Un espazo de reflexión sobre a calidade da lingua

C. Viu CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

Carballo acollerá os días 18 e 19 de xullo, no Fórum, un novo curso de verán da UDC

30 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

18 e 19 de xullo • Fórum de Carballo • De 30 a 50 euros prezo • «Por moito que digan a situación da nosa lingua é complicada e complexa». O reitor da Universidade de A Coruña, Julio Abalde, resumiu deste xeito a necesidade do novo curso de verán que se celebrará en Carballo sobre normalización lingüística e que este ano se centra na calidade da lingua despois de ter abordado o uso do galego na economía, nas novas tecnoloxías ou na arte.

O Fórum carballés que será sede deste novo curso foi tamén o lugar da presentación. Ademais do reitor estiveron o alcalde, Evencio Ferrero, o director do ciclo, Xosé Manuel Sánchez Rei, e a presidenta da Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua, Anxos Sobriño.

No programa hai moitos nomes coñecidos na comarca e, sobre todo, vinculados a Carballo como é o caso de Xosé Ramón Freixeiro Mato, que abrirá os relatorios falando sobre a necesidade e o sentido di uso dunha lingua de calidade. Tamén estará Mercedes Queixas, quen falará desta cuestión desde o eido educativo.

Entran tamén as novas tecnoloxías neste curso, coa linguaxe que se emprega nas pantallas de teléfonos ou ordenadores.

Serán dúas xornadas intensas que rematarán con humor, porque unha das mesas redondas ten que ver sobre se é posible facer rir con boa calidade lingüística. É algo que se ocuparán de demostrar Isabel Risco, Quico Cadaval e Iván Capón.

Hai xa catorce anos que se celebran estes cursos de verán e once deles foron en Carballo. Foi na capital de Bergantiños onde naceron iniciativas tan importantes como os programas Apego e Youtubeiros. O obxectivo agora é, sobre todo, propor medidas para melloraren a utilización da lingua galega, cando menos no ámbito público.