
A arquitecta Sandra González dirixe os obradoiros para nenos «A vila do mañá», que onte botaron a andar en Carballo
17 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Botou a andar en Carballo o obradoiro A vila do mañá/A cidade do mañá, creado e dirixido pola arquitecta Sandra González Álvarez (O Carballiño), socia honoraria da Asociación para a defensa do patrimonio cultural galego (Apatrigal). Baixo a iniciativa da área de Planificación e Mobilidade Urbana de Carballo, esta entidade colabora coa iniciativa, xunto co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a Escola Técnica Superior de Arquitectura e Post Arquitectos. Teais cede materiais.Toda esta semana seguirán pola mañá os talleres, nos que participan máis de 30 nenos de entre 5 e 12 anos.
-¿Como foi a primeira xornada?
-Unha toma de contacto. Intentamos saber cal é a visión que teñen os pequenos do lugar no que habitan. Debuxaron para nós e logo saímos cun marco dourado para enmarcar aquelas cousas que resultan importantes para eles. Debuxáronnos, por exemplo, o Mercadona ou o Gadis, pero tamén ríos e pontes. Leváronnos ata o San Martiño, ata a tirolina, tamén ata a igrexa ou o Concello e, grata sorpresa, ata a biblioteca nova: arquitectura contemporánea tamén é patrimonio. O dos supermercados confírmanos a teoría de que os nenos hoxe viven nunha caixa. Desprázanse nunha caixa máis pequena, que é o coche; e chegan a unha caixa máis grande, que é o centro comercial, o colexio ou os propios parques infantís, que acaban sendo recinto pechados onde meter os nenos.
-¿Como xorden estes talleres?
-Son unha arquitecta saída en tempos de crise. Atópome con que as cidades se seguen construíndo igual e que a arquitectura e o urbanismo seguen sendo os mesmos ca antes. A cidade do mañá é unha provocación cara a propia arquitectura: se houbo un momento no que estopou unha burbulla e os plans urbanísticos non funcionaron, entón é que ao mellor hai outra forma de facer as cousas. É tamén, unha provocación cara a educación: cheguei á carreira e para min a arquitectura eran a Acrópoles de Atenas e a catedral de Santiago, cando ao final a arquitectura é todo espazo que habito e no que me relaciono. Se non entendemos ese concepto, entón dá igual vivir en Carballo ca no Carballiño ou en Madrid. A cidade do mañá é unha provocación á Escola Técnica Superior de Arquitectura, á materia de urbanismo, porque se segue estudando como unha lei matemática e económica, esquecéndose do máis importante, as persoas. Nacemos, pois, como unha provocación, no 2016. O primeiro taller fixémolo en decembro, en Rianxo, e pensamos que a nosa traxectoria ía ser esa, pero resulta que non.
-Funcionaron.
-Si, foron os foros de rehabilitación de Rianxo, contei alí o que era A cidade do mañá, había alcaldes e comezaron a chamarnos para distintos concellos. Empezou así a xira do verán: sempre poño como exemplo a Panorama, o Combo Dominicano e nós [ri]. Comezamos en Ames e seguimos por Verín, A Pobra, Mondoñedo, Milladoiro e Ribeira. Comecei tamén a mandar a estratexia a congresos: o primeiro no que nos aceptaron foi en São Paulo. De aí, á Universidade Mackenzie. Na UDC incorporeino como innovación docente. Logo estivemos no congreso internacional de Mundo Educa. De aí mandeino á Bienal de Venecia, onde teño tres proxectos expostos. Tamén se mandou a Ludantia, primeiro congreso internacional de arquitectura e educación, onde nos deron premio pola metodoloxía. Agora en setembro seleccionáronnos como ponentes para ir a Viena: levarei Rianxo, Carballo, Bueu...
-¿Por que os nenos?
-Porque non están contaminados polo coche. Non teño carné de conducir e sigo mantendo que a cidade ten que ser para os peóns: penso que a xente se transforma ao volante. Non viven a cidade dun xeito igual. Aos nenos, se os educas no lugar no que viven e xeras un vínculo, ese lugar será unha parte deles. Carballo estará no seu imaxinario. A mirada dos nenos é máis pura. A diferenza que hai entre os debuxos que me fan o primeiro día, da cidade que ven, e a súa proposta de transformación dun lugar, co que imaxinan, é surrealista. Na súa proposta aparecen verde, xente, nenos... Tonucci dicía que nos criamos con medo ao lobo e ao monte. O lobo dos nosos pesadelos de nenos converteuse á cidade.
-¿Teñen plans de visita a outros municipios desta bisbarra?
-Estivemos falando con Malpica, pero este ano estabamos fóra de presuposto. Tamén o intentei con Arteixo, unha cidade industrial que vive de costas á súa propia industria. De aquí irémonos para Bueu, Vilagarcía, Ferrol...
-¿Que veu vostede en Carballo?
-Cheguei no 2013, nun curso de verán de estratexias cidadás para tempos de crise. As medianeras eran o gran trauma e vin un Carballo desmotivado: a xente dicía que antes había un balneario, un antigo Concello, a Casa de Chinto... «E agora non hai». Faltáballes unha identidade, pero agora, cinco anos despois, atopo un Carballo que ten xa unha nova. Aquelas medianeiras que eran un problema hoxe confírenlles identidade, e con novas pezas, como a biblioteca. Carballo, para min, evolucionou moito. O centro era daquela todo coches e agora está xa case todo peatonalizado. Estou moi ilusionada co Carballo que vexo.