«Tardarase anos en igualar a oferta á demanda de socorristas na comarca»
CARBALLO MUNICIPIO
Sergio Quintela Díaz, director deportivo da Federación Galega de Salvamento e Socorrismo, di que a certificación de profesionalidade marca ese desfase, pero recoñece que é clave para equiparar os coñecementos
22 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Sergio Quintela Díaz (Carballo, 1974) atópase estes días en pleno remuíño de traballo. Como director deportivo da Federación Galega de Salvamento e Socorrismo, participa nos diferentes campionatos que se celebran na Costa da Morte. Este cargo federativo compaxínao co de monitor de salvamento na Coruña e de socorrista na piscina do pavillón Vila de Noia de Carballo dende o ano 2000. Licenciado en maxisterio na especialidade de Educación Física, analiza a problemática xurdida nestes últimos anos pola dificultade dos concellos para completar os planteis durante o verán. Só na comarca hai 200 prazas solicitadas para verán.
-Hai anos, para ser socorrista precisábase ter tempo libre, ganas e saber nadar. Todo iso cambiou.
-Antes existían varios cursos e dependendo de quen cho dera, tiñas o título. Había socorristas en praias e piscinas con 80 horas de formación e outros, como os da federación, con 360. E todos cobraban o mesmo polo mesmo servizo, pero con diferentes graos de formación, de aí todo este problema cos socorristas.
-¿Cal foi a solución entón para homoxeneizar os títulos?
-Creouse un certificado de profesionalidade hai uns catro anos para igualar todas as formacións. Agora o de natación ten 120 horas, o de prevención, 90, o de primeiros auxilios, 70... Hai moita máis formación e os socorristas saen máis preparados e todos coa mesma titulación.
-É que nin pagando os concellos atopan un socorrista e iso que, por exemplo, o Sysca ten máis de 200 deportistas.
-Creouse este decreto para que os socorristas tivesen a mesma formación e cobrasen un soldo digno de acordo a esa formación e polos riscos que corren polo traballo desenvolvido. O que ocorre é que as empresas e os concellos non están adecuados a este novo escenario. Hai poucos socorristas porque o decreto limita a 15 persoas por cada aula de formación de 90 metros cadrados. Na federación temos dúas aulas e soamente podemos formar a 15 socorristas en cada unha, cada tres meses. Ademais, agora restrinxiuse moito o tema dos cursos, xa que antes podíao facer calquera empresa, agora ten que ser un centro homologado. Por así dicilo, a fábrica de crear socorristas vai moito máis lenta do que reclaman os concellos Hai moita máis demanda que oferta.
-Tamén hai que falar das diferenzas salariais ofertadas polos concellos. En Laxe tiveron que subir de 1.100 a 1.500 euros netos para acadar os seis socorristas.
-Hai catro anos cobrábase, de media, uns mil euros; hoxe uns 1.400-1.500.
-¿Non hai posibilidade de homoxeneizar as nóminas?
-Chegará un momento no que iso se logre, pero iso non sucederá ata que a oferta de socorristas se iguale á demanda.
-¿E cando sucederá iso?
-Tardarase anos porque agora estamos nun momento no que iniciamos o tema do certificado de profesionalidade. Co tema dos soldos faise un bulo entre os socorristas. A xente saca a titulación porque lle é rendible economicamente. Cada vez haberá máis socorristas e, polo tanto, os soldos iranse equilibrando segundo pase o tempo.
-¿Podería exercer agora mesmo un campión de España de salvamento e socorrismo?
-Non, precisa como os demais o certificado de profesionalidade.
-Praias como a de Laxe, que en teoría non é perigosa, ten cinco socorristas, e outras, como Soesto ou Traba, nas que os surfistas rescatan a bañistas en perigo, carecen de servizo.
-Que haxa, ou non, socorristas e o número de prazas non o marca a perigosidade da praia, márcao o concello en cuestión que quere a bandeira azul nesa praia. A política da bandeira azul é a que marca que un alcalde o un concelleiro queira ter socorristas nunha praia determinada. No caso de Laxe, que vostede me pon, queren a bandeira azul na praia do pobo.
-Pero non é perigosa.
-Pero si queren poñer alí a bandeira azul e por iso queren cinco socorristas, aos que lles pagan 1.500 euros ao mes. Non importa que Soesto non teña servizo, sendo o dobre de perigosa.
-¿E non se pode esixir?
-Xa esta feita esta petición dende a federación, pero o problema é que non hai nin socorristas para cubrir as praias con bandeira azul. Primeiro é cubrir os servizos nesas praias e logro reclamalos nas máis perigosas.
Un curso de ata 1.700 euros de custe para exercer nunha praia ou piscina
«Para poder traballar nunha praia tes que pagar 1.300 euros polo curso formativo, e se queres ampliar os coñecementos á piscina debes pagar uns 1.700 euros», comentou Sergio Quintela Díaz, quen engadiu: «O que ocorre agora é que ao ver que non hai socorristas, tanto a Deputación como a Xunta ofertan cursos para desempregados ou xente que non ten recursos para afrontar este custe e por ese lado si que é certo que se mellorou».