«A liberdade da muller é o reto da humanidade neste século XXI»

Patricia Blanco
Patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Santi M. Amil

O coruñés Enrique Sáez Ponte presentará un ensaio en Carballo, no Casino, acompañado por Xavier Alcalá

28 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«As sociedades do século XXI asisten con preocupación ao ascenso da desigualdade, ao imparábel crecemento do poder das elites económicas e políticas, á expansión da influencia de novos autócratas e dos sentimentos de pertenza á tribo, á progresiva radicalización de posturas dos cidadáns, reforzada polo mal uso e a manipulación das redes sociais... Non logramos que as mulleres consigan niveis de dereitos e oportunidades similares aos dos homes, mentres non cesa a violencia de xénero. O recipiente institucional no que se desenvolveu o Estado de Dereito perde confianza e poder, mergullado na globalización (...) Mesmo a construción da UE rexistra retrocesos importantes», escribe Enrique Sáez Ponte (A Coruña, 1947), economista, presidente da Fundación Juana de Vega e escritor. Mañá, no Casino de Carballo, presentará ás 20.00 horas a súa obra A liberdade no século XXI. Acompañarao Xavier Alcalá. Ensaísta, director de banca durante moito tempo e con longa experiencia en dirixir persoas e analizar procesos sociais, ofrece no libro solucións.

-Dicir que a liberdade vai a menos é unha afirmación valente.

-Bueno, non digo tanto que vaia a menos, senón que ten desafíos novos derivados de que o poder se acumula. Como a sociedade é moi grande... Hoxe somos 500 millóns e cando empezamos a pensar nisto da liberdade e en como nos organizamos eramos 800. O poder sempre se acumula, sempre.

-Na acumulación do poder, parece, é onde comeza o problema.

-Si. Xa Montesquieu a mediados do século XVIII falaba da división de poderes, para evitar que mandara moito máis un ca outro. Xa el lle daba á cabeciña daquela [ri], o que fago eu non é novo, só que tentei actualizar as ideas ao mundo actual e, ademais, en galego [con Galaxia].

-No seu blog liberdadexxi.blog tamén aborda estas cuestións. ¿Que foi antes? ¿O blog, o libro?

-O blog é posterior. Estiven en Londres cando o brexit, escoitando en directo. E tamén cando foi o referendo do Escocia, escoitando debates, lendo xornais, falando coa xente. Interésame o que pasa. No libro fálase por exemplo dunha enfermidade propia dos aparellos burocráticos, que eu chamo mediocridade invasiva: iso vese. Hai un momento no que os mediocres teñen tanto peso... Non hai máis que mirar a veces para a política. Teñen un instinto de supervivencia brutal [ri].

-¿Que diría que lle pode ofrecer aos lectores este seu ensaio?

-Diría que é unha análise, con propostas, sobre os problemas fundamentais que temos na sociedade actual, froito da acumulación de poder. A desigualdade é un. Mais tamén falo das redes sociais ou da radicalización da sociedade, porque aínda que a xente pode recibir máis información, ocorre que ás veces é gregaria e só recibe aquela que lle interesa. Entro en todas estas cuestións, e de xeito independente. Propoño cousas, iso si, que ao mellor non gustan, como que un concello poida absorber ao veciño sempre que teña o dobre de poboación. En Galicia chegaba con ter 60 ou 70, e temos 313. Pero ao aparato político non lle interesa perder postos de traballo para amigos. Propoño tamén que non se poida ser político toda a vida e que se limite a posibilidade de herdar postos.

-Plantexa solucións prácticas.

-Claro, claro. Por iso a veces é politicamente incorrecto, tamén.

-¿Quen ten que actuar?

-Todos. Todos somos importantes e todos ou moitos, por exemplo, están en Facebook, a pesar de que Facebook está axudando a manipular a democracia. Se unha parte importante se dera de baixa, Facebook cambiaría. Entendo que non hai solucións fáciles: hai que actuar en política, pero tamén cada un de nós, somos responsables.

-¿Cre que hai solución, saída?

-Eu, como todos os que temos unha mentalidade liberal-solidaria, case decimonónica, tendo a ser optimista, porque confío na xente. Pero hai demasiada manada solta, e non só en Pamplona.

-Falando diso, aborda na súa obra a desigualdade da muller en canto a dereitos, a violencia de xénero.

-Si, e é tan así que o cuarto capítulo do libro está dedicado á liberdade da muller, especificamente. É o reto da humanidade no século XXI. Este ensaio ten cinco capítulos, tres dedicados aos acumuladores de poder: o primeiro, o poder do aparato; o segundo, o poder do diñeiro e, o terceiro, o da palabra. Só hai estes tres acumuladores, e estou contento desta especificación. O último dedícaselle ao Estado-nación. Creo que foi útil hai dous séculos, pero agora ten demasiadas debilidades.

-¿En que contexto chega a Carballo con este libro? ¿Como está sendo a acollida?

-Para ser un ensaio destas cousas, ben. Xa o reimprimiron dúas ou tres veces, son tiradas curtas. En Carballo pecharei probablemente o proceso de presentacións, nunha terra da que eu tamén teño algo, porque a miña nai era de Corme, miña avoa... En Carballo coñezo xente e virá Xavier Alcalá. Apetecíame unha presentación aí. Son encontros nos que a xente debate.