«É importantísimo para un país defender esa parte do seu patrimonio cultural que é a música popular»

P. Blanco, V. Couto CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

PACO RODRÍGUEZ

Xosé Vicente Ferreirós, Pepe Ferreirós, músico e cofundador do grupo Milladoiro, falou onte en Radio Voz Bergantiños. O grupo actúa hoxe no Festifolk

07 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Milladoiro de sempre e, ao mesmo tempo, un Milladoiro renovado, escribe Víctor Freixanes. O Festifolk Costa da Morte, dende Carballo, brinda hoxe unha oportunidade única de achegamento a unha das bandas máis emblemáticas deste país (22.30 horas, Festifolk). Chega á capital de Bergantiños co seu novo disco, «Atlántico». Unha primicia, logo, antes do pronto paso por Ortigueira. Xosé Vicente Ferreirós, Pepe Ferreirós, é un dos integrantes do grupo e ademais cofundador do mesmo. Lembraba onte en Radio Voz Bergantiños como foron aqueles comezos: «Recórdoos con moita ilusión. Eran momentos moi diferentes aos actuais para a música tradicional e popular. Nós eramos un grupo de rapaces novos que tiñamos unha mesma idea na cabeza, preservar e traballar por esta música, poñela en valor. Era o que latía no fondo de todos nós», contou Ferreirós. Aquela idea forxada a finais dos 70, no 79, segue vixente hoxe, case corenta anos de traxectoria despois: «O que ocorre é que co paso dos anos as circunstancias mudaron moito. Dunha situación escura e pechada, dunha situación na que a música popular estaba que aparecía e desaparecía, sen que se valorase o que ela gardaba, pasouse a algo moi distinto. Hoxe en día dá gusto ver que moitos rapaces saben tocar a gaita, coñecen os nosos ritmos populares, hai cantidade de grupos, escolas... Naqueles momentos iniciais, incluso se querías aprender non había onde, porque era dificilísimo».

Catro decenios pasaron e hoxe Milladoiro segue estando «moi ben»: «Acabamos de sacar un disco á rúa, co que iso conleva. Seguimos traballando na mesma liña do que levamos facendo cerca de 40 anos. Traballando nesas melodías que o pobo soubo gardar e ás nós lle damos unha forma máis actual. Sen perder, xa digo, o lazo coas orixes de onde vén iso. Tratar de transmitilo á maior cantidade de xente posible, non só aquí en Galicia, senón tamén por fóra, mostrar unha parte da túa identidade, do teu ser».

Melodías recompiladas, gardadas por xente anónima, gaiteiros, pandereteiros, músicos en definitiva que o facían porque crían que iso formaba parte da súa identidade, di Ferreirós. «Moitas veces sendo pouco escoitados, nada comprendidos, seguiron insistindo. Así nos chegou a nós e, agora, nós somos transmisores, para as xeracións vindeiras». A súa primeira visita a Bergantiños foi para coñecer ao párroco Saturnino Cuíñas. Aquel encontro marcou a Pepe e o segundo disco dos vinte e pico que leva Milladoiro sería chamado así, «Berro seco». Un berro unísono da terra, como o que el fai cando manifesta: «É importantísimo para un país defender esa parte do seu patrimonio cultural que é a música popular».

Os horarios do Festifolk Costa da Morte

20.30. Proxecto Nordés é o grupo folk da Escola de Música de Cee. Coordina Fernando Fraga. Abrirán hoxe o cuarto Festifolk

21.00. Desfile de gaiteiros. Grupos chegados dende ditintos puntos da comarca percorrerán o centro de Carballo. Saída ás 21.00 da Praza do Concello

21.45. Recoñecemento e entrega do premio Gaiteiro do Festifolk. Intervencións das partes implicadas na organización

22.15. Todos os gaiteiros interpretan xuntos na Praza a Marcha do Antigo Reino de Galicia. Un dos intres máis simbólicos