos, que parece que hai pouco produto e estamos pendentes do que se colla estes días. Como é habitual, prepararanse en vapor, en salsa e en empanada.

-¿Ten algunha predilecta?

-Prefiro gardalo para min, porque se me escoitan as cociñeiras... ¡Igual me van á chepa! Gústame dos tres xeitos, aínda que cada persoa é un mundo, claro.

-¿Cantas persoas colaboran?

-Arredor de 30 persoas, aínda que vai variando segundo o ano e a carga de traballo que teñamos. Na cociña hai cerca de 10.

-¿Cando comeza o traballo de elaboración do berberecho?

-¡Xa empezou! Xa onte [polo mércores] pelaron a cebola toda e hoxe [por onte] estiveron picándoa, para comezar a dourala e poder facer a salsa, que se prepara a fogo moi lento e con tempo. As empanadas encargámolas a unha panadaría, porque requírese doutros materiais que nós non temos, e non daríamos feito.

-¿Cantas racións soen vender?

-O ano pasado despacháranse sobre 1.300 racións de berberechos, 700 de polbo e creo que unhas 250 de carne ao caldeiro. E, aparte, as empanadas, que o ano pasado se venderan sobre 240, se non recordo mal.

-¿A qué prezo sairán as racións?

-Máis ou menos como o ano pasado, pero non o saberemos ata esta marea [a pasada noite] e ata que vexamos a canto nos sae o produto. Creo que o teremos que subir un euro. Andará polos 12 a ración, seguramente.

-¿Non teñen suores fríos só de pensar no traballo que teñen aínda por facer?

-Son vinte e un anos xa nisto... [rise] E hai xente que se foi incorporando, pero a maioría estamos dende os inicios da fesa.

-¿Cal é o segredo para tal lonxevidade na asociación?

-Unha boa pregunta [ri]. Creo que o principal é traballar desinteresadamente e que haxa unha cabeza visible. Como en tódolos grupos: cando hai que rir, hai que rir con eles; e cando hai que ir tomar un viño, tamén se vai. Os problemas pásanse todos xuntos e, pese a que tamén temos as nosas diferenzas, solucionámolas.

-¿Agardan ter relevo xeracional?

-Pois espero que si, porque xa non somos os rapaces de hai vinte anos. Estamos todos agora nos 60, incluídas tamén as cociñeiras.

-A boa fama da celebración é un paso xa gañado.

-Si, sobre todo ao mediodía vén moitísima xente de fóra, ademais de os que veñen da zona. Hei de dicir que polos meses de abril ou maio xa comezan a chegarnos as primeira preguntas acerca de cando se celebrará o berberecho, e outros mesmo chaman aos bares da zona para ver se eles teñen idea. Moitísima xente repite dun ano para o outro, e iso, claro, anímate moito.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«O segredo destes vinte anos facendo a festa é traballar desinteresadamente»