Tempo de verán: a biblioteca Rego da Balsa convida: #biblionízate

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

José Manuel Casal

A primeira parada do programa inminente será a Praza dos Libros, pero hai moito máis e, ademais, felices novas

03 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A biblioteca Rego da Balsa carballesa vén de dar a coñecer un intenso programa de actividades co que anima aos lectores a espallar o virus da lectura. Baixo o hastagh #biblionízate un pode compartir en calquera das redes sociais deste espazo unha foto con aquilo que está a ler, contaxiando así o hábito. Unha das primeiras paradas será a Praza dos Libros, onde a Rego da Balsa estará presente polas tardes, de xeito que o xoves e venres o horario será reducido no emprazamento habitual: de 10.30 a 13.30 horas.

Novos puntos de bookcrossing -aqueles onde un pode coller e deixar libros, mesmo na praia- tamén forman parte dos plans. Seguirán, asemade, os clubes de lectura, tanto o da propia biblioteca como o da Asociación de Irmanamento con L’Isle Jourdain. As mañás de sábado entregaranse aos nenos e a un obrdoiro gráfico xa en marcha. Neste mes de xullo, segue o horario habitual (de 10.30 a 20.30 pola semana e de 10.00 a 13.00 os sábados), mentres que en agosto reducirase: de 10.30 a 13.30 de luns a venres, e os sábados de 10.00 a 13.00. A ludoteca da rúa Desiderio Varela, da súa banda, abrirá de 11.00 a 13.00; e na biblioteca municipal do museo un poderá acceder de 08.30 a 14.30. Ademais de tempo de verán é tamén tempo de felices novas para a biblioteca Rego da Balsa, dado que no último informe da Consellería de Cultura figura como a segunda das 202 que integran a Rede de bibliotecas públicas de Galicia en número de usuarios (1.734), só superada pola de Narón: 1.827. En préstamos, é a terceira, con 14.564, logo das de Os Templarios (Cambre) e Narón.