«A gaita facía bailar aos nosos avós e iso é algo que nos quedou dentro»

P. Blanco, V. Couto CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

O director da Banda Municipal de Gaitas de Carballi, Suso Moreira, asegura que a introdución deste instrumento no Conservatorio marcou un fito. A agrupación tomará parte no Festifolk Costa da Morte deste sábado, en Carballo

04 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Unidos polo mesmo son». É unha lenda que vén resume o espírito do Festifolk Costa da Morte. Comezou a conta atrás. Este vindeiro sábado será tempo de encontro en Carballo, tempo de exaltación do poder gaiteiro. Comezará a festa con Proxecto Nordés e seguirá co desfile de grupos polas principais rúas da capital de Bergantiños. Nesta cuarta edición volverá estar presente a Banda Municipal de Gaitas de Carballo, fiel á cita. O seu director, Suso Moreira (Mens, 1975), avanza que aínda que as datas cadran con outros compromisos variados, mesmo laborais, a formación poderá participar do Festifolk Costa da Morte.

-¿Que lle parecen estes encontros onde se exalta o poder da gaita e o poder dos gaiteiros?

-Todo o que sexa participar neste tipo de actos que lle dan prestixio á nosa música é algo que enorgullece, algo que gusta.

-¿Cantas persoas teñen na Banda Municipal a día de hoxe?

-Oficialmente somos uns vinte na banda, pero ademais tamén temos sobre uns dez nenos xa en proxecto de ser bos gaiteiros [ri].

-Hai canteira, logo.

-Si, si que hai xente, si.

-Nas anteriores edicións do Festifolk había xente emocionada vendo o percorrido dos gaiteiros, escoitándoos. ¿Que ten a gaita que conecta tanto co público, e particularmente co galego?

-Home, eu penso que ten algo que ver precisamente con iso, con ser galegos. A gaita é noso instrumento, o instrumento que facía bailar aos nosos avós cando non había orquestras, cando non había radios. A forma de divertirse e de pasalo ben era esta. Supoño que iso nos vai quedando dentro e que logo nos fai ter ese sentimento cara a gaita.

-Vostede empezou tocando con once ou doce aniños. Dicía antes que na banda si vai habendo canteira. ¿Como cre que se podería fomentar o gusto dos máis novos por esta música tradicional?

-Oxalá souberamos como facer, pero tampouco eu o teño moi claro. Se por min fora, todos os nenos estarían namorados da nosa música. Pero iso hoxe é complicado, mesmo penso que ha de ser algo innato ou inculcado polos pais no caso de familias que xa estean metidas e lles guste isto. Na actualidade os nenos teñen moitas cousas que facer, moitas actividades, moito a onde ir e, por tanto, moito onde escoller. Aínda así, volvo dicir que, afortunadamente, para a nosa música si que hai interesados.

-Veñen de facer os pasarrúas do San Xoán e comeza agora un tempo de verán. ¿Como se lle presenta esta tempada á banda?

-Ben, ¡damos feito! Este xoves [por mañá] estaremos xa na Praza dos Libros de Carballo e logo no peche do Verán Cultural. Polo medio, sempre pode xurdir algo.

-Milladoiro, con 40 anos de historia, pechará esta edición do Festifolk. ¿Que lle parece ter este grupo na capital de Bergantiños?

-Paréceme algo estupendo. Milladoiro foi o precursor de moitos. Hoxe hai moitos grupos de moita calidade, pero no seu momento eles eran case únicos, pioneiros. Telos a eles aquí é un luxo.

-Falouse moito este ano do baile tradicional como patrimonio inmaterial. ¿Cal sería o seu soño para a música galega, a música feita polos gaiteiros?

-¡Uf! Non sabería que soño dicir, pero si sabería contar cal foi para min o grande avance nos últimos anos, algo que sae en moitas conversacións que teño. Foino a introdución da gaita no Conservatorio. Creo que foi un paso adiante, equiparar o noso instrumento a outros, cos mesmos dereitos, cando ata o momento e tristemente aínda agora a gaita para algúns segue sendo un instrumento de segunda, pobre.

Anote a data

Sábado 7 de xullo, en Carballo. Ás 20.30 horas, Proxecto Nordés. Ás 21.00, desfile de gaiteiros. Ás 21.45, entrega do Premio Gaiteiro do Festifolk. Ás 22.15, interpretación conxunta da Marcha do Antigo Reino de Galicia. Ás 22.30, concerto de Milladoiro.