«A gaita aos galegos ata nos acompañá á tumba»

CUENTA ATRÁS PARA EL FESTIFOLK | O Son do Castro, Os Farrapos e Xaramiños tamén estarán presentes no encontro en Carballo


CARBALLO / LA VOZ

Sábado • Queda cada vez menos para a cuarta edición do Festifolk Costa da Morte, unha iniciativa que o sábado converterá Carballo no punto de encontro de gaiteiros chegados dende distintos puntos da comarca. La Voz de Galicia, Radio Voz, Concello de Carballo e Conservas Calvo unen forzas para a organización desta festa que abrirá coa actuación de Proxecto Nordés e quedará pechada co concerto de Milladoiro. Entre ámbalas cousas, momentos tan especiais como o desfile de gaiteiros polas principais rúas do centro de Carballo. Para iso, protagonistas son os grupos. Xa se ten contado da Banda Municipal de Carballo, mais tamén haberá outros, entre eles O Son do Castro (Borneiro, Cabana); Farrapos de Neaño (tamén Cabana) ou Xaramiños do Corpiño, dende Muxía.

O Son do Castro

«Somos un macrogrupo», conta Fernando Mato, ao fronte de Ao Son do Castro cando se lles pregunta cantos poderán estar no Festifolk. Serán sobre 17 ou 18 dos vinte que forman parte da banda. O seu apoio non decae: «Fomos dos primeiros en participar no Festifolk e a min particularmente paréceme unha idea moi boa, moi acertada, un encontro de moito interese. Sempre que poidamos, nós imos ir», avanza. Son datas complicadas, pero explica el que, tendo a proposta con antelación, non queda máis que organizarse: «O verán dá para o que dá e se queremos ter bo tempo, ten que ser en datas do verán». Detalla que nesta banda de Borneiro funcionan case como unha pequena escola de música. Teñen o seu profesor e van aprendendo, convivindo xeracións. Dende o integrante máis novo, que debe de andar polos 15 anos, ata o de maior idade, cuns 72. Polo medio, como Mato di, xente de 50 (54 ten el), de trinta ou de sesenta e pico. «Pódoche asegurar, porque aínda que lle cambiamos o nome ao grupo os que empezamos con isto fixémolo xa hai uns oito anos, que o da gaita é algo incrible», di Fernando. «Aos que nos gusta e aos que temos paixón por isto, non é que se forme un grupo de amigos, é que se forma unha familia», detalla. «O vínculo que tes a veces é aínda maior. Porque vivimos tantas cousas e momentos tan especiais que ao mellor aínda non se dan nunha familia ben levada», engade. El está á cabeza da formación cabanesa, pero sénteos a todos por igual.

Ata a morte

Trasladar cal é o sentimento que produce unha gaita non semella difícil, pero Mato ten anécdotas para iso: «Mira, a gaita, aos galegos, ata nos leva á tumba». Ten tocado Ao Son do Castro en vodas, en comuñóns, en romarías e en festas, pero tamén nalgún enterro: «Se se quere dicir así, a gaita ata nos despide deste mundo. Teño as miñas dúbidas [ri] de se a poderemos levar para alá... pero de verdade que é algo impresionante». Valora moito este espírito de encontro que deu pé ao Festifolk. Xentes da comarca reunidas: «E se vén algún grupo de Pontevedra ou de outro lado, tampouco pasa nada».

Milladoiro será un bo final de festa e, de feito, ten feito súas pezas vinculadas ao sacerdote Saturnino Cuíñas, como ben recorda Antonio Castro dende Os Farrapos.

Os Farrapos

Dende Neaño chegarán uns sete gaiteiros, dos 12 que ten ao grupo e que van dando cabida a novas incorporacións. «Acaban de empezar agora dúas rapazas», di Costa. Cre que haberá futuro e relevo para a música tradicional e tamén agradece esta idea de «reunirse e pasar un día de festa», o mesmo motor da súa terceira Foliada Farrapeira, na que contan ter uns dez grupos este verán. A Carballeira de Zas ou a Tarde-Noite no Medievo de Riobó son outras das citas para eles este verán.

Xaramiños do Corpiño

Javier Cachafeiro fundou no seu día, aló polo 2007, o grupo Xaramiños do Corpiño, de Muxía. Hoxe, el está en Ibiza, polo que vén sendo Beatriz Búa a que está ao fronte da formación. É ela quen dá as clases aos nenos e quen aprende as pezas. Un ano máis, virán dende a vila da Barca ata Carballo para participar no Festifolk: «Paréceme algo fantástico, porque nós coñecemos grupos de aquí da volta, pero ao mellor aos de Bergantiños non tanto e esa é unha forma de xuntarnos os gaiteiros, os amantes da música tradicional». Unha quedada que para Beatriz ten un momento clave, a interpretación conxunta da Marcha do Antigo Reino de Galicia: «Cando soa, emociónome. Ponme os pelos de punta. O primeiro ano caíanme as bágoas», confesa. En Xaramiños teñen gaita, tambor, bombo, pandeireta e tamén acordeón. Mesmo clarinete cando vén Javier. Actúan sobre todo nas festas da volta e case non hai fin de semana no verán que non teñan algunha romaría. O domingo unha moi especial, en Vilastose, onde este ano recuperaron a partitura dunha danza de paus do 95 que sumarán á xa tradicional de espadas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«A gaita aos galegos ata nos acompañá á tumba»