«Hai que traballar arreo polo ben do folclore, pero facémolo de boa gana»

MArta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

FESTIFOLK | «Onde hai gaita e acordeón, hai alegría», di Esteban Blanco, presidente de Arume (Caión). Fala tamén Tino Lema, de Maruxía (Laxe)

06 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Doado non é o termo que empregaría Esteban Blanco para definir o seu labor como presidente da Asociación Cultural Arume (Caión): compaxina un traballo a xornada completa, os ensaios con Xacarandaina (grupo do que forma parte dende hai anos), as súas obrigas familiares e os traballos con Arume. «Hai que traballar arreo polo ben do folclore, pero facémolo de boa gana, para preservar as tradicións», indica. Unha decena de músicos de Arume participarán mañá na cuarta edición do Festifolk Costa da Morte: traerán gaitas, tambor, bombo e pandeiretas. Os ingredientes precisos para armar a festa polas rúas de Carballo, nas que tocarán muiñeiras, balses, pasarrúas e algunha jota.

A variante tradicional de Arume -Os Esteiróns, leva por nome o grupo de música- é relativamente recente, pois naceu no 2011, aínda que a asociación levaba xa o seu tempo existindo. Esteban foi bailador nos inicios da agrupación tradicional, despois deixouno e comezou a formar parte de Xacarandaina, e máis tarde retornou, facéndose cargo da presidencia no pasado mes de decembro. «Moita responsabilidade», di, e moito esforzo para lograr uns espectáculos coidados e moi logrados (en canto a vestiario e coreografías), pero todo iso «paga a pena» ao ver como medra a agrupación en canto a socios (máis dun cento), pero tamén no número de alumnos que participan nalgunha das clases que oferta a entidade (arredor de 60, e de todas as idades).

Di Esteban que grazas a convites como o do Festifolk poden «darse a coñecer» e amosar ao mundo a súa arte tradicional. En agosto, de feito, participarán nun intercambio cultural cun grupo portugués, e máis de corenta músicos laracheses desprazaranse ao país luso para levar alí a tradición gaiteira galega. Tamén toman parte en vodas enxebres, nas que sempre é de agradecer un toque de folk: «Onde hai gaita e acordeón hai alegría», sostén.

Vinte anos de Maruxía

Con algo máis de experiencia se presenta a agrupación laxense Maruxía, que no 2019 celebrará o vixésimo aniversario. Para Tino Lema será o seu decimonoveno ano formando parte desta banda de gaitas, que acudirá ao Festifolk con 12 compoñentes despois de ter participado xa en edicións anteriores. «Levaremos pezas que forman parte do noso repertorio habitual», indica Lema. «Teriamos como para tocar catro ou cinco horas seguidas», engade entre risas. O certo é que non será nada novo para Maruxía, pois son xa uns asiduos aos festivais e celebracións tradicionais da comarca e van xa camiño aos 20 anos do Día da Gaita.

«Hai moita colaboración entre as asociacións. E entre nós, pois somos en realidade un gran grupo de amigos, como unha familia». Cando hai paixón, o traballo deixa de ser traballo.