A Praza dos Libros curará a morriña de San Xoán

Presentada onte, a Feira da Creatividade Cultural de Carballo celebrarase entre o 5 e o 8 de xullo

.

CARBALLO / LA VOZ

Coa roda do San Xoán aínda sen acabar de xirar, como dixo o alcalde carballés, Evencio Ferrero, vense de presentar unha nova edición da Praza dos Libros, Feira da Creatividade Cultural. Do 5 ao 8 de xullo, de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00, bulirá a actividade na Praza, o mesmo lugar onde onte, nun contexto de mercado, foi presentada esta iniciativa. Haberá novidades nos participantes e nove postos instalados: Bibliotecas de Carballo, libraría Á lus do candil (Arteixo), Brañas Verdes (Carballo), Demo (A Coruña), Ler (Carballo), Punto e Coma (Carballo), Roget (Vimianzo), Phottic (Carballo), Teldy (Carballo) e Trasgo (tamén Carballo). Todas as obras que se merquen eses días, detallou o edil Marcos Trigo, terán un 10 % de desconto e ademais recibiranse rascas a modo de marcapáxinas que darán opción a agasallos. Volve colaborar de novo a Fundación Luis Calvo Sanz, un apoio que Ramón Tasende, en nome dos libreiros, agradeceu, igual que ao Concello. Luciano Calvo, pola súa banda, desexou que as 250 latas de atún previstas para o xoves non sexan suficientes. Mentres, o rexedor lembrou o éxito do formato Praza: «A lectura fainos libres. Parabéns por levarlle o libro á xente». Queda agardar bo tempo.

Xoves 5 de xullo

Comezo da Praza dos Libros

Ás 11.00 horas botará a andar a actividade literaria.

Libros con Atún, toda a mañá

«Dámos a lata». Todas as persoas que merquen un libro nesta mañá de xoves serán agasalladas cunha lata de atún Calvo, cortesía de Conservas Calvo e a Fundación Luis Calvo.

Animación infantil con Anxo Moure

«A fábrica dos corazóns», unha peza de animación infantil a cargo de Anxo Moure e da súa biblio-barca irá animando toda a maña de Praza dos Libros e, tamén, de mercado.

Pregón de María Xosé Silvar, Sés

Punto de saída oficial, ás 12.30. Actúa a Banda de Gaitas.

«Coas miñas mans», de Pablo Díaz

Concerto infantil ás 18.30. Pablo Díaz presenta o libro-disco «Coas miñas mans», da editorial Galaxia.

Carballo na Memoria

Presentación, ás 20.00, do proxecto de recuperación da memoria colectiva Carballo na Memoria, con Xan Fraga.

Presentación con Pedro Feijoo

O autor presenta «Sen piedade» (Xerais).

Venres 6 de xullo

Concerto infantil «Eu cociño. Ti cociñas?»

Libro-disco da popular agrupación Mamá Cabra (Galaxia). Ás 12.00 horas.

Concerto infantil con Pakolas

Xa pola tarde, ás 18.30 horas, sesión de Pakolas. Libro-disco do mesmo nome (Galaxia)

Presentación do álbum ilustrado «Pioneiras»

«Pioneiras» é unha publicación en Xerais de Anair Rodríguez, con ilustracións de Nuria Díez. Presenta Melina Regueira.

Presentación con Manuel Rivas

O autor volve de novo á Praza dos Libros, da que foi pregoeiro na pasada edición, para presentar a súa última obra publicada, «Contra todo isto. Un manifesto rebelde», da editorial Xerais. Presenta a xornalista Verónica Couto, locutora de Radio Voz Bergantiños.

Sábado 7 de xullo

Álbum ilustrado infantil «Lica»

Ás 11.30 horas, sesión de obradoiro e tamén de presentación do álbum ilustrado infantil «Lica», da carballesa Beatriz Fraga. Para nenos de 4 a 7 anos, con inscrición previa na biblioteca Rego da Balsa: teléfono 981 758 580.

Presentación con Mercedes Queixas

Contacontos para os máis novos sobre «Xandra, a landra que quería voar». Espazo de convivencia coa autora, Mercedes Queixas, de raíces larachesas. Sesión ás 12.30 horas.

Sinaturas de autores de Carballo e comarca de Bergantiños

Rosalía Fernández Rial (obra «Bonus Track»), Héctor Pose («Mar de invernía»), Beatriz Fraga («Lica») e Selina Otero («Unha educación de premio») firmarán exemplares destas súas obras para quen se achegue. Ás 20.00 horas.

Derrubando Muros e Festifolk

Fin de xornada artístico, primeiro cunha visita polos murais de «Derrubando muros con pintura», ás 20.30 horas. Tamén ás 20.30 botará a andar o Festifolk: Proxecto Nordés, desfile de gaitas, interpretación conxunta do Himno e peche coa histórica formación Milladoiro.

Domingo 8 de xullo

Toda a mañá: «Un libro, un pan»

Presentación de Emma Pedreira

Ás 12.00 horas, obra «Bibliópatas e fobólogos», Premio da Crítica Española de Narrativa. Presenta a xornalista Patricia Blanco.

Sinatura con Xan Fraga

Libro «Carballo na Memoria», ás 12.30 horas.

Sesión vermú con Bonus Track

Obra de Rosalía Fernández Rial: 13.00.

Concerto infantil: Radio Bulebule

Presentación do libro-disco homónimo, con Paco Nogueiras: 18.30. Ed. Kalandraka.

«Dorna Saudal», con Miro Villar

Léxico de Antón Zapata. Presenta Xosé Ameixeiras: 20.00.

Presentación de «Luns», con Eli Ríos

Premio Torrente Ballester, Eli estará con Queixas e Goretti Sanmartín: 21.00.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

A Praza dos Libros curará a morriña de San Xoán