Carballo abre a súa Praza dos Libros: catro días de letras

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCÍA

María Xosé Silvar, Sés, dará hoxe o pregón ás 12.30 horas. Hai previstas tamén varias presentacións

05 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende hoxe ato o domingo • Catro días de letras, de literatura e de actividade en torno á creatividade cultural botan a andar hoxe en Carballo, cunha nova edición da Praza dos Libros, das 11.00 horas en adiante. Unha xornada forte na que destaca o pregón de Sés e no que xa estarán dispostos para a atención e vendas os nove estands ou casetas participantes este ano, aglutinando a Bibliotecas de Carballo, libraría Á lus do candil (Arteixo), Brañas Verdes (Carballo), Demo (A Coruña), Ler (Carballo), Punto e Coma (Carballo), Roget (Vimianzo), Phottic (Carballo), Teldy (Carballo) e Trasgo (tamén Carballo). As principais novidades en publicacións en galego e por suposto as últimas obras de autores locais terán cabida nesta Praza que tamén reserva un apartado esencial para os máis novos.

A Fundación Luís Calvo Sanz volve colaborar unha vez máis coa Praza, que dá así por aberto o groso do Verán Cultural na capital de Bergantiños. Unhas 250 latas de atún están preparadas para agasallar con cada libro mercado nesta mañá na que tamén haberá mercado. Agardaba Luciano Calvo hai uns días que non chegasen. Librarías xa veteranas e outras que son novidade conviven neste achegamento cultural, tendo o día varias paradas:

Toda a mañá: Libros con atún e Anxo Moure

Por iniciativa de Calvo entregarase hoxe pola mañá atún con cada libro mercado. Anxo Moure, coa súa biblio-barca e a súa «Fábrica dos corazóns», animarán a Praza.

ANGEL MANSO

12.30 horas: Pregón de María Xosé Silvar, Sés

Bergantiñá, a encargada de abrir hoxe de forma oficial a Praza dos Libros será a cantareira María Xosé Silvar, Sés. Actuará a Banda Municipal de Gaitas de Carballo.

CESAR QUIAN

18.30 horas: Pablo Díaz: concerto infantil

Tempo reservado para os máis novos. Pablo Díaz conducirá esta tarde un concerto infantil-presentación do libro disco «Coas miñas mans» (editorial Galaxia).

20.00 horas: «Carballo na memoria»

Presentación do libro «Carballo na memoria», de Xan Fraga (editoriais Galaxia e Phottic). Acompañan Evencio Ferrero, alcalde; Xosé Soutullo e Manuel Pan.

M. MORALEJO

21.00 horas: «Sen piedade»

Pedro Feijoo, autor de obras como «Os fillos do mar» ou «A memoria da choiva», visita hoxe a Praza para presentar o seu libro «Sen piedade», publicado por Xerais.

Horarios

A Praza dos Libros comeza hoxe e rematará o domingo, día 8. Casetas abertas de 11.00 a 14.00, pola maña, e de 18.00 a 22.00 horas, pola tarde

Descontos

En todas as xornadas que dure a Praza dos Libros carballesa, todas as obras alí mercadas terán un desconto dun 10 %. Unha oportunidade

Atún, pan e mercado

Hoxe, xoves, con cada libro mercado entregarase unha lata de atún. O domingo, un bolo de man. Ambos días haberá mercado en Carballo

Agasallos

Hai centos de premios pola compra de libros a través de tarxetas rasca que tamén son marcapáxinas. Camisolas, chapas, chaveiros, cadernos...

Ana Garcia

«É unha crónica fotográfica do século XX»

O carballés Xan Fraga presenta esta tarde, ás 20.00 horas, «Carballo na memoria», editada por Galaxia, que inaugura a colección Daguerrotipos, e Phottic, esta última carballesa. Un repaso á evolución da vila dende moi distintos aspectos.

De sobra é coñecida a paixón do docente Xan Fraga (Carballo, 1958) pola historia en xeral e, particularmente, pola local. Súas son as «Crónicas de Carballo, 1900-1980», xa con catro entregas, e súa será tamén unha das presentacións previstas para esta xornada inaugural da Praza dos Libros. «Carballo na memoria» -colección Daguerrotipos-, traslado ao papel dun proxecto de recuperación da memoria colectiva máis amplo [carballonamemoria.org], é o título que Fraga dará a coñecer esta tarde, nun acto programado para as 20.00 horas. Galaxia e Phottic, esta última con selo carballés, proxecto de Manuel Pan, están detrás da edición desta obra que vén a ser, como o autor di, «unha crónica fotográfica do século XX».

En certa medida, unha ampliación perfeccionada daquela Crónica fotográfica de Carballo que el xa tiña publicada hai uns vinte anos, no 97, un percorrido ata o ano das primeiras eleccións municipais, 1979, un repaso á traxectoria dunha vila dende múltiples aspectos. A través dos económicos, por exemplo, mais tamén a través de personaxes ou mesmo da vida política. Aspecto fundamental resulta ser, como xa o propio Fraga ten abordado en diversas intervencións, a evolución arquitectónica e urbanística dunha vila que hoxe nada ten que ver con aquela deseñada noutro tempo, cando aquí interviñeran algúns dos arquitectos máis recoñecidos, como Xulio Galán, Eduardo Rodríguez Losada ou Ricardo Boán y Calleja. A finais dos 60 e 70 marcouse un punto de non retorno de cara esta localidade que hoxe ocupa o número 11 de Galicia, froito do crecemento á luz das feiras, do balneario ou de ser como é unha encrucillada de camiños. Esta obra que hoxe se presenta sintetiza toda esta evolución e é froito en gran medida do propio arquivo de Xan Fraga, completado por achegas colectivas do proxecto «Carballo na memoria», para a recuperación de imaxes do pasado que trouxeron ata este presente, valéndose dos novos medios dixitais e tecnolóxicos. O carballés sempre foi un defensor de que a capital de Bergantiños crease «a súa grande fotototeca» e, indo aínda máis aló, a da comarca.

Día de festa en Galaxia

Nese contexto chega esta obra en papel, pequenas píldoras «con pés de mínimos», como Xan lles chama, para situar ao lector. Non será a única intervención do historiador na Praza dos Libros, xa que ás 12.30 do domingo volverá firmar exemplares. «Hoxe é día de festa na Editorial Galaxia pois nace a colección Daguerrotipos, unha serie de libros que pretenden axudar a salvagardar a memoria fotográfica galega. O proxecto, en colaboración con Phottic, nace do convencemento de que non se debe deixar morrer o riquísimo patrimonio fotográfico que atesoura o noso país. O primeiro volume vai dedicado á vila de Carballo. Pero haberá moitos máis», escribía onte Francisco Castro, director de Galaxia, nas súas redes.