08 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xa moitos anos, non sei cantos, o mestre e escritor Otero Cebral editara un libro sobre o carro coas aportacións de moitos alumnos. A algunha xente chamáralle a atención, seguramente por ver como se di determinada peza nun sitio ou noutro, e a min tamén, pero polo contrario: ¿Para que ía contar algo que xa sabiamos todos? ¿Como non coñecer o xugo, as piogas, a chavella, os fungueiros..?

Claro, todos, todos, realmente non. Boa falta farían agora proxectos similares para manter os nomes que se nos van. Xa teño lamentado moitas veces que se nos escapan os da microtoponimia (onde non houbo concentración parcelaria aínda os van sostendo), pero iso ocorre tamén nos outros eidos dunha vida que antes era todo, un cosmos, un ecosistema diario, e hoxe só un apunte etnográfico da fin de semana cando vas comer á casa ou antes de que collas as patacas. ¡Pregunta polo menos se son baracas ou kennebecs!

Nun grupo determinado de Facebook comentaba o outro día a xente o nomes dunha planta (retratada en Carballo por un servidor). Os bilitroques, que por sorte aínda enchen moitas silveiras, hai rapaces que os estalan e moitas abellas que entran neles. Foi como abrir a pota da memoria de moitos. E dos nomes: abrulas, dedaleiras, bodoques, sabanolas, balocos, sanxiallaos, croques, croqueles, cloques, troques, croques, tríscalos, estalotes, bilincocas, estralouros, estraloques, abelurias, palitroques, estoupelos, estoupóns, estalantes...E moitos máis nomes que foron saíndo. Toda esta riqueza léxica vaise perder para sempre: xa non hai nin replicantes que as escriban.